A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Plataforma STOP Velutina insta á Xunta a afrontar con medios suficientes a loita contra a avespa asiática

A Plataforma STOP Velutina insta á Xunta a afrontar con medios suficientes a loita contra a avespa asiática

31 de Maio do 2017

Plataforma STOP Velutina

O 30 de maio, a Plataforma STOP Velutina, integrada por unha trintena de colectivos e organizacións entre as que se atopa o SLG, rexistrou un escrito dirixido ás consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural reclamando a súa implicación na loita contra a avespa velutina, unha especie exótica invasora que ten en xaque os sectores apícola e froiteiro da Galiza e que representa unha auténtica ameaza para a seguridade cidadá.

Aínda que, oficialmente, a avespa velutina está presente en 210 concellos galegos; hoxe en día podemos afirmar que xa se estendeu por toda a xeografía galega. O único que está a parar o avance desta especie invasora é a altitude, xa que non se detectou aínda a súa presenza nas zonas altas de serras como O Courel, Os Ancares ou o Macizo Ourensán; porén, en Semana Santa foi avistada en concellos de montaña nos que nunca se vira, como A Fonsagrada.

Podemos afirmar, polo tanto, que a avespa velutina está fóra de control, a pesares dos esforzos denodados de particulares e asociacións apícolas por frear a súa expansión e os abondosos danos en apiarios e froiteiras.

STOP Velutina

A táboa reivindicativa rexistrada fundaméntase no Decreto 630/2013 sobre Especies Exóticas Invasoras, aprobado polo Ministerio de Agricultura e, botando man da normativa vixente, esixe a asunción de competencias por parte da Consellaría de Medio Ambiente e do Ministerio de Agricultura para impulsar a investigación, promover a loita preventiva, facer labores de divulgación e crear un organismo único para xestionar esta situación de crise provocada pola avespa velutina:

  1. Investigación: É preciso continuar a investigación para coñecer máis a fondo a avespa velutina dende un punto de vista biolóxico e científico. Neste senso, unha das liñas esenciais que debería impulsar a Administración son os estudos orientados a descubrir unha feromona ou outras substancias que sexan inocuas para o medio ambiente, pero quen de provocar a morte das colonias de avespa velutina sen ocasionar danos nos ecosistemas, apostando así pola loita biolóxica. A maiores, hai outros eidos de investigación que poden axudar na loita contra esta especie, como estudos sobre o seu impacto nas colonias de abellas e no sector apícola, mellora dos sistemas de trampeo, avaliación da incidencia real da velutina nos sectores agrícolas e forestais, etc.

  2. Loita preventiva: O Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Ambiente deben asumir a tarefa do trampeo como unha das estratexias de control citadas para a avespa velutina que se mencionan no decreto que regula o Catálogo de Especies Exóticas Invasoras. Cómpre ter en conta que coa captura de cada avespa raíña en primavera, antes de que cree unha nova colonia, evitamos o nacemento de entre 15.000 e 18.000 novas avespas. A día de hoxe, mentres non se descubran novas armas para combater a avespa velutina, o trampeo está a ser o medio de erradicación máis eficaz; o problema é que está a ser utilizado só por particulares e asociacións apícolas de maneira voluntaria, sen a coordinación e planificación de especialistas na materia, e sen medios suficientes, polo que a eficacia deste labor de trampeo está a ser limitada.

  3. Creación dun organismo único de xestión: A competencia para a xestión da loita contra a velutina debe ser asumida por un único organismo especializado no tema, que axunte todos os coñecementos e métodos de loita que se susciten. Na actualidade, na Galiza, existe unha Comisión de Seguimento para a Velutina da que forman parte tres consellarías e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Dende a Plataforma STOP Velutina vemos necesario que haxa unha dotación orzamentaria e coordinación única para a loita contra esta especie invasora e que as asociacións apícolas formen parte deste organismo a fin de achegar os seus coñecementos e experiencia. Xunto con isto, consideramos tamén necesaria a plena aplicación das actuacións de coordinación plasmadas no documento "Estratexias de xestión, control e posible erradicación do tártago asiático", no que se designa ao Ministerio de Agricultura e ao Grupo de Traballo de Especies Exóticas Invasoras (GTEEI), como as entidades competentes para a coordinación entre administracións.

  4. Divulgación: Ante o descoñecemento sobre unha especie de recente entrada en Europa, e debido ás complicacións que está xerando nos ámbitos agrario, forestal, sanitario e de seguridade cidadá, xorde a necesidade de difundir o máximo posible información sobre esta especie. A información cidadá sobre o ciclo biolóxico, alimentario e de conduta da avespa asiática axudarán a xestionar unha loita na que se fai preciso contar co apoio da sociedade, sobre todo en labores de detección e trampeo. A información tamén contribuirá a prever ataques e reducir unha alarma social xustificada pero baseada, en gran parte, na desinformación que se ten desta especie invasora.

Este documento xa foi rexistrado no Ministerio de Agricultura e, o 30 de maio, rexistrámolo na Xunta de Galicia. Desta maneira, reclamamos das diversas administracións que asuman as competencias ás que lles obriga a lei para loitar contra a expansión e os estragos que está a causar a avespa velutina. Para isto, todas as organizacións que integramos a Plataforma STOP Velutina poñémonos a disposición da Xunta e agardamos conseguir unha comunicación fluída para termos información sobre as actuacións que se vaian levar a cabo contra o tártago asiático e en relación coas propostas presentadas neste documento de mínimos e en base á lexislación vixente.

As asociacións, organismos e demais entidades que constituímos a Plataforma STOP Velutina e que asinamos o escrito rexistrado na Xunta, faremos chegar estas peticións a todas as institucións con competencias medioambientais, tanto a nivel estatal como autonómico, e seguiremos solicitando que asuman as tarefas que marca a lexislación existente na xestión e control das especies exóticas invasoras.

STOP VelutinaNa imaxe, Xesús Asorei (AGA), Diego Sánchez Agra (SLG) e Laura García Sáez (AGA), fixeron de representantes da Plataforma STOP Velutina á hora de rexistrar as peticións que buscan a implicación da Xunta na loita contra avespa asiática

*Integran a Plataforma STOP Velutina: Asociación Galega de Apicultura, Agrupación Apícola de Galicia, Abella Lupa, Abellas Nai, Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, Confederación en Defensa da abeja da Cornixa Cantábrica, Indicación Xeográfica Protexida "Mel de Galicia", Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos, Erica Mel, Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, Federación Rural Galega, Organización Galega de Comunidades de Montes, Unión de Asociacións de Tecores de Galicia, Asociación de Tecores del Parque Natural Baixa Limia -Serra do Xurés, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Verdegaia, Amigos da Terra, Greenpeace, Senda Nova Asociación Ambiental, Universidad de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Comunidade de Guillade, Comunidade de Montes de Mouriscados, Comunidade de Montes de Paraños-Covelo, Comunidade de Montes de Santa Cristina da Ramallosa, Comunidade de Montes de San Martiño de Barreiros, Concello de Maside e Concello de Bergondo.