A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG pide cambiar a ordenanza para bonificar o IBI en Agolada e a publicación dunha nova adaptada á realidade

O SLG pide cambiar a ordenanza para bonificar o IBI en Agolada e a publicación dunha nova adaptada á realidade

15 de Maio do 2018

Concello de Agolada

O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa indignación pola maneira de proceder do Concello de Agolada na concesión de bonificacións do 95% no IBI para aqueles inmobles rústicos “indispensables para o desenvolvemento das explotacións agrícolas, gandeiras, ou forestais”.

Máis alá das deficiencias manifestas no proceso de publicidade da convocatoria ou da insuficiencia das dúas semanas de prazo, o que fixo que mesmo concelleiros populares que se podían acoller á medida non solicitasen a bonificación; este polémico proceso demostra, cando menos, un profundo descoñecemento da realidade do país e do concello que dirixe por parte do alcalde, Ramiro Varela.
Por exemplo, cando o concello esixe ás persoas solicitantes titulares do ben que sexan elas as titulares da actividade agrogandeira, estase ignorando que o meirande das granxas e as propiedades son familiares e que é algo moi común que eses bens, sexan terras ou construcións, estean aínda a nome do pai ou da nai e non da persoa titular da granxa. Respecto disto último, cómpre lembrar que outras ordenanzas similares teñen contemplado os supostos de cesión a familiares ou alugueiro das instalacións a terceiros. Outra realidade común na Galiza e n'Agolada é que, decotío, a granxa, ao estar xunto á vivenda familiar, comparte a mesma referencia catastral, polo que tamén quedarían excluídas as que se atopasen nesta circunstancia. Neste caso outros concellos contemplan unha bonificación do 50%, pero Agolada non contempla nin sequera esta posibilidade.
Diante das graves deficiencias na ordenanza para a bonificación do IBI n'Agolada, dende o SLG pedímoslle ao concello que a anule e faga unha nova convocatoria para este ano 2018 ben publicitada en todas as parroquias e núcleos do municipio, con suficiente prazo para a tramitación da solicitude e cuns requisitos adaptados á realidade do país. De non facelo, haberá que pensar que esta bonificiación do IBI, lonxe de ser un “apoio ao sector primario” como publicita o concello, é unha ordenanza con importantes deficiencias que o equipo de goberno está a utilizar para facer propaganda sen gastar un peso e sen beneficiar a case ninguén.