A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. "De como o eucalipto se nos foi das mans", por Diego Sánchez Agra, enxeñeiro forestal do SLG

"De como o eucalipto se nos foi das mans", por Diego Sánchez Agra, enxeñeiro forestal do SLG

31 de Maio do 2017

Manifestación Compostela

Na sección Eira do Fouce 315, o enxeñeiro forestal do SLG, Diego Sánchez Agra, publica un artigo sobre a situación actual do cultivo do eucalipto que, hoxe en día, ocupa ao redor de 400.000 hectáreas e bosquexa novas ameazas no horizonte coma o seu cultivo intensivo para producir enerxía.

Os últimos datos publicados sobre o eucalipto na Galiza demostran que o seu cultivo se atopa completamente desbordado, superando en mais de 200.000 hectáreas as expectativas marcadas no Plan Forestal de Galicia do ano 1992. Así as cousas, a superficie plantada con eucalipto na Galiza anda arredor das 400.000 hectáreas, superando todas as previsións.

Nos últimos meses, a Consellería do Medio Rural está a elaborar un novo decreto para regular a plantación de eucaliptos. O borrador do decreto, ao que tivemos acceso no Consello Forestal de Galicia, non fai máis que trasladar o que xa contempla a Lei de Montes e, a maiores, engade unha restrición xeográfica consistente en permitir o Eucalyptus globulus e o Eucalyptus nitens nas provincias de A Coruña e Pontevedra e na Mariña de Lugo, ampliando a zona permitida do nitens á zona centro de Lugo. Quedaría excluída a utilización do eucalipto na zona sur e montaña oriental de Lugo, así como na provincia de Ourense.

Cómpre dicir que, en todo o territorio no que se permite o cultivo do eucalipto, este segue fóra de control e expandíndose de maneira caótica, pois non hai ningún tipo de regulación e as masas de eucalipto seguen a proliferar, en moitas ocasións en lugares que non son os idóneos para o seu crecemento, coa consecuente afectación por pragas e o gasto de recursos que implica combatelas.

Outra consecuencia da proliferación do eucalipto foi a perda de industria relacionada co serrado de madeira de frondosas caducifolias, feito que xa comeza a afectar tamén á viabilidade do aproveitamento do piñeiro.

Todo isto sen contar coas forestacións ilegais en terra agraria, que leva anos denunciando o Sindicato Labrego Galego, e que deixan sen base territorial suficiente a miles de explotacións agrogandeiras no país e mingua aínda máis a nosa capacidade para producir alimentos.

Un novo perigo no horizonte: o eucalipto como cultivo enerxético

Outra cuestión é, dentro do cultivo do eucalipto, a substitución que se estivo facendo nos últimos anos do globulus polo nitens, gañando terreo esta última especie ano tras ano. Aínda que a produtividade do nitens poida parecer maior e resiste máis as xeadas, o certo é que este non rebrota de cepa e non está exento de que lle afecten pragas como a do gurgullo. Por outra banda, e o que é peor, a industria está a dicir que non pode mercar máis nitens a pesares de que segue a producir e vender planta desta especie.

Tamén se pode ver a nova tendencia da industria na Galiza, xa que ENCE (Energía y Celulosa), apunta cara a onde se vai orientar agora o eucalipto: plantacións destinadas á xeración de enerxía queimando madeira. Isto fainos temer que, no futuro, a usurpación de monte e de agras por plantacións de eucalipto medre aínda máis coa escusa dos cultivos enerxéticos e en detrimento dos usos gandeiros, agrarios e forestais do solo.

A lexislación actual, tanto forestal e ambiental como paisaxística e de conservación do patrimonio natural é moi clara con respecto ó eucalipto no que respecta a condicións das plantacións forestais, cambios de actividade, distancias, usos do solo permitidos, etc. Ademais, as directrices para a revisión do Plan Forestal de Galicia, elaboradas recentemente e nas que participou o SLG, din que “debería manterse ou reducirse a superficie arborada ocupada por eucalipto”.

Dende o Sindicato Labrego Galego pensamos que é necesaria unha nova política forestal, encadrada na ordenación do territorio e respectando a conservación ambiental e paisaxística, que combata o negocio do lume, que non converta os montes en desertos verdes, que protexa as terras agrícolas e os usos gandeiros, e que fomente a xestión e aproveitamento das frondosas autóctonas, regulando os cultivos forestais (especialmente as especies de crecemento rápido), de maneira que permita unha mellor distribución en zonas favorables para o seu cultivo e limite a súa proliferación descontrolada.