A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Arrinca o II Foro Labrego de Agroecoloxía analizando os pros e os contras da comercialización directa

Arrinca o II Foro Labrego de Agroecoloxía analizando os pros e os contras da comercialización directa

29 de Outubro do 2017

Isabel Vilalba

O Sindicato Labrego Galego está a celebrar esta fin de semana, na Illa de San Simón, o II Foro Labrego de Agroecoloxía, un evento que aposta, do mesmo xeito que a organización agraria, por unha visión integral e sostible da agricultura, tanto dos métodos de cultivo, como das relacións comerciais, as condicións de vida dos produtores e produtoras, do benestar animal, dos ecosistemas ou da paisaxe.

Foi a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, a encargada de inaugurar o foro lembrando unha morea de ameazas que se materializaron nas últimas semanas e que, precisamente, ameazan esa visión integral e sostible da agricultura: a aprobación do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Canadá (CETA), o convenio que autoriza á industria a cobrar un imposto polas sementes producidas e reutilizadas polas granxas, ou a aprobación da Lei de Fomento das Iniciativas Empresariais.

A pesares das agresións que, dunha maneira ou outra, atentan contra esta visión sostible da agricultura, contra un medio rural vivo ou contra unha alimentación sa; o arranque deste Foro de Agroecoloxía foi do máis esperanzador ao poder compartir experiencias, tanto dende o ámbito académico como profesional, de persoas, familias e colectivos que fan posibles, precisamente, esa agricultura respectuosa co medio ambiente e coas persoas que consumen e cultivan.

Así, a primeira das intervencións foi a de Mirene Begristain, doutora en Economía e profesora da Universidade do País Vasco especializada en comercialización ecolóxica. Begiristain fixo unha breve exposición sobre a viabilidade económica dos proxectos agroecolóxicos, sinalando algúns dos principais problemas aos que se enfrontan as granxas a pequena escala, como a escasa capacidade financeira ou a incapacidade para asumir plenamente a loxística que implica comercializar. A vía para afrontar estes eidos da actividade profesional pasa por crear elos de colaboración coa comunidade para a que traballas, redes baseadas no contacto directo e na confianza. Precisamente, algúns destes aspectos que hoxe se viron máis dende unha perspectiva teórica, trataranse mañá nun obradoiro práctico.

Pero a materialización de que os proxectos agroecolóxicos poden saír cara a adiante e que se pode asumir con éxito o proceso de comercialización a diferentes escalas, tivémolo na testemuña das catro experiencias que viñeron a continuación. Biocoop, cooperativa ourensá a través da cal varias granxas comercializan carne de vacún ecolóxica de razas autóctonas; Nutre en Bio, sociedade na que se uniron cinco explotacións de horta de Salvaterra de Miño que xuntaron esforzos para comercializar con éxito; a cooperativa de consumo ecolóxico Bioalai, de Vitoria, con 1.200 persoas socias e unha facturación anual de 1'5 millóns de euros, que apostou polos produtos de preto mercando toda a produción que vende no seu local nun radio de 150 quilómetros; ou experiencias a máis pequena escala, como a de Mimá, en Allariz, formada por unha parella que se instalou no rural para producir horta e mel que tamén comercializan directamente.

Para rematar a primeira xornada, dúas labregas da bisbarra -Belén Fervenza e Dora Cabaleiro- guiaron aos e ás asistentes nunha rota pola Illa de San Simón onde foron debullando a tráxica historia que tivo este enclave primeiro como leprosería e centro de corentena e, xa no contexto da Guerra Civil, como prisión e campo de concentración onde se privou de liberdade, torturou e asasinou miles de presos políticos cuxo único delicto foi loitar, dun xeito ou outro, pola liberdade.

II Foro Agroecoloxía