A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. VENRES 26 de SETEMBRO, Xornada Reivindicativa do Produto Caseiro Fresco ou Transformado

VENRES 26 de SETEMBRO, Xornada Reivindicativa do Produto Caseiro Fresco ou Transformado

23 de Septembro do 2008

Xornada Reivindicativa do Produto Caseiro

A Consellería do Medio Rural está elaborando o borrador do Decreto polo que se regula a artesanía alimentaria en Galiza, no que se incúe o regulamento do produto caseiro.

No Sindicato Labrego Galego, entendemos que este é un momento clave para as labregas e labregos do País, xa que dependendo de como sexan as normas que estableza este decreto, no futuro as explotacións poderemos vender normalmente o noso produto caseiro ou perder definitivamente este dereito, como aconteceu no seu día coa augardente (iso si, no canto da augardente caseira, apareceu legalmente a producida por empresas).  

Hoxe, máis ca nunca, cando o neoliberalismo pretende controlar e uniformizar as culturas alimentarias en todo o mundo, e someter á cidadanía produtora e consumidora aos seus intereses exclusivos; cando os gobernos inclinan máis e máis a balanza para favorecer este control, é necesario que a cidadanía defendamos os produtos caseiros como un patrimonio do pobo galego

A regulación do produto caseiro trascende ao ámbito produtivo-labrego, repercutindo nas nosas opcións como consumidoras/es e supoñendo a regulación dunha das características máis intrínsecas da Galiza, nomeadamente a posibilidade de acceder a unha alimentación de calidade baseada en produtos do País e o mantemento da distribución dos produtos das nosas explotacións en circuitos de mercado ceibes da perigosa especulación alimentar que estamos a sufrir na actualidade. 

Na actualidade, cando o produto caseiro é producido e distribuído polas grandes multinacionais da alimentación, este pasa a engrosar a lista dos produtos alimentares de alta gama, co que somentes accede a este tipo de alimentación de calidade as familias cun maior poder adquisitivo. 

Habida conta da manipulación á que están sometidos o meirande dos alimentos distribuídos polas grandes cadeas de alimentación (transxénicos, pesticidas, ceras...), cuxos prezos baixos son reclamo para o meirande da sociedade, o acceso ao produto caseiro é un privilexio que vai máis aló do sabor do produto, é unha garantía de saúde que non podemos perder. As persoas temos que poder ter á nosa disposición o produto caseiro. 

Programa de Actividades 

Nesta xornada participarán veterinarios, veterinarias, labregos e labregas de outros estados, o que nos permitirán saber cal é a realidade do caseiro nestes lugares. Darase a coñecer tamén o decreto que está elaborando a Consellaría do Medio Rural. 

Ao mesmo tempo e no exterior do local no que se farán as charlas, organizamos un mercado de produto caseiro fresco e transformado. Tamén levaremos a cabo un xantar con produtos caseiros. 

 Venres 26 SETEMBRO

 Dende as 10:00 até as 17:30

 Área central - Santiago de compostela

Convidámosvos a participar nesta iniciativa, tanto dende a perspectiva labrega como de cidadanía interesada en manter este patrimonio que temos e que, aínda hoxe, permite que un grande número de persoas, sobre todo mulleres, poidan vivir nunha explotación agraria na Galiza

Compre impedir que a lexislación lle permita ás empresas transformadoras apropiarse do prestixio que ten o produto caseiro grazas ao noso saber facer, e tamén temos que impedir que se legalice que as empresas poidan elaborar e vender un falso caseiro, pois o caseiro só pode ser feito por nós e nas nosas casas

Moitas grazas pela vosa atención. 

Saúdas do Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego 
OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON:
Ana Rodríguez Vázquez, Secretaría de Desenvolvemento Rural do SLG, 
Tlf: 659 057 251

Ficheiro adxunto