A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Onde queda o activismo LGTBI nas organizacións labregas?

Onde queda o activismo LGTBI nas organizacións labregas?

11 de Septembro do 2017

Foro LGTBI rural

Co Fouce 316 a piques de pasar polo prelo, recuperamos do Foro LGTBI que celebramos en xuño un resume da palestra “Onde queda o activismo LGTBI nas organizacións labregas?”, que se publicará en breve no noso voceiro. Esta palestra foi, quizais, unha das máis agardadas do Foro, pois nela representantes de sindicatos agrarios tiñan que falar e debater sobre o que se estaba a facer pola cuestión LGTBI no seo das súas organizacións.

Foro LGTBI “Se queremos loitar contra a opresión e o sexismo debemos desafiar o sistema binario de sexos”

A primeira en falar foi Paula Gioia, apicultora de orixe brasileira afincada nos arrabaldes de Berlín e integrante do Comité Coordinador da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), quen recoñeceu que, paseniño, “Para a Vía Campesina a cuestión LGTBI é un tema difícil que só algunhas organizacións comezan a afrontar. É un camiño longo no que hai que ir dando pasos, un paso de cada vez, sabendo que cada paso que conquistamos é un paso adiante que non ten camiño de volta”.

Paula, ademais de activista labrega, tamén é lesbiana. Este feito fixo que, decotío, topase con multitude de detalles no seo da ECVC e da propia Vía Campesina que negaban a diversidade sexual. “Nos formularios da Vía Campesina, por exemplo, dábanche sempre dúas opcións de xénero, e eu nunca me sentía ben porque non me identificaba con ningunha das respostas. Chegou un momento no que deixei de responder a esa cuestión”.

Detalles coma o devandito foron os que animaron a Paula Gioia a redactar o primeiro documento que abordaba a cuestión LGTBI no seo da Vía Campesina. Nel salientábase a importancia de “falar dos xéneros, criticar este sistema e facer presión a favor da diversidade de xéneros e contra a discriminación para que sexa un obxectivo primordial da nosa organización. Se a Vía Campesina quere axudar ás persoas a vivir máis libres e independentes, se a Vía Campesina quere loitar e rematar coa opresión e o sexismo, entón debe desafiar e cuestionar a sexo-especificidade e o sistema binario dos sexos e xéneros. Finalmente, se a Vía Campesina quere loitar por un mundo onde todos e todas teñamos libre albedrío, debemos imperativamente volcarnos máis cara aos xéneros e os sexos”.

Seis meses despois, o Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil (MST) era a primeira organización agraria no mundo en levar a cabo un seminario sobre a cuestión LGTBI: “MST e diversidade sexual”. Explica Paula que “o encontro representou un posicionamento concreto fronte ás forzas conservadoras que fomentan o racismo, a homofobia, o machismo e todo tipo de prexuízos. Oporse a todo isto e, deste xeito, obrar a favor dunha maior xustiza e autodeterminación supón contribuír de maneira importante á conquista da soberanía alimentaria e reforza as posicións que a Vía Campesina leva defendendo dende 1996”.

“Para que haxa xustiza social e un mundo rural vivo, ese mundo debe ser diverso”

A responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro, recoñeceu, na súa intervención, que a cuestión LGTBI “é un debate que aínda non demos no Sindicato Labrego Galego. Iso non quere dicir que non trataramos xa esta cuestión, case sempre dende a Secretaría das Mulleres e dende o feminismo, pero non dende a propia organización. De todos xeitos, organizar este foro xa é unha maneira de abordalo”.

Para a responsábel da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, “se queremos un mundo rural vivo, ese mundo debe ser diverso. Dende un punto de vista persoal, eu creo que non pode haber xustiza social se esta non chega a todas as persoas, con independencia da súa identidade sexual ou de xénero”. E, neste camiño, o Sindicato Labrego Galego terá que deseñar e poñer en práctica medios e accións para facer real e efectiva a visibilización da cuestión LGTBI e a súa integración no discurso e posicións da propia organización agraria. “Terá que ser camiño colectivo que teremos que facer entre todas e todos”, asegurou María Ferreiro “no que, probablemente, serán necesarias alianzas con outros colectivos”. Neste senso, o Foro LGTBI marca “un antes e un despois, e xa non podemos ir cara a atrás”

“Estase a instalar moita xente no campo con modelos agrarios e sexualidades diversas”

Esti Redondo é unha activista feminista que vive no rural e colabora con EHNE Bizkaia. Esti forma parte de Etxalde “un movemento que se crea en Euskal Herria pola soberanía alimentaria” e no que as mulleres se organizaron de maneira autónoma en Etxalde Emakumea definín- dose, tras debatelo, como “mulleres agroecofeministas pola soberanía alimentaria”.

O noso obxectivo é contaxiar”, afirmou Esti. “Queremos contaxiar ao movemento labrego de feminismo, porque non se pode entender a soberanía alimentaria sen feminismo. E tamén cremos que é moi importante contaxiar ao feminismo de soberanía alimentaria. Cando falamos de soberanía, descubrimos que é imposible traballar por unha soa soberanía de maneira illada. Ao final, as soberanías están interrelacionadas. A soberanía alimentaria, precisa de soberanía económica e política, e estas dunha soberanía sobre os nosos corpos e as nosas vidas”.

Foi, precisamente, a través do feminismo, como tamén ten acontecido no propio SLG, que a cuestión LGTBI comezou a tratarse en Etxalde. “En Etxalde Emakumea somos mulleres con sexualidades diversas e cadaquén defínese, ou non se define, como lle peta. Pero, o certo, é que a diversidade sexual nunca foi un tema de debate na nosa organización porque estivemos moi centradas en cuestións como o feminismo e a agroecoloxía. Euskal Herria é moi pequena, e ao final coñecémonos todas.

Hai un par de semanas mandáronnos un correo no que nos dicían que se estaba a constituír unha lista de proxectos de produción de alimentos de mulleres bolleras. É só un exemplo de que hai moita xente que se está instalando no campo con outros modelos agrarios e con sexualidades diversas que está comezando a achegarse a nós a través de Etxalde, polo que se pode crear unha ponte para integrarnos. O seguinte paso será crear un diálogo sobre esta cuestión en Etxalde”.

Entrevista a Ángel Amaro, sociólogo e activista LGTBI

“Teño a esperanza de que o SLG seguirá sendo vangarda nesta materia e abríndose en canal”

Ángel Amaro 1. Que impresión che quedou do Foro? Saíu todo como agardabas?

Funme do foro cunha moi boa impresión. Mais este encontro foi un punto de partida, non de chegada. Os debates foron moi interesantes e o encontro serviu para que o SLG se puxese ao día en materia de sexodiversidade grazas á participación de diversas activistas e entidades LGTBI.

2. Que é o que máis destacarías?

As reflexións autocríticas e integradoras de Isabel Vilalba. Mais o que foi impresionante foi poder contar con activistas de Catalunya e Euskal Herria. Poder intercambiar realidades LGTBI de diversas latitudes.

3. Hai intención de celebrar unha segunda edición e que se manteña no tempo? En caso de resposta afirmativa, ¿que modificarías?

Iso depende da vontade que teña o SLG, concretamente da liña política e de traballo que teñan os órganos do sindicato ao respecto. Pola miña banda, manteño a esperanza de que o SLG seguirá sendo vangarda nesta materia e seguirá abríndose en canal porque, como xa comentamos hai meses, o rural entende e o activismo agrario incluirá de cheo a axenda LGTBI ou non será. É de xustiza, e responsabilidade de todas, rachar coas bisagras do armario.

4. Que modificarías en futuros foros?

Para próximas edicións estaría ben contar coa presenza de compas de Asturies e León, xa que a realidade rural aseméllase moito e as problemáticas LGTBI tamén. Tamén estaría moi ben que viñeran organizacións ecoloxistas (ADEGA, Verdegaia, etc.) e feministas. E, como non, sería fundamental animar a unha participación activa a máis base social do SLG. Xa que erradicar a LGTBfobia é tarefa de tod*s e construír sindicatos agrarios LGTBfriendlys tamén. Sempre participan moi poucos homes, e iso é alarmante.

5. Moitas das persoas que falaron deron unha visión do rural positiva, moi contraria ao tópico de que o campo é homófobo e retrógrado. É realmente así?

Eu sempre tento afastarme do relato único que xira en torno á represión que hai no rural, porque vivir nas cidades non é nin idílico nin liberador. O certo é que a vida nas cidades é dura, segregadora, elitista e moito máis tendente ao individualismo. Hai menos capacidade de tecer alianzas comunitarias. Iso non quere dicir que o rural sexa ideal ou a panacea, mais para as desempregadas LGTBI a vida é moito máis levadeira e menos violenta. Nas dinámicas locais e dos pequenos espazos hai máis capacidade para reinventalo todo dende outra lóxica que non pase polo mercado e o descoñecemento mutuo (o sacrosanto anonimato).

6. Unha das cuestións principais que xurdiu nos debates é a introdución da cuestión LGTBI nas organizacións agrarias. De que maneira concreta e con que accións se pode levar isto á práctica? Que deberes lle pos ao SLG ao respecto?

Sería ideal comezar por un plan de formación anual a desenvolver en diversos locais comarcais do sindicato. A formación interna en materia LGTBI é fundamental. Que se fale de diversidades afectivo-sexuais no seo das estruturas e asembleas. Unha vez que o SLG se vaia empapando desta cuestión, o ideal sería impulsar xornadas, sumarse anualmente ao 28X con actos propios, ter encontros con asociacións LGTBI, elaborar protocolos e guías de linguaxe inclusiva, etc.