A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. II Foro de Agroecoloxía: Produción e consumo coinciden en demandar maior apoio institucional na comercialización

II Foro de Agroecoloxía: Produción e consumo coinciden en demandar maior apoio institucional na comercialización

19 de Decembro do 2017

II Foro Labrego Agroecoloxía

O primeiro conversatorio que se celebrou no II Foro Labrego de Agroecoloxía versou sobre as relacións entre produción e consumo e contou con representantes dos Foros Ecolóxicos do Barbanza (A Coruña), do mercado 4 Ponlas (Pontevedra), da tenda lucense Bico de Grao e da Rede de Consumo O Careón, de Melide (A Coruña).

Esa conversa inicial propiciou un rico debate entre os asistentes que, paseniño, foi definindo diversos retos e problemáticas relacionadas coa comercialización. Coincidiuse na necesidade de crear redes máis globais na Galiza que reforzasen á parte produtora naqueles eidos do seu traballo onde, habitualmente, hai máis debilidades, como a distribución e a venda.

Tamén se cuestionaron algunhas limitacións do Consello de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que esixe requisitos e custes moitas veces inasumibles que obrigan a moitas fincas e granxas agroecolóxicas a ter que vender os seus produtos sen certificación. Neste senso, coincidiuse en que está a ser moi positiva a creación de sistemas participativos de garantía como o do Mercado da Terra (Lugo) ou A Gavela (Pontevedra), que supoñen alternativas sólidas de cara a garantir o carácter agroecolóxico de moitas producións. Precisamente, aumentar o ámbito destas experiencias para que se poidan beneficiar delas granxas e fincas de toda Galiza foi unha demanda expresada no Foro que cada vez máis ampla no sector.

Os atrancos existentes en moitos concellos á hora de crear mercados de produtos agroecolóxicos ou de acceder aos que xa existen tamén foron obxecto de crítica. Neste senso, considerouse indispensable realizar un traballo a nivel institucional para eliminar estas trabas. De cuestións como as devanditas, xorde a necesidade de realizar un traballo institucional para que as diversas administracións sexan unha axuda e non un atranco para as producións agroecolóxicas.

Confianza, compromiso, cooperación, alianzas, planificación e traballo, moito traballo

A xeito de resume, no Foro fíxose o seguinte guión que enumera as conclusións desta conversa entre produción e consumo:

  • A confianza está por riba do selo do Craega.
  • Precisamos maior compromiso da parte consumidora.
  • Necesidade de construír un Sistema Participativo de Garantía amplo.
  • A parte produtora debe planificar a súa produción para compensar a baixada das vendas na temporada estival.
  • Os produtores e produtoras debemos facer o esforzo de crear alianzas para sobrevivir porque estamos febles e en precario. Neste senso, séntese a urxencia por crear estas alianzas, pero non está claro quen ou que debe liderar ou coordinar este proceso.
  • A necesidade de unirse ou asociarse para compartir gastos como os derivados da comercialización.
  • Sería moi útil facer un censo e un mapeo de produtores e produtoras e das canles de distribución a que teñen acceso.
  • É necesaria unha maior visibilización da parte produtora. Neste senso, os mercados son o espazo ideal para facer posible esta visibilización. O problema é que existen moitos atrancos institucionais para poder acceder a aos mercados locais. De aí que outra das frontes de traballo que se abren é a de dialogar e negociar coas institucións para que eliminen eses atrancos.
  • Cómpre facer un traballo de diferenciación das producións locais.

II Foro Labrego Agroecoloxía