Amigos da Terra, Asociación Frouma, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Sindicato Labrego Galego (SLG) abandonamos o Consello Forestal Galego, deste 26 de xuño, para denunciar as prácticas de entorpecemento á participación dos colectivos neste órgano no que se debaten as políticas forestais da Xunta e que hoxe debía someter a debate un documento tan importante como o Pladiga 2017 (Plan de Defensa contra os Incendios de Galicia).
Un bo exemplo das prácticas da Consellaría de Medio Rural denunciadas é o propio Pladiga. As organizacións criticamos que, dende a Xunta, nos fose enviado o documento do Pladiga para a súa revisión o pasado venres, 23 de xuño, ás 13:30 horas. Cómpre aclarar que se trata dun dossier de máis de 300 páxinas e de grande complexidade técnica que debería ser consultado, debatido e traballado en conxunto dende comezos de ano.
Outra das prácticas da Consellaría para abondar neste entorpecemento é poñer a hora de comezo do Consello Forestal pasado o mediodía, para deixar pouco espazo ao debate e tratamento en profundidade das cuestións da orde do día.
Estas prácticas entorpecedoras das que falamos non son esporádicas, senón que constitúen o modus operandi habitual da Consellaría de Medio Rural. Desta maneira, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez trae os temas ao Consello Forestal como feitos consumados, xa que as organizacións participantes non podemos traballalos coa suficiente antelación nin tratalos co suficiente tempo e profundidade no propio Consello. Na práctica, non podemos participar nun Pladiga que xa se vai aprobar no Consello da Xunta do xoves, con independencia do que digamos, e cuxo contido xa se estivo difundindo en varios medios de comunicación nos últimos días. Se a isto lle engadimos que o Pladiga 2017 entrará en vigor o 1 de xullo, data de comezo da temporada de alto risco de incendios, a participación dos colectivos do Consello Forestal faise imposible.
Dende varias organizacións temos reclamado insistentemente a constitución dunha mesa de traballo específica dos incendios no seo do Consello Forestal, e sempre se nos nega.
Abolido o carácter consultivo do Consello Forestal polas prácticas entorpecedoras de Medio Rural; dende Amigos da Terra, FEG, Frouma, ORGACCMM e o SLG expresamos a nosa vontade de, en caso de que a Consellaría non mude de actitude, constituír unha mesa de traballo sobre os incendios forestais a partir da propia sociedade civil e dos axentes do sector para traballar en alternativas ás políticas de loita contra o lume desastrosas que se están a impoñer dende os despachos de San Caetano e de costas aos colectivos e organizacións do sector. E faremos esta mesa de traballo dos incendios forestais con ou sen Consellaría de Medio Rural. Porque nun problema que afecta á totalidade do país e do territorio da magnitude dos lumes forestais, non podemos seguir comungando cunhas políticas impostas unilateralmente pola Xunta, que son continuistas e que foron probadamente ineficaces durante os últimos cincuenta anos, tal e como se demostra ano tras ano e que, como acabamos de ver, non contan nin coa participación nin co consenso do sector.