A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Os ataques do xabaril arrasan grandes áreas de praderías e cultivos e supoñen un dos principais problemas das granxas

Os ataques do xabaril arrasan grandes áreas de praderías e cultivos e supoñen un dos principais problemas das granxas

28 de Septembro do 2018

Xabaril

O Sindicato Labrego Galego organizou hoxe, 27 de setembro, unha rota polo municipio d'O Corgo para denunciar a desfeita que a poboación descontrolada de xabaril está a facer en praderías e cultivos das que dependen a economía das nosas granxas. Gandeiros de vacún como Manuel Ferreiro, Xosé Luís Fernández, Domingo Rodríguez ou Xosé Antonio López Fouz ensináronnos os estragos que fixo o porco bravo nos seus prados a pesares de telos perfectamente pechados, tal e como se recomenda para evitar os ataques de maneira preventiva.

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, que tamén participou nesta acción de denuncia, explicou que “na xornada de hoxe quixemos dar visibilidade ao enorme problema que teñen as granxas cos ataques da fauna salvaxe. Estes casos que puidemos ver hoxe son casos de familias que perderon a alimentación que tiñan para o gando, que van ter que mercala fóra e facer un desembolso considerable para volver restaurar os prados. E, cando acaben de amañar, o máis probable é que o xabaril volva estragalo todo outra vez”.

A maiores dos danos evidentes dos estragos, Vilalba alertou sobre o problema sanitario que supón ter unha poboación descontrolada de xabarís. “Hai unha alerta da Comisión Europea ao Estado Español pola posible transmisión da tuberculose dende os xabarís ao gando vacún, algo que xa se deu en Estremadura e que, de seguirmos así, causará graves problemas sanitarios tamén na Galiza”.

Danos xabaril

UN PROBLEMA XESTIONABLE E CON SOLUCIÓNS, COMO DEMOSTRA O CASO DE ASTURIAS

Fronte a unha Xunta de Galicia que parece mirar para outra banda cando se lle fala do problema da fauna salvaxe, e que cada vez fai menos por solucionalo, a secretaria xeral puxo o exemplo de xestión que están a facer en Asturias. Precisamente, esta mesma semana, o SLG organizou unha viaxe formativa para gandeiros e gandeiras ao Parque Natural de Somiedo para coñecer, in situ, como a gandería en extensivo daquela zona pode convivir con osos, lobos e xabarís.

Vilalba explicou que “en Asturias pagan os danos causados por lobos, osos, xabarís e veados; aquí só os dos lobos. E, para iso, mentres que en Asturias che ingresan a indemnización en tres meses, na Galiza pode demorarse o pago tres anos ou máis. A maiores, os importes por indemnizacións que nos dan aquí son ridículos e non chegan nin á metade do que pagan en Asturias”. A isto habería que engadir normativas que regulan o control da fauna salvaxe, como as que determinan o número de pezas que se poden cazar cada ano de cada especie, en función do seu censo, para evitar problemas de superpoboación; ou a posibilidade legal de que as granxas deixen animais mortos en comedeiros para alimentar a fauna salvaxe.

Somiedo

Por desgraza, na Galiza a Xunta segue sen facer absolutamente nada. “A xente está desesperada”, queixouse Isabel Vilalba. “Hai moitas granxas que xa non sementan millo porque llelo estraga sempre o xabaril. Todos estes gastos extraordinarios e dificultades súmanse a outros problemas como o dos baixos prezos ou a suba de moitos insumos necesarios para a produción gandeira”.

En breve, o Sindicato Labrego Galego manterá un encontro coa Valedora do Pobo para expoñerlle toda esta problemática e facerlle ver a situación de desamparo e indefensión que padecen os labregos e labregas polos ataques dunha fauna salvaxe cuxo coidado e xestión debe ser responsabilidade do conxunto da sociedade galega.