A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia a tentativa de arrasar o piñeiral da praia do Lago (Muxía), protexido polo Plan de Ordenación do Litoral

O SLG denuncia a tentativa de arrasar o piñeiral da praia do Lago (Muxía), protexido polo Plan de Ordenación do Litoral

10 de Agosto do 2018

Praia do Lago

O Sindicato Labrego Galego vén de denunciar o incumprimento xeneralizado e o caos que se están a xerar na aplicación da normativa que obriga a rozar e talar franxas de seguridade de 50 metros en torno a vivendas ou núcleos habitados (ver: bit.ly/Caos-nas-Rozas). No marco desta denuncia, o SLG da Costa da Morte quere chamar a atención sobre a ameaza de corta que se cerne sobre o piñeiral da praia do Lago, en Muxía, incluído no Espazo de Interese Paisaxística Punta e Monte do Lago e, polo tanto, protexido polo Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POLG) da propia Xunta.

Dende o SLG non entendemos que se pretenda destruír este piñeiral de alto valor paisaxístico e económico, máis alá do obviamente forestal, pois, segundo di literalmente o POLG: “O aproveitamento turístico deste sistema, cunha accesibilidade relativamente boa dende as zonas máis interiores e dende núcleos como Muxía ou Camariñas, propiciou a aparición de dous cámpings, ambos situados entre a masa forestal, a media ladeira e en primeira liña de costa, un deles con acceso directo á praia”.

Cómpre dicir que, aínda que xa tentaron iniciar a corta, esta adiouse grazas á intervención da afiliación do Sindicato Labrego Galego. Porén, esa corta segue programada e, se ninguén o impide, arrasarase un piñeiral protexido de grande valor e uso para a zona afectada ao amparo dunha normativa que se está a aplicar dun xeito totalmente irracional e caótico, tal e como ilustra este caso que agora denunciamos.