A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Crónica da viaxe da mocidade do Sindicato Labrego Galego a Euskadi para visitar proxectos agroecolóxicos

Crónica da viaxe da mocidade do Sindicato Labrego Galego a Euskadi para visitar proxectos agroecolóxicos

18 de Maio do 2018

Mocidade SLG Euskadi

Do 5 ao 8 de marzo, un grupo de 16 mozos e mozas do Sindicato Labrego Galego percorreron Euskal Herria para coñecer de preto varios proxectos agroecolóxicos. A iniciativa estivo organizada conxuntamente con EHNE Bizkaia, VSF Justicia Social, e contou co financiamento da Consellaría de Medio Rural e do FEADER no marco PDR 2014-2020. Foron días moi intensos a nivel de experiencias e aprendizaxe dos que compartimos con vós neste Fouce unhas pequenas notas sobre os proxectos agroecolóxicos visitados.

5 de marzo

O primeiro proxecto visitado foi a granxa de vacún de leite de Kepa Agirregoikoa en Etxano (Amorebieta, Biscaia). Kepa tomou ou relevo da granxa familiar e, tras unhas reformas e ter probado con cabras, hoxe ten 18 cabezas de gando e unha media de oito vacas para muxir. Co seu leite produce iogures e queixos frescos e curados nunha queixería instalada na propia granxa. A alimentación das vacas baséase en pacer pasteiros naturais o meirande do ano, agás nos meses de inverno. A maiores desta produción principal de lácteos, Kepa tamén aproveita o soro e cría porcos.

Respecto da comercialización, Kepa vende directamente todo o que produce na propia granxa e nun comercio que abriu xunto con outros catro baserritarras para vender as súas producións e que abren dous días á semana. Tamén vende a algunhas tendas e centros escolares. A relación de Kepa coas persoas que consumen os seus produtos baséase nunha confianza traballada durante anos que fai que os consumidores e consumidoras sigan vindo á súa granxa mercarlle queixos e iogures.

Se queres saber máis deste proxecto, podes visitar http://errotik.biz/

Mocidade SLG Euskadi 1 6 de marzo

Na segunda xornada da viaxe, o 6 de marzo, visitáronse dous proxectos agroecolóxicos pola mañá no concello biscaíño de Zeberio. En primeiro lugar, unha finca con produción de horta con máis de 25 anos de experiencia. Nesa andaina, a primeira década foi de produción intensiva de tomate, acelga e pemento para MercaBilbao baixo demanda da industria. Aínda que non foi doado, esta finca mudou cara a un modelo agroecolóxico, gañando en soberanía ao apostar pola venda directa á hora de comercializar os seus produtos. Hoxe en día, esta finca subminstra 100 cestas semanais a 8 € cada unha. Estas cestas son reforzadas en moitas ocasións con alimentos doutras baserritarras en base a un "Compromiso Agroecolóxico". Esta finca tamén conta cun forno con 400 anos de historia e dous máis pequenos nos que fan uns 200 pans semanais. Ademais, montaron unha pequena sala para realizar conservas de alimentos cun investimento duns 9.000 euros.

Dende un punto de vista técnico, as características máis importantes da finca son:

  • Cultivos segundo demanda.

  • O abono faise en base a esterco que tran dúas veces ao ano.

  • Busca de sementes autóctonas máis adaptadas á bisbarra e dañen o menos posible os terreos. Un bo exemplo desta teima é que chegaron a ter quince variedades de tomates da contorna.

  • Compostaxe en base a unha mestura de arroz e turba.

  • Para a elaboración das cestas, en ocasións utilizan o reforzo de outros alimentos que eles non producen, como aceite, a través da Red Arco.

Mocidade SLG Euskadi 4

Sen saír de Zeberio, púidose ver de preto como se pode dinamizar o agro a partir de iniciativas municipais. Neste caso, o Concello de Zeberio, trala chegada á alcaldía de Bildu en 2011, puxo en marcha un Banco de Terras propio no que, a través de acordos coas persoas propietarias, conseguiu poñerse en marcha no ano 2013 para facilitar o acceso a base territorial para proxectos viables con perspectiva de xénero. Este fondo municipal de terras aluga fincas a un prezo de 500 € por hectárea e ano, sendo a duración do contrato de dez anos. O concello, ademais, garante o acceso a auga das fincas, pero desvincúlase da intermediación.

Tamén o anterior goberno de Bildu rehabilitou unha vivenda con cinco apartamentos para acoller persoas que quixeran vir vivir ao municipio, moi rural e despoboado, cunha poboación de apenas un milleiro de habitantes. Coa chegada do PNV á alcaldía nas eleccións de 2015, estas vivendas pasan a ser apartamentos turísticos.

Pero o proxecto que máis interese espertou foi o de Maskilu Kontserbera Agroekologiko Elkartea (Mar de Lumes), unha conserveira colectiva autoxestionada impulsado por baserritarras e persoas de diferentes comarcas que apostan por fomentar a soberanía alimentaria, a produción agroecolóxica, o consumo local e responsable e a comercialización en circuitos curtos. Este proxecto é moi interesante porque posibilita un valor engadido para as pequenas productoras locais ao transformar a súa materia prima en conserva, aproveitando os picos de produción sen que se teñan perdas na colleita e tendo a capacidade de ter produtos embotados todo o ano e con todas as garantías sanitarias.

Mocidade SLG Euskadi 5 Outro dos proxectos visitados o 6 de marzo foi o de Aner, un mozo que veu da cidade para aprender da súa avoa a cultivar e producir alimentos. Desa aprendizaxe tira hoxe o seu medio de vida coa produción de hortalizas, mel e derivados e pan. Esta diversificación permítelle sacar o groso dos seus ingresos coa venda de pan e, grazas á flexibilidade de horarios, dedicarse tamén á horta e á súa verdadeira vocación: a apicultura. En total, Aner xunto cun socio traballa dous invernadoiros de 1.500 metros cada un e ten sete colmeas. En canto á comercialización, tamén apostou pola venda de cestas semanais e é un dos socios da conserveira Maskilu.

Para Aner, o mellor do seu traballo é que lle permite conciliar a vida familiar; actualmente, dedícalle unhas trinta horas semanais e está tentando reducir a 25.

A intensa xornada do mércores completouse coa visita a Artea, un proxecto rural de acollida de persoas refuxiadas onde se lles proporciona o necesario para vivir durante un tempo e se lles ofrece formación para que poidan desenvolver os seus propios proxectos.

7 de marzo

A xornada do 7 de marzo comezou na oficina de EHNE Bizkaia cunha charla de VSF Justicia Alimentaria Global sobre novos procesos e retos en circuítos curtos de comercialización e compra pública de alimentos, con especial incidencia na organización e fornecemento de comedores escolares.

A parte práctica da xornada foi a visita á Ikastola Kurutziaga, en Durango, cuxo comedor está fornecido por produtos baserritarras locais. Esta ikastola está xestionada por pais e nais do alumnado en réxime de cooperativa cunhas 600 persoas socias.

O obxetivo desta escola no ámbito do comedor é sensibilizar cara unha alimentación saudable, comprando produtos locais da comarca. Ao tratarse dunha escola-cooperativa, ten moito máis autonomía ca un centro público. Isto, permitiulle unha xestión alternativa á da maioría de comedores dos centros escolares que, cada vez son cada vez menos e, o s que quedan, tenden a evoluir cara a un sistema de cátering.

Neste comedor, existen cotas de financiación do 75%, e o resto póñeno os socios e socias. Cada alumno ou alumna paga uns 75 € ao mes, e o custe do menú é de 5 € por xantar.

Mocidade SLG Euskadi 2

Xa pola tarde, o destino foi o concello de Atxondo, onde os mozos e mozas do SLG visitaron o casarío de Maritxu e Aitor, nai e fillo. Ambos traballan unha granxa con case 200 ovellas para producir uns 1.200 quilos de queixo ao ano. Tamén comercializan carne de año envasada ao baleiro, e diversifican coa cría de porcos a maiores. Venden directamente no casarío.

Acto seguido, o itinerario continuo por Elorrio, coa visita a Errekazabaleta Ranch, unha granxa onde pai e fillo son socios ao 50% e teñen unhas 30 vacas de carne de raza Angus. A alimentación do gando é en base a pasteiros e, ao quitar o penso, baixaron os custes de produción. Precisamente, a escolla da raza Angus foi por ter animais que gañen graxa sen necesidade de pensos. As vacas buscan que sexa o máis pequenas posible, porque paren igual pero comen menos. Para elixir cando mercan, baséanse, por orde, nos seguintes criterios: docilidade, fertilidade, boa paridora, bo leite e, por último, a conformación.

Os xatos mándanos ao matadoiro con 14 meses e un peso medio de 210-220 kg canal, aproximadamente, aínda que agora están traballando para aumentar o peso a 250 kg. Chegaron a ter xatos de 500 kg. e 18 meses. Os becerros permanecen coas nais o máximo tempo posible e logo só lles dan veza e herba de suplemento.

Fan venda directa a través de varios grupos de consumo e particulares en lotes de 3 e 5 kg con distintas pezas do canal. Ademais, están vendo a posibilidade de vender lotes máis pequenos con precociñados. No lado negativo, en Errekazabaleta Ranch están a ter serios problemas á hora de acceder a base territorial para o seu gando. Os montes son de moitos propietarios e, ademais, están a sufrir as expropiacións para o tren de alta velocidade. Estes feitos obrígaos a levar as vacas en remolque para pacer en rabaños de 8 a 10 reses.

Para rematar a viaxe, visitouse a Cooperativa Bizkaigane, formada por 8 persoas que xestionan 69 hectáreas para producir leite, ovos, horta e carne de ovino, porcino e polos. Cada unha das persoas coñece os coidados que require cada animal e todas as tarefas que se desenvolven na cooperativa. Todas as persoas socias cobran o mesmo e o traballo en grupo permítelles descansar algunha fin de semana. En canto á produción:

  • Leite de vaca. Véndeno en botellas e envases de plástico. Con respecto ás botellas intentan levar a cabo unha xestión de reutilización das mesmas no día a día. Un 10% do leite producido transfórmano en queixo fresco, curado, iogur e crema de leite.
  • Leite de ovella: para producir queixo.
  • Tanto para as vacas como para as ovellas utilizan a mesma sala de muxido modificada para tal fin.
  • Na produción de horta non teñen un compromiso de elaboración de cestas ou paquetes.
  • En canto as carnes, sacrifican na propia granxa e fan embutidos.
  • Teñen unha pequena tenda na propia cooperativa, aínda que tamén venden en feiras e nunha xeadería.

A viaxe rematou coa visita á Sidrería Uxarte, situada nun casarío onde producen sidra e zume de mazá que comercializan na propia sidrería.

Mocidade SLG Euskadi 3