A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Editorial Fouce 317: "Para Feijóo o rural vai ben mentres o sector lácteo galego perde 10'66 millóns cada mes"

Editorial Fouce 317: "Para Feijóo o rural vai ben mentres o sector lácteo galego perde 10'66 millóns cada mes"

1 de Decembro do 2017

Feijóo e o rural

Compartimos con vós o editorial que abre o Fouce 317. Nel, damos un repaso á actualidade da Galiza labrega e a situación crítica que atravesa polas políticas nefandas para o medio rural do Goberno de Feijóo ou, tal e como explicamos, pola carencia total de políticas para agricultura e gandería.

No mes de setembro o prezo medio do leite en Galicia foi de 31,10 cts, aínda que a inmensa maioría cobramos por debaixo destas cantidades, mentres que o prezo medio europeo nese mes foi de 36,71 cts. Tendo en conta que nese mes os gandeiros e gandeiras galegas entregamos 190.000 toneladas de leite, isto quere dicir que recibimos 10,66 millóns menos de euros (case 1.800 millóns de euros menos das antigas pesetas) do que cobraríamos se tivésemos o prezo medio dos nosos colegas europeos.

Segundo a Consellería e o Ministerio, a solución ían ser os contratos obrigatorios sen prezo e tamén as organizacións de produtores lácteos (OPLs), pero aquí estamos: seguen pechando centos de granxas, as que quedamos moitas temos grandes débedas; e cando baixa o leite no resto de Europa, aquí tamén baixa, pero cando sobe no resto, aquí mantense case igual. Hai que dicir que todo isto que fixeron o Ministerio e a Consellería si que valeu para algo: valeu para que as 5 grandes empresas lácteas ganasen máis de 40 millóns de euros en plena crise e tamén para que os que asinaron os acordos co Ministerio, que montaron as OPLs famosas, cobrasen grandes subvencións.

"Hai que dicir que todo isto que fixeron o Ministerio e a Consellería si que valeu para algo: valeu para que as 5 grandes empresas lácteas ganasen máis de 40 millóns de euros en plena crise"

Esta política agraria está feita a medida das industrias e é un desastre para as labregas e os labregos, e tamén para o medio rural galego. A unha gran parte do sector hai que recoñecer que tamén lle gustan moito os cantos de serea, as boas palabras da conselleira e dos políticos de turno, o soño de medrar ata o infinito, as súas promesas do ben que imos vivir porque os chineses van aumentar o consumo de sabe Deus canto leite, as boas palabras dos mesmos que lles deixan facer ás empresas para que nos impoñan condicións de misería. Algúns aínda non ven mal que poñan granxas con miles de vacas como a que se proxecta para Noviercas (Soria) ou que sigan desaparecendo granxas pequenas. Xa deberiamos ver que nestes anos desapareceron miles de granxas e a situación no foi a mellor, todo o contrario. E cada vez temos menos veciñas e veciños dos que botar a man e contan con menos peso as nosas reivindicacións na sociedade.

A Lactalis, Danone, Pascual… só lles interesa poder comprar moito leite barato. Pero a nós deberianos importar que podamos seguir vivindo dignamente miles de familias galegas da actividade agraria e gandeira, cun medio rural vivo: con xente, con tempos para traballar e para vivir e non condicións de escravitude, producindo alimentos sans e de calidade, con ríos limpos, coidando a terra para as e os que veñan detrás... E para iso precisamos outra política agraria que apoie modos de produción sostibles, prezos que remuneren axeitadamente o traballo, regulacións da produción para que non haxa excedentes que tiren os prezos, proxectos que fagan que o leite en orixe se pague mellor e que á xente consumidora lle cheguen alimentos de primeira calidade, e fórmulas que defendan as produtoras e os produtores dos abusos das industrias e da distribución.

Unha política agraria que defenda os sectores agrarios e gandeiros e os dereitos das persoas consumidoras. Hai que dicilo con claridade: a solución pasa por medidas políticas, que normas se fan, en que se meten os cartos, que prohibicións se establecen para que non haxa abusos, como se protexe a terra agraria...

2017: Annus horribilis para o agro galego

O 2017 pode ser considerado en moitas comarcas agrarias galegas como annus horribilis, o ano no que as xeadas levaron boa parte das producións de viñedo, castaña..., ano de seca, de baixos prezos en boa parte dos sectores, o ano no que a pedra arrasou con boa parte da produción que quedaba e os incendios acabaron por rematar a faena. A xente afectada maioritariamente non recibiu ningunha axuda e a Xunta de Galicia semella moito máis preocupada en ser áxiles para darlles subvencións aos medios de comunicación e tapar todo isto ca en buscar verdadeiras solucións. A Xunta xa perdera 55,9 millóns de fondos europeos por non executalos no PDR anterior; aínda que Bruxelas permitíalle este ano ao Estado español adiantar o pagamento da PAC a outubro pola seca, a maioría das granxas galegas teñen pendentes os cobros; non houbo ningunha bonificación pola difícil situación (nin da Seguridade Social, nin de IBI…); a un mes (xaneiro de 2018) de que para o cobro das novas da PACse esixan novas condicións, como a prohibición das cisternas de zurros de prato, aínda non dixeron nin MU; non sacaron ningunha axuda polos danos do xabarín en todo o ano; as mozas e mozos que se incorporan teñen que pagar auténticas burradas a Facenda; desmantelaron a maioría dos centros de formación agrarios… Da Consellería do Medio Rural nin se sabe e case nin se lles espera.

Fotomontaxe Feijóo

Ruralízate!