A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG estuda denunciar diante da CNMC os prezos do leite artificialmente baixos e estancados na Galiza

O SLG estuda denunciar diante da CNMC os prezos do leite artificialmente baixos e estancados na Galiza

6 de Septembro do 2017

Prezos leite

A Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego está estudando a posibilidade de denunciar diante da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) a situación anómala que está a vivir o sector lácteo galego ao longo do ano 2017, cos prezos estancados ou á baixa mentres non paran de subir en todo o Estado e na Unión Europea.

Á vista dos datos publicados recentemente polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) sobre as entregas de leite en xullo, Galiza é a única comunidade do Estado onde o prezo segue por baixo dos 30 céntimos (0'299 €), mentres que ese prezo medio se sitúa en 31 céntimos no conxunto de España, e en case 33 céntimos en comunidades veciñas como Asturias.

Se observamos o contexto europeo, a situación é semellante. Na Unión Europea os prezos do leite non paran de subir, sobre todo grazas a un forte aumento da demanda de manteiga, cun incremento do 29% no último ano e un valor medio que supera os 33 céntimos por litro (datos correspondentes a xuño de 2017 do EU Milk Market Observatory).

Dende o Sindicato Labrego Galego non entendemos como o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural poden ficar impasibles diante desta manipulación descarada do mercado. Tampouco entendemos unha CNMC que intervén de maneira inmediata e taxativa en caso de que no sector lácteo se acorden prezos mínimos para garantir as rendas das granxas e, porén, mira cara a outra banda cando existe un consenso evidente por parte das industrias para manter artificialmente os prezos estancados e á baixa na Galiza mentres que no mercado estatal e internacional seguen á alza.

A responsábel do sector lácteo no Sindicato Labrego Galego, a gandeira vilalbesa Lupe Prado, expresou a súa frustración e rabia ao ver que no sector lácteo galego se está a traballar moi duro á hora de incrementar a calidade e eficiencia das nosas producións para obter, como recompensa, os prezos máis baixos do Estado a través dunha imposición de contratos e parámetros de calidade difíciles de xustificar e que acaban tendo sempre o mesmo resultado: o estancamento dos prezos en niveis moi rendíbeis para as industrias e ruinosos para o meirande das nosas granxas.

Sentímonos totalmente esquecidos e esquecidas pola Consellaría de Medio Rural”, declarou Lupe Prado. “Xa non só por este pacto descarado de prezos entre industrias que prexudica directamente ao sector lácteo galego que a conselleira di defender, senón por unha morea de problemáticas que lastran a rendibilidade do noso traballo e que son responsabilidade directa das políticas de Medio Rural: dende os ataques da fauna salvaxe aos falsos positivos nas campañas de saneamento gandeiro, dende as dificultades para acceder a máis base territorial a unha postura firme como país para termos uns prezos dignos. A Consellaría de Medio Rural non fixo nin ten trazas de que vaia facer algo para afrontar estes problemas. E, así, o futuro pinta negro para o noso sector lácteo”.