A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia diante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo a venda de leite a 25 céntimos por Vegalsa-Eroski

O SLG denuncia diante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo a venda de leite a 25 céntimos por Vegalsa-Eroski

2 de Agosto do 2017

Deleitar

O Sindicato Labrego Galego rexistrou, o 1 de agosto, un escrito de denuncia diante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo -Consellaría de Industria- para darlle a coñecer a vulneración de numerosas leis que realizou o grupo Vegalsa-Eroski ao poñer á venda leite da marca Deleitar a 25 céntimos o litro, no pasado mes de xullo, cando o seu prezo de venda habitual nas superficies comerciais é de 85 céntimos.

Para formular a denuncia, dende o SLG partimos de que un prezo de 25 céntimos por litro para o consumidor final é unha clara venda a perdas, xa que o valor medio en orixe de 2017, segundo o Observatorio do Sector Lácteo, estivo entre 26 e 27 céntimos para as granxas con menos de 100.000 quilos de produción, que son as que menos cobran.

En base a isto, a oferta realizada por Vegalsa-Eroski viola varias normativas, como o artigo 17 da Lei de Competencia Desleal, que considera “desleais” condutas que poidan “inducir a erro aos consumidores acerca do nivel de prezos doutros produtos ou servizos do mesmo establecemento”. Tamén vulnera o artigo 14 da Lei de Comercio Minorista, que establece que “non se poderán ofertar nin realizar vendas ao público con perda”, sinalando que se considerará venda con perda cando o prezo aplicado a un produto sexa inferior ao de adquisición, segundo factura, establecendo unha prohibición obxectiva deste tipo de prácticas e considerando a infracción como “moi grave”.

Neste caso, segundo a Lei de Comercio Minorista, a competencia sancionadora diante dun caso de venda a perdas correspóndelle á Xunta de Galicia, motivo polo que dende o Sindicato Labrego Galego decidimos poñelo en coñecemento da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para que actúe en consecuencia. Cómpre ter en conta que a marca obxecto desta infracción, Deleitar, comercializa leite da empresa Dairylac, á que á Xunta de Galicia lle ten feito entrega de importantes sumas de diñeiro -máis de 3 millóns de euros en 2016 para elaborar derivados lácteos- e na que participan diversas cooperativas.

Por todo o devandito, o SLG pediu no seu escrito que a Xunta “abra expediente sancionador, realizando todas as indagacións que procedan en orde a declarar a existencia dunha práctica ilegal, impoñendo as sancións que a Administración está facultada para impoñer, con independencia das accións que noutro orde poidan proceder”. Non actuar neste caso tan grave de venda a perdas constituiría “un fatal precedente para o sector produtor do leite en Galicia”.