A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Consellaría de Medio Rural exclúe as organizacións agrarias da comisión de seguimento da couza guatemalteca

A Consellaría de Medio Rural exclúe as organizacións agrarias da comisión de seguimento da couza guatemalteca

29 de Xuño do 2017

Couza guatemalteca

O obstrucionismo da Consellaría de Medio Rural ás organizacións agrarias está acadando límites intolerables para calquera sociedade democrática. Se o luns cinco colectivos abandonabamos o Consello Forestal polas prácticas entorpecedoras coas que a Xunta minimiza a participación dos axentes do sector neste órgano consultivo; mañá, 30 de xuño, constituirase a comisión de seguimento da couza guatemalteca (Tecia solanivora) excluíndo dela aos sindicatos do agro.

Desta maneira, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegura unha comisión máis tranquila ao excluír dela as voces críticas coa súa desastrosa xestión dunha praga que ameaza un dos principais cultivos agrarios da nosa terra: a pataca. Cómpre lembrar que a parálise da Consellaría de Medio Rural cando soubo da existencia da praga -en 2016 e cando só afectaba cinco concellos- fixo que esta se estendese por todo o norte das provincias de Lugo e A Coruña; e, ao impoñer a prohibición de plantar demasiado tarde, causou importantes perdas económicas ás explotacións profesionais que teñen a pataca entre os seus cultivos. Respecto disto último, dende o SLG calculamos nuns 8.000 € por hectárea o lucro cesante destas granxas que, obviamente, non recibirán compensación pública algunha por este concepto a pesares da responsabilidade directa de Medio Rural por mor da súa mala xestión.

Ao final, as nosas críticas veñen de ser ratificadas pola propia Comisión Europea, que diante dunha pregunta da eurodeputada Lidia Senra, respondeu que a Comisión levou a cabo unha inspección en España a fin de avaliar a situación e a eficacia dos controis oficiais de loita contra a Tecia solanivora na Galiza e Asturias. (…) Os resultados da inspección poñen de manifesto que as medidas adoptadas dificilmente lograrán erradicar a praga”.

Por desgraza, a conselleira, nun alarde de despotismo político, excluirá ás organizacións que representamos aos labregos e as labregas, principais afectadas e damnificadas da praga, dunha comisión de seguimento na que só haberá persoal técnico e político e, sobre todo, ningunha voz crítica coa nefasta xestión que se está a levar a cabo. Se o despotismo ilustrado se baseaba nun “todo para o pobo pero sen o pobo”, a despótica Consellaría que dirixe Ángeles Vázquez fai “todo para o agro pero sen o agro”.