A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG crea un grupo de traballo para enfrontar as principais problemáticas do sector da carne de vacún

O SLG crea un grupo de traballo para enfrontar as principais problemáticas do sector da carne de vacún

13 de Febreiro do 2017

Congreso Vacún de  Carne

O Sindicato Labrego Galego celebrou, o 11 de febreiro en Guitiriz, o seu Congreso de Vacún de Carne, un evento no que ademais de elixir unha dirección sectorial, nomeou un gandeiro e unha gandeira como responsábel e vicerresponsábel de sector: Lois Varela Carreira, d'A Conguada (Carteire, Palas de Rei) e Inés Casabella Requeijo, de Fanoi (Abadín). Ambos darán relevo ao seu predecesor e predecesora: Xosé Luís López Galán (Pedrafita do Cebreiro) e Mercedes Alonso (Cotobade). Ademais dunha dirección sectorial, no Congreso do SLG tamén se elixiu un grupo de traballo que se encargará da axenda deste sector no día a día Sindicato Labrego Galego.

Polo demais, o Congreso de Vacún de Carne do SLG serviu para que a afiliación debatese sobre os principais problemas e desafíos aos que se enfronta este sector. En certo modo, os debates, ademais do relatorio congresual, serviron para bosquexar a axenda do grupo de traballo. Cuestións como os prezos, a comercialización, a IXP Tenreira Galega, a fauna salvaxe, as axudas da PAC, o acceso á terra ou os servizos públicos no rural suscitaron os principais diálogos.

En cuestión de prezos, por exemplo, seguimos con valores moi baixos, en torno aos 4'40 e os 4'60 € por quilo, cotizacións máximas de 4'90 € para gando ecolóxico. Só na venda directa a carnicerías se alcanzan os 5 € por quilo. No Congreso, analizáronse experiencias de venda directa a clientes que son moito máis rendíbeis; pero, máis alá delas, os gandeiros e gandeiras criticaron feitos que inflúen negativamente nos ingresos das granxas, como que aínda non exista ningún tipo de inspección oficial que evite a fraude nas pesadas dos matadoiros ou a venda enganosa de carne foránea sacrificada en Galiza coma se fose de aquí. Outra queixa, esta centrada na IXP Tenreira Galega, é que segue sen promoverse debidamente a carne de Suprema, que é a que dá prestixio á denominación en beneficio da carne de cebadeiros e explotacións intensivas, que seguen a comercializar baixo o paraugas de calidade da IXP.

Unha vía para mellorar a rendibilidade das producións é a aposta pola calidade, pero moitas granxas se topan de fronte coa imposibilidade de aumentar a base territorial para criar gando con alimentación natural en base a pasteiros e forraxes. A forestación ilegal de terras agrarias e o caos territorial son un hándicap consentido e mesmo favorecido por unha Xunta de Galicia que mira cara a outra banda e que nin sequera é quen de xestionar eficazmente ferramentas que poderían ser de grande utilidade como o Banco de Terras.

Outra problemática que preocupa seriamente a gandeiros e gandeiras é a convivencia coa fauna salvaxe, sexan ataques de lobos, sexan de xabaril ou doutros animais. A demanda unánime é que estes danos deben ser custeados pola sociedade no seu conxunto e non polas ganderías damnificadas en exclusiva. E iso, polo tanto, debe traducirse nunhas indemnizacións suficientes, xustas e áxiles por parte da administración, nada que ver co que temos agora: excesiva burocracia, dificultade ou imposbilidade para cobrar e demoras de até tres anos até o ingreso da indemnización. Mesmo os seguros non son eficaces, dadas as misérrimas compensacións que quedan en nada pola presión fiscal -computan no IRPF como beneficios da granxa- e polas penalizacións ao dar parte.

As axudas da PAC poden paliar en parte a baixa rendibilidade da profesión ocasionada por problemas coma os devanditos. Porén, nin sequera neste eido é efectiva a administración, con algunhas PACs de 2015 aínda sen cobrar e todas as de 2016; en canto ás axudas agroambientais, a finais de 2016 aínda non se sabía se foran aprobadas as de 2015. 

Congreso Vacún de Carne