A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A mina de San Rafael pon en risco directo a vida de máis de duascentas persoas nos concellos do Pino e en Touro

A mina de San Rafael pon en risco directo a vida de máis de duascentas persoas nos concellos do Pino e en Touro

4 de Outubro do 2017

Alegacións San Rafael

Unha comitiva de veciños e veciñas de Touro e da plataforma contraMINAcción acudiu, o 3 de outubro, até o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia para facer entrega de 500 alegacións contra o proxecto da mina de San Rafael, que afecta unha ampla zona dos termos municipais de Touro e O Pino.

A pouco que se afonde nas alegacións presentadas, comprobamos que este proxecto impulsado pola sociedade Cobre San Rafael SL ameaza seriamente a habitabilidade e futuro dos dous concellos afectados polo enorme e irreversible impacto que terá a actividade mineira nos recursos hídricos e económicos da zona (podes descargar o documento completo das alegacións premendo na icona que atoparás no remate desta páxina).

Sen minimizar outras consecuencias graves do proxecto da mina de San Rafael, o impacto máis grande viría dado polas drenaxes ácidas da actividade mineira, que xa é algo que vén sufrindo de vello a veciñanza da zona. De feito, un estudo que analiza estas drenaxes entre 1974 e 1988, di que “en apenas 14 anos, a anterior fase de explotación provocou alteracións ambientais críticas, con cortas profundas, paredes verticais, grandes escombreiras de materiais xeradores de drenaxes ácidas de mina, unha extensa balsa de lodos, por súa vez causantes de problemas continuos de contaminación de augas e solos, por augas de drenaxe hiperácidas que se verten de forma continua na cunca do Ulla e nos acuíferos subterráneos. Que ante a xeración continua de emisións con altas concentracións de metais pesados, a administración non teña obrigado ás concesionarias a instalar unha planta de tratamento destas emisións, ou teña practicado calquera sanción, deixa en evidencia a súa incapacidade para entender a gravidade do fenómeno”.

O estudo da propia empresa recoñece concentracións significantes de metais pesados como cadmio, cobalto, cobre, molibdeno, antimonio, selenio e cinc. Porén, non sabemos se por erro ou intencionadamente, omite no seu estudo a violación para substancias perigosas prioritarias como o cadmio ou o mercurio, presentando de xeito errado os límites das Normas de Calidade Ambiental marcados no Real Decreto 817/2015, de 11 de septiembre, por el que se establecen los criterios de seguimiento y evaluación del estado de las aguas superficiales y las normas de calidad ambiental.

Extracción de máis de 100 millóns de metros cúbicos de materiais

A actividade da mina de San Rafael crearía unha xigantesca escombreira onde se pretenden acumular máis de 80 millóns de metros cúbicos dos residuos potencialmente máis contaminantes (ocupando 484.000 m2 e cunha cota de coroamento de 510 m). Nas alegacións denúnciase que “a acumulación neste punto garante a contaminación dos mananciais presentes na zona a ocupar, e que subministran aos núcleos de poboación próximos e á propia traída municipal que fornece boa parte do concello. A escombreira está a menos de 500 metros dos primeiros núcleos de poboación e a menos de 1 km dos núcleos do Castelo San Saturniño, sen ter en conta a afectación ao subministro de auga destas poboacións”.

A maiores, faríanse tamén dúas balsas de refugallos, denominadas no proxecto e de maneira eufemística “laguna de Arinteiro y Vieiro”, que albergarían 69.000 toneladas de lodos tóxicos (50.000 metros cúbicos) e estarían situadas a menos de 200 metros de Arinteiro (42 habitantes) e a menos de 1 km de Tribas (20 habitantes), Goleta (100 habitantes), Bravos (14 habitantes), Cruz de Méndez (23 habitantes) ou Torreis. O proxecto da empresa dálle categoría de falla “Moi alta” porque estima que hai menos de 100 habitantes a poboación que se atopa en risco de morte; en realidade, esa poboación supera as 200 persoas e a cualificación debería ser “Extrema” e “Permanente”. A este respecto, as alegacións din que “a realización do proxecto non só supón un risco extremo e permanente para a vida das persoas residentes nas poboacións próximas, máis non caso de núcleos de poboación como Arinteiro, unha condena sumaria á desaparición do lugar, tornando imposíbel a vida nel, mesmo despois da conclusión do proxecto”.

Este apartado conclúe que “os enormes riscos asociados á extracción de máis de 100 millóns de metros cúbicos de materiais que producirán de forma constante drenaxes ácidas de mina capaces de contaminar as augas superficiais e subterráneas con metais pesados, incluídas substancias perigosas prioritarias, durante un longo período de tempo, mesmo con posterioridade ao peche da eventual explotación, torna temeraria a autorización do proxecto na súa actual formulación. Isto prodúcese ademais non nunha zona illada e despoboada, senón nunha área inmediata e contigua a numerosos núcleos de poboación que obteñen o seu subministro de auga potábel da área de afectación e ademais dentro dunha cunca fluvial como a do Ulla, que abastece a millares de persoas e sostén a economía de comarcas enteiras”.

Afectación ás traídas de auga

Tralo devandito, folga dicir que a destrución e contaminación de acuíferos serán amplas, como xa aconteceu co a explotación mineira desta zona nos anos 70 e 80, e “tornará a habitabilidade do contorno especialmente difícil, se non imposíbel”. Aínda que só consta unha captación de auga para abastecemento humano na zona afectada, o depósito municipal do Monte Arinteiro que fornece centos de veciños e veciñas; existen ducias de captacións que fornecen casas, granxas e núcleos de poboación enteiros que non están rexistradas en Augas de Galicia e que tamén quedarían contaminadas ou destruídas nunha zona que xa padece problemas de restrición e fornecemento de auga potable por mor do impacto das actividades mineiras do pasado (detállanse no documento de alegacións).

Afectación crítica a núcleos de poboación

O proxecto pretende localizar varios depósitos de residuos mineiros, perigosos por tratárense de materiais xeradores de drenaxes ácidas con altas concentracións de metais pesados, ao carón de diversos núcleos de poboación, sen apenas separación nalgúns casos. Téñase en conta que as distancias aproximadas desde os diversos depósitos de residuos mineiros ata os núcleos de poboación son: Arinteiro (80 metros); Os Torreis de Arriba (100 metros); Os Torreis de Abaixo (200 metros); Castelo (400 metros); Tribas (450 metros); As Goritas (600 metros); Eiresa (650 metros); Goleta (700 metros); Bravos (790 metros); Cruz de Méndez (800 metros); San Saturniño (800 metros); etc. Por só citar os que se encontran a menos de 1 km. Sinálese ademais que as capitais (e maiores núcleos de poboación) dos municipios de Touro e do Pino se encontran en ambos os dous casos a 1,5 km do perímetro da explotación.

Ademais, destruiríanse moitas vías de comunicación construídas en procesos de concentración parcelaria e as estradas que comunican a parroquia de Loxo con Arca e Santiago de Compostela, e a que vai a Pedrouzo pola Reigada.

Destrución de muíños do século XVIII e do Camiño Real

O estudo de impacto medioambiental da empresa di que a zona afectada non conta cun patrimonio etnográfico e arquitectónico salientábeis. Porén, no rego das Pucheiras existen diversos muíños que se remontan ao século XVIII, en bo estado de conservación, algún dos cales sería totalmente sepultados pola escombreira proxectada. Tamén se destruiría o Camiño Real da Feira do 20 e posíbeis elementos arqueolóxicos identificados na tradición oral aínda conservada, e que fan referencia a “casas dos mouros” que ben poderían ser continuación dos complexo megalíticos do Cotiño (8 túmulos) e da Croa de Pereiro (5 túmulos), na parroquia de Loxo. Ademais, no pasado, os traballos de rexeneración medioambiental das anteriores explotacións mineiras destruíron boa parte do Castro de Copa.

Varias granxas quedarán sen auga e sen base territorial

Nas alegacións referentes ao abastecemento de augas presentáronse algunhas das explotacións agrogandeiras que se verán directamente afectadas polo fin das súas fontes de auga potábel, subministro que dificilmente poderá ser substituído por unha traída municipal de insuficiente capacidade. Pero é que ademais da auga, a actividade mineira prevista implicará a destrución a perpetuidade da base territorial destas e outras explotacións, co agravante de que as terras a destruír forman parte de procesos de concentración parcelaria, que determinan a utilidade pública destes terreos con fins agrarios ademais da función social das propiedades, coa necesidade de que estas terras cultivables non queden abandonadas, se manteña e se conserve a súa capacidade agrícola, se aproveiten axeitadamente os seus recursos en consonancia cos plans de aproveitamento de cultivos ou forestal recollidos no acordo de concentración.

Estamos a falar dunha actividade económica multixeracional e sustentábel, de modo que o impacto destrutivo non se limita ao período de explotación, senón que afecta á viabilidade agrícola, agrogandeira e forestal da zona por séculos. Téñase en conta que estamos a falar en algúns casos de explotación con un alto número de cabezas de gando (até 200 cabezas), nas que hai mozos e mozas recentemente incorporados á actividade agraria, e que realizaron nos últimos anos constantes investimentos nas súas explotacións para a súa modernización e ampliación. En síntese, o proxecto proposto é incompatíbel coa continuidade da actividade agrogandeira da zona e determinará o peche de numerosas explotacións, a perda de postos de traballo e a destrución a perpetuidade da base territorial na que se sustentaría a viabilidade de explotacións futuras.

Alegacións San Rafael

Ficheiro adxunto