A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia o problema da fauna salvaxe na Valedora do Pobo diante do abandono de funcións da Xunta

O SLG denuncia o problema da fauna salvaxe na Valedora do Pobo diante do abandono de funcións da Xunta

12 de Septembro do 2018

Xabaril

A pesares de que o Sindicato Labrego Galego denunciou, en varias xuntanzas nos últimos meses coa Consellaría de Medio Rural e co Servizo de Protección da Natureza, o gravísimo problema que supoñen os ataques da fauna salvaxe ás diversas actividades agrogandeiras na Galiza, a Xunta segue sen facer nada para solucionalo a pesares de ser coñecedora do feito.

Para o SLG, o mantemento da fauna salvaxe é unha responsabilidade de toda a sociedade galega e, polo tanto, da Xunta de Galicia, polo que os danos que esta causa deben ser custeados con cartos públicos. Porén, agora mesmo existe un sistema de compensacións totalmente insuficiente que só cobre unha mínima parte dos ataques, de contías paupérrimas que nunca compensan os danos causados e que acumula varios anos de atraso á hora de facer os ingresos. Por se non abondase, os únicos danos polos que se poden reclamar estas cativas indemnizacións teñen que ser de lobos ou xabarís, quedando sen ningún tipo de cobertura outros moi comúns coma os provocados por corzos, corvos ou cans salvaxes.

Esta é a razón pola que o Sindicato Labrego Galego decidiu iniciar unha campaña de denuncia en toda Galiza, comezando por levar a problemática até a Valedora do Pobo. En efecto, o SLG vén de rexistrar un escrito de queixa dirixido á Valedora no que se denuncia que os ataques da fauna salvaxe constitúen xa un problema case estrutural que, a causa do abandono da Xunta, está a ser custeado polas propias granxas atacadas. E é que os labregos e as labregas, ademais de ser vítimas dos ataques, tamén acaban sendo vítimas do abandono da Xunta, asumindo os custes dos ataques normalmente na súa totalidade ou, se teñen sorte, cunha cativa indemnización tras superar un labirinto burocrático e unha espera de tres anos ou máis para cobrar unha mínima porcentaxe do perdido. Tamén chamamos a atención sobre a ameaza de que a fauna salvaxe estea a ser un foco de contaxio de enfermidades sobre o gando.

O EUCALIPTO FAVORECE OS ATAQUES DOS XABARÍS E A CAZA NON É A SOLUCIÓN

Outro dos factores que fomentan o ataque dalgunhas especies, especialmente o xabaril, é a expansión do monocultivo de eucalipto, xa que se están a implantar un tipo de bosques nos que estes animais non se poden alimentar -ao contrario doutras especies arbóreas coma o castiñeiro ou as do xénero quercus (carballo, sobreira, aciñeira, etc.) das que si tiran a mantenza-, obrigando aos animais a alimentarse atacando os cultivos.

En canto a involucrar aos cazadores na posible solución do tema, dende o SLG dixémoslle á Valedora que isto “non só non contribúe a solucionar os problemas; senón máis ben a agravalos, socializalos e dificultar a súa solución. As competencias de protección da fauna -e da súa xestión- son públicas e administrativas, sen que sexa admisible que a Xunta mire para outro lado”.

SOLUCIÓN: A XUNTA DEBE SER RESPONSABLE CIVIL SUBSIDIARIA DOS DANOS

Para o Sindicato Labrego Galego, e así llo transmitimos a Medio Rural, Medio Ambiente e á Valedora, a única solución posible é que a Xunta asuma a responsabilidade civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe, cubrindo o 100% dos mesmos e o lucro cesante provocado. Ademais, tamén solicitamos unha entrevista coa propia Valedora para poder tratar a fondo esta problemática que mantén en xaque miles de granxas en todo o territorio galego.

COMPROBANDO OS ESTRAGOS SOBRE O TERREO

Para ilustrar esta problemática, o Sindicato Labrego Galego organizou hoxe dúas visitas a granxas afectadas polos ataques do xabaril no concello da Estrada. De seguido, compartimos un pequeno resume da súa testemuña:

Xosé Manuel Gestoso é un gandeiro de Santeles (A Estrada) que nos amosou os estragos que os xabarís lle fixeron en varias leiras de millo. Calcula que este ano, das 30 hectáreas que planta, 3 foron arrasadas: un 10% da colleita. “Imos ter que abandonar as explotacións. Así, non damos vivido”, queixouse Xosé Manuel. Respecto aos apoios da Administración, quixo responder á Xunta cando afirma que hai poucas denuncias: “É normal”, explicou. “Estamos aburridos de denunciar. Algúns pediron axuda, e concedéronlla; a outros, non. E pagan tarde, mal e arrastra, supoñendo que paguen. Diante dunha denuncia de ataques ou presenza de xabarís, a Xunta debería actuar de oficio e con carácter de urxencia: permitir batidas, trasladalos de lugar, o que eles queiran, pero solucionar o problema, non mirar para outro lado. Algunha solución teñen que buscarlle porque isto só pode ir a peor”.

Xosé Manuel Gestoso

Preto de alí, na parroquia de Codeseda (A Estrada), a granxa de Rosa Basteiro sufriu danos semellantes, pero no seu caso ampliados aos prados de herba, nos que fozaron unha grande área xunto ás vivendas. En canto ao millo, de nada lle serviu ter as plantacións arrodeadas cun pastor eléctrico dobre: os xabarís accederon igual. A pesares dos estragos, este ano vai tendo sorte, pois en anteriores ocasións ten chegado a perder varias hectáreas de pasteiros coa herba lista para ensilar e mesmo leiras de patacas a carón da casa. “A Administración fai ouvidos xordos ás nosas queixas e sentímonos totalmente indefensos”, laiouse Rosa. “O xabaril estraga os regadíos, os prados, o millo, as patacas, a horta... Levamos padecendo este problema dende hai 25 anos. Aquí sementabamos centeo, avea e outros cultivos que tivemos que deixar de botar porque o xabaril non nos deixaba nada”. En canto ás axudas, Rosa solicitou compensacións da Xunta hai dous anos, cando o xabaril lle estragou a metade dunha finca. “Cumprimos todos os requisitos e rexistramos a solicitude en prazo pero, a día de hoxe, aínda non tivemos contestación”.

Rosa Basteiro