A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego da Mariña reclama a recuperación da formación agroecolóxica na Escola Pedro Murias de Ribadeo

O Sindicato Labrego da Mariña reclama a recuperación da formación agroecolóxica na Escola Pedro Murias de Ribadeo

12 de Decembro do 2017

Pedro Murias

Vai para un ano que, a iniciativa de profesionais mariñáns de longa traxectoria e convocadas polo Concello de Ribadeo, diversas entidades relacionadas co medio rural xuntámonos para falar da deriva de abandono da Escola Pedro Murias de Ribadeo.

Na xuntanza conviñemos que a Escola é un recurso de enorme valor para a comarca, que se ben ten orixe nunha doazón desinteresada de hai un século, foi obxecto de importantes investimentos públicos, tanto económicos como de xestión polos seus responsables, para transformala nas últimas décadas no único centro público que conta cunha granxa certificada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, e dotado con instalacións, medios técnicos e persoais e mesmo residencia e comedor para dar servizo até 40 alumn@s para se formar tanto en horta como en mel ou produción e transformación de leite ecolóxico, ramas agrarias que todos os axentes sociais conveñen que seguirán ser a base do futuro do desenvolvemento sustentable do rural galego.

Incomprensiblemente, a Xunta de Galicia, responsable da súa xestión, tralo esforzo para acadar a certificación en ecolóxico e o éxito da primeira promoción do Ciclo de Produción Agroecolóxica impartido nos cursos académicos 2011/2012 e 2012/2013, decidiu deixar de ofertalo, deixando a Escola funcionando ó ralentí, nada máis que con cursiños ocasionais de formación continua, xornadas técnicas e formación mínima da esixida para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria.

Considerando esta decisión gravemente danosa para o futuro do medio rural mariñán redactouse unha carta dirixida a conselleira de Medio Rural que resumía o sentir de todas as entidades participantes, representativas dos intereses do medio rural local, e na que se solicitaba a reactivación da oferta formativa da Escola Pedro Murias; concretamente a recuperación da formación regulada co Ciclo de Produción Agroecolóxica para o presente ano.

A resposta da conselleira á devandita carta foi o silencio, e superado o inicio do curso observamos que o Ciclo Formativo impartirase de novo este ano só en Ponteareas, nun centro cunha formación práctica agraria orientada -xunto coa horta- á produción de aceite e viño.

O Sindicato Labrego Galego na Mariña entende que esta decisión supón teimar nunha grave irresponsabilidade pola parte da Consellería, xa que a oferta formativa desde a Pedro Murias supón un complemento imprescindible á impartida en Ponteareas, tanto pola súa localización xeográfica como pola orientación produtiva ao sector gandeiro. Baleirar de contidos e de actividade á Escola fala ben ás do desinterese do goberno galego para a actividade agropecuaria e do medio rural en xeral. O que podería ser unha ferramenta pública adicada á formación e á promoción de actividades económicas que aproveitaran dun xeito sostible os nosos recursos déixase esmorecer, quen sabe se á espera dalgunha iniciativa privada.

Desde o Sindicato Labrego Galego seguiremos a traballar en todos os foros pola recuperación da formación na Escola Pedro Murias de Ribadeo, nomeadamente no ámbito da agroecoloxía.