A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Xuntanza SLG-Medio Rural: a prórroga dos xurros é indefinida e levantaranse 290 has. de forestacións ilegais

Xuntanza SLG-Medio Rural: a prórroga dos xurros é indefinida e levantaranse 290 has. de forestacións ilegais

29 de Abril do 2018

Comitiva SLG Medio Rural

O 27 de abril, unha comitiva do Sindicato Labrego Galego mantivo unha xuntanza de traballo coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez; e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. Ao encontro, que se celebrou na sede da Consellaría, acudiron por parte da organización agraria a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane; a coordinadora do SLG nas comarcas de Compostela e Bergantiños, Marieta Pastoriza; e os gandeiros Manuel Villaverde (Forcarei) e Eduardo Quintás (Touro). A xuntanza produciuse despois de que o SLG solicitase formalmente entrevistas para tratar diversas cuestións, que van dende os prezos do leite á crise da couza guatemalteca. De seguido, un resume do falado:

Decreto de prohibición de xurros: Medio Rural afirma que a prórroga será indefinida

Dende o SLG transmitimos a nosa preocupación sobre que ía acontecer nos sectores gandeiros unha vez pasado o ano 2018 e caducada a prórroga concedida até que se faga efectiva a prohibición de esparexer xurros. Explicámoslle á conselleira que o sector de vacún non podía asumir fortes investimentos nunha maquinaria moi custosa, pouco efectiva e mesmo inviable en moitas zonas de Galiza e que, sobre todo, non ía server para diminuír as emisións duns gases provocados, maioritariamente, polo porcino intensivo e polos fertilizantes químicos.

A conselleira díxonos que Medio Rural dispuña de informes do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e da Consellaría de Medio Ambiente que demostran que en Galiza non hai un problema salientable coas emisións de amoníaco. Pero quizais o máis importante que nos comunicou é que a prórroga para poder seguir esparexendo os xurros para abonar non vai ser só para 2018, senón que se entende como indefinida, e que aconsellásemos á xente que non fixese ningún investimento en maquinaria para enterrar os xurros porque non ía ser necesario.

Fauna salvaxe: Medio Rural recoñece que hai especies fóra de control e que pode provocar serios problemas en sanidade gandeira

Explicámoslle que se trata dun problema gravísimo que temos enriba. A conselleira admitiu a gravidade do problema, que xa lle foi transmitido polos sectores gandeiros en varias ocasións e admitiu que a súa magnitude podía compararse á de problemas como o dos prezos do leite, por exemplo. Ángeles Vázquez admitiu que existían poboacións de determinadas especies salvaxes, coma o xabarín, totalmente fóra de control que, ademais dos danos ás granxas, constitúen un serio problema sanitario de transmisión de enfermidades á cabana gandeira como tuberculose, peste porcina, etc. polo que se está a implicar tamén o Ministerio de Agricultura, xa que non se dá só na Galiza. Vázquez afirmou que a Consellaría de Medio Rural tiña unha liña de traballo común coa de Medio Ambiente para tratar de afrontar as poboacións descontroladas de determinadas especies.

A pesares do dito, a conselleira non nos falou de ningún outro compromiso concreto para facer fronte a este problema. Transmitímoslle a nosa queixa de que os tecores non están a cumprir coa súa responsabilidade e cos plans de xestión das poboacións de fauna salvaxe en grande medida porque non teñen un apoio decidido da propia administración. Neste senso, lembrámoslle á conselleira que moitos tecores teñen un corpo de socios moi envellecido e que están a ter serios problemas para dar saída á carne das pezas cazadas. Para o SLG, Medio Rural debería identificar estes problemas e outros nos tecores para darlles solución.

Forestacións ilegais de terras agrarias: Compromiso inmediato de levantar 290 hectáreas de forestacións ilegais e de actuar nas vías de comunicación

Denunciamos diante da conselleira este problema que se dá en toda Galiza e que deixa sen base territorial moitas granxas. Explicámoslle que non pode ser que a única solución sexa que uns veciños denuncien a outros para que a Administración actúe. Ángeles Vázquez díxonos que, neste tema concreto, mantivo un encontro coas xefaturas territoriais de Medio Rural para que se actúe de oficio fronte ás forestacións ilegais. E para levar isto a cabo, propuxéronse metas concretas como facer un plan de actuación dirixido a facer respectar a normativa de distancias nas vías de comunicación, comezando polas principais. Neste senso, a Consellaría de Medio Rural ten intención de levantar 290 hectáreas de forestacións ilegais de aquí a xullo e limpar distancias en 500 kms. de autovías, autoestradas e outras vías de comunicación principais, para pasar despois a outras de menor entidade. E nisto están traballando coordinandose con outros organismos como concellos ou a Deputación da Coruña.

Couza guatemalteca: Pedimos a cobertura do lucro cesante e maior transparencia

Denunciamos que non había un coñecemento da magnitude deste problema no sector e que existía unha grande desconfianza respecto ao seguimento da praga e o programa de control e medidas para erradicala, estando en xogo a produción de pataca non só nas zonas en corentena, senón en toda Galiza. Ángeles Vázquez comprometeuse a facilitarnos os resultados do programa de control e erradicación que estaba levando a cabo a Consellaría. En canto ao programa de indemnizacións reclamamos que, a maiores das xa existentes, se cubra tamén o lucro cesante, especialmente naquelas explotacións nas que unha parte importante dos seus ingresos dependen do cultivo de pataca.

As eivas nos procesos administrativos de Medio Rural

Outro dos temas tratados son as dificultades e eivas nos procesos administrativos relacionados con agricultura: prazos insuficientes para tramitar plans e axudas, fallos informáticos constantes que provocan atrasos e unha grande perda de tempo e recursos. Puxemos como exemplo as primas de incorporación ou os plans de mellora.

Dende o SLG, incidimos na necesidade de que a Consellaría de Medio Rural debe dotarse de mellores recursos técnicos e de máis persoal, non só na administración central, senón, sobre todo, na rede de oficinas agrarias comarcais, especialmente en departamentos como sanidade vexetal e animal ou o CIAM.

Para nós, estas carencias tradúcense en serias dificultades para poder xestionar o día a día das granxas, en problemas para resolver expedientes e ás veces no risco de que se perdan axudas importandes como as citadas. A sensación que temos é a de que se está desmantelando a Consellaría de Medio Rural.

Dixéronnos que nos últimos tempos houbo ampliación de persoal, con prioridade ao sector forestal, pero que entraba dentro dos seus plans reforzar o persoal noutros sectores.

Sector Lácteo: denunciamos a discriminación de prezos que sufre Galiza e pedimos que os controis de antibióticos sigan sendo responsabilidade do Ligal

Falámoslle da proposta do Ministerio de Agricultura de que sexan as propias industrias as que comproben e analicen a presenza de antibióticos no leite en substitución do actual programa de control no que as mostras son analizadas polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). Para o SLG, o programa de control do Ligal ofrece moitas máis garantías que a análise que poidan facer as industrias, polo que lle pedimos que isto siga sendo así na Galiza. O contrario sería privatizar outro servizo público en detrimento da calidade e das garantías que nos ofrece agora mesmo a súa xestión polo Ligal. Pedímoslle, polo tanto, que Medio Rural defenda esta posición diante do Ministerio de Agricultura.

Tamén denunciamos da concertación de prezos á baixa que estás a facer as industrias lácteas na Galiza á hora de asinar novos contratos na Galiza. Queremos que se investigue e se tomen medidas Pedímoslle á Consellaría que se investigue realmente se hai acordos entre industrias e se estude en profundidade a formación de prezos que fan as industrias; neste senso, denunciamos a clara discriminación que están a sufrir as nosas granxas cando unha mesma industria paga menos un leite de igual calidade en Galiza con respecto a granxas de Asturias, por exemplo. Trátase dunha clara discriminación e, para nós, ilegal.

Máis en xeral, denunciamos tamén a inexistencia dun plan de futuro para o sector lácteo galego e de foros de diálogo como a Mesa do Leite nos que se poidan deseñar e acordar medidas beneficiosas para o sector.

Sen saírmos do sector lácteo, tamén falamos dos proxectos de industrias e cooperativas lácteas que está a apoiar a Consellaría de Medio Rural. Dixémoslle á conselleira que este tipo de apoios públicos deben estar condicionados a darlle un retorno positivo ao propio sector en forma de compromisos de prezos dignos e mellores condicións contractuais, por exemplo. Non pode ser que se estean a dar axudas millonarias a industrias que despois seguen extorsionando as granxas impoñendo prezos de miseria e condicións leoninas nos contratos, ou mesmo deixando de recoller leite.

Mina de Touro O Pino

Eduardo Quintás reiterou á conselleira a petición da veciñanza de Touro para que visite a zona afectada polo proxecto de extracción de cobre de Atalaya Mining e comprobe, in situ, o forte impacto que ten actualmente a minaría na zona e o que tería sobre as explotacións gandeiras e a vida nas parroquias en caso de ir adiante o novo plan extractivo. Dentro das súas competencias, a conselleira dixo que tiñan que facer un informe ao respecto e comprometeuse a realizar unha visita a Touro para ver as consecuencias do proxecto mineiro.

Comitiva SLG Medio RuralParte da comitiva do SLG que se reuniu con Ángeles Vázquez e Belén do Campo. De esquerda a dereita: Eduardo Quintás, Isabel Vilalba e Marieta Pastoriza