A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. 1.000 persoas secundan a manifestación do Ribeiro e convocan novas protestas o 23 de maio en Ourense

1.000 persoas secundan a manifestación do Ribeiro e convocan novas protestas o 23 de maio en Ourense

13 de Maio do 2017

Manifestación O Ribeiro

Un milleiro de persoas secundaron a multitudinaria manifestación en defensa do Ribeiro, apoiadas polos concellos locais e polo comercio da vila de Ribadavia, que pechou as súas portas en sinal de solidariedade mentres durou a marcha de protesta.

As organizacións convocadoras -Asociación Vitícola de Beade, Sindicato Labrego Galego, Federación Rural Galega e Unións Agrarias-, expresando a vontade do sector, lemos un manifesto no que se expresaron unha serie de demandas que vemos indispensables para que un sector estratéxico para a nosa comarca, coma o vitícola, non colapse tralos danos sufridos polas xeadas de finais de abril: declaración de Zona de Emerxencia, axudas directas para paliar os danos, condonación das cotas á Seguridade Social dos e das profesionais afectad@s, liñas de crédito sen xuros e negociación das condicións dos seguros agrarios.

En Ribadavia manifestamos o noso compromiso de continuar esta loita até que a Xunta e o Goberno do Estado atendan as nosas demandas, convocando unha nova mobilización, o 23 de maio en Ourense, que terá carácter provincial e na que participarán todas as denominacións de orixe vinícolas ourensás, afectadas tamén por inclemencias climatolóxicas como xeadas, choivas torrenciais ou sarabiadas.

De seguido, compartimos con vós o manifesto que lemos no remate da manifestación:

Bos días e gracias por vir a esta manifestación.

É esperanzador ver aquí a toda esta xente, ver como un milleiro de persoas saen en defensa dunha comarca. De verdade, moitas gracias.

O dia 30 de abril de 2017, un grupo de veciños e veciñas, viticultores e viticultoras do concello de Beade, n'O Ribeiro, decidimos reunirnos debido á grande preocupación xurdida despois das excepcionais condicións climatolóxicas deses días que, en forma de xeadas, provocaron uns danos catastróficos nos viñedos da zona do Ribeiro.

Dende esa data este grupo de mozos e mozas, que queremos vivir da viticultura no noso pobo e na nosa comarca, levamos impulsado -en colaboración con outros grupos de viticultores e viticultoras, xente doutros concellos e coas organización agrarias Unións Agrarias, Federación Rural Galega e Sindicato Labrego Galego- varias actuacións, entre elas unhas charlas técnicas de como intentar paliar os danos nos cultivos, unha campaña de recollida de sinaturas de apoio á agrupación xurdida, e unha asemblea aberta na que se acordou a mobilización da que formamos parte hoxe.

Despois de conversas, reunións, reflexións e análises, decidimos que se poden usar as sinaturas recollidas para impulsar as actuacións que máis abaixo expoñeremos, as cales consideramos axeitadas e que foron debatidas na asemblea que tivo lugar en Ribadavia.

Lamentamos, e xa pasaron bastantes días dende as xeadas, a inoperancia e a pasividade que está a mostrar a administración cos viticultores e viticultoras do Ribeiro, concretamente da conselleira de Medio Rural, que a día de hoxe nin tivo sequera a deferencia de recibir ao sector. Seguiremos insistindo e seguirémoslle pedindo que nos reciba.

E diciamos que nos lamentabamos, non por pedir esmolas, senón porque pedimos o mesmo trato que a conselleira tivo hai menos dun ano con outra zona vitícola de Galicia: concretamente na Ribeira Sacra)

Polo exposto anteriormente, pedimos:

  1. Que, debido ás excepcionais condicións meteorolóxicas acontecidas os días 27 e 28 de abril, a Xunta de Galicia inste ao Goberno de España a declarar Zona de Emerxencia (novo nome de Zona Catastrófica) o territorio da denominación de orixe do Ribeiro, afectada moi gravemente pola xeada.

  2. IMPORTANTÍSIMO: Posta en marcha, con carácter de urxencia, dunha liña de axudas con importe igual á dos nosos veciños viticultores e viticultoras da Ribeira Sacra, concretamente do Concello de Sober (Orde do 19 de Setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos viticultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo). Estas axudas sufragarán en parte os traballos necesarios de recuperación e mantemento dos viñedos afectados. Isto suporá, en definitiva, o non abandono das explotacións.

  3. Pedimos a condonación (non moratoria, nin prórrogas) nas cotas á Seguridade Social dos traballadores e das traballadoras autónom@s durante un período non inferior a seis meses, así como que se solicite ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a posta en marcha dunha rebaixa aplicable no IRPF.

  4. Que a Xunta de Galicia, a través do IGAPE, poña a disposición dos afectados e das afectadas, unha liña de créditos sen custes de tramitación e con xuro cero que permitan paliar os danos económicos provocados pola perda de ingresos e as necesidades de liquidez e circulante. Neste senso, tamén pedimos que aqueles colleiteiros e viticultores que teñen créditos con entidades bancarias se negocie unha moratoria nas cotas de préstamos xa subscritos.

  5. Que a Xunta de Galicia poña e marcha a apertura dunha mesa de negociación co sector e coas compañías aseguradoras para facer posible a existencia dunha oferta aseguradora real, adaptada e eficaz para O Ribeiro.

Estas medidas acordadas e debatidas, as cales cremos que deben levarse a cabo, son medidas reais que xa se aplicaron noutras zonas e as cales, con vontade política, se poden levar a cabo.

Recordamos que se trata de axudar a unha comarca. Si, unha comarca que é tamén a denominación de orixe máis antiga de Galicia. Persoas gravemente afectadas que necesitan máis que nunca destas axudas. Axudas que son imprescindibles para a subsistencia e preservación dunha identidade, dunha paisaxe e das súas xentes. Xentes que poderían deixar de estar fixadas no rural despois destes acontecementos.

Vimos lendo nos xornais destes últimos días diferentes artigos que falan da gran calamidade acaecida nesta denominación de orixe. Fálase moito das axudas. Xamais houbo a máis mínima axuda para o mundo da viticultura. Aquí o que si sabemos é que sempre se pagaron impostos (dende os Romanos, pasando pola Idade Media até a actualidade).

No pasado, moitos galegos e moitas galegas saíron cara a diversas zonas do mundo e xa non regresaron á aldea, deixando os fillos e as fillas no estranxeiro. Non se vía futuro no campo. Así é como empeza a esmorecer unha cultura, unha forma de vida no rural e unha forma de entender o campo. Non señores e señoras, non queremos ter que marchar, non queremos vivir nun campo de subsidios, de esmolas.

Queremos seguir vivindo no rural, traballar no rural e vivir do noso traballo. Non nos imos acomodar a base de recibir axudas, é dicir, ningunha por parte dos gobernos, os cales parece que a cousa non vai con eles.

Para que serve un goberno se non é para resolver estes problemas? Que pasaría se unha xeada lles quitara, a calquera sector económico, como por exemplo o bancario, o 90% dos seus ingresos? Que faría a Administración?

Na crise do sector naval non se xubilou xente con 45 anos con fondos do Estado? E na crise bancaria non se achegaron fondos do Estado?

Á xente do campo trátannos desigualmente:

As únicas medidas aportadas aos viticultores foron as dos cambios de plantacións que veñen de Europa e que, en todo caso, nunca cobren o custe asumido polo viticultor.

Como van os nosos fillos e fillas querer vivir no campo se non somos tratados cos mesmos dereitos e coberturas que o resto da cidadanía? Queremos un trato igualitario, como se mencionaba antes, e poder vivir no campo, no rural, do noso esforzo e en igualdade de condicións que os resto de cidadáns e cidadás.

En resume, se a Xunta de Galicia, o Goberno e as administracións desexan realmente apostar polo rural, a fixación de poboación e o sector agrícola, esta é unha boa, unha moi boa oportunidade de demostralo. Agora tócalle á Administración arrimar o ombreiro.

Para rematar, agradecer a todos os presentes a súa asistencia e o seu apoio, ó concello de Ribadavia pola súa acollida e colaboración e tamén ós concellos que colaboraron na convocatoria desta manifestación, así como aos comerciantes da vila de Ribadavia pola súa solidariedade ao pechar os seus establecementos comerciais, e a todas as persoas que colaboraron con nós e nos axudaron con esta iniciativa.

Por último, dicirvos que esta loita acaba de comezar. Continuaremos até que as nosas demandas sexan escoitadas, e xa vos anunciamos novas mobilizacións en Ourense o día 23 de maio coa participación de tódalas denominacións de orixe de Ourense. Iremos a onde faga falla en defensa dos viticultores e viticultoras, en defensa da comarca, en defensa do Ribeiro, e pedirémosvos axuda outra vez. Entre todos e todas conseguirémolo.

Un saúdo e moitas gracias

Manifestación Ribeiro