A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG colabora con Solidariedade Interxeracional na atención social a maiores, dependentes e familias do rural

O SLG colabora con Solidariedade Interxeracional na atención social a maiores, dependentes e familias do rural

26 de Maio do 2019

Vella con neno

Co apoio da Xunta e da Consellaría de Política Social a través do 0'7% do IRPF, Solidariedade Interxeracional iniciou unha serie de servizos personalizados de atención domiciliaria e de proximidade para mellorar a calidade de vida das persoas maiores que viven no medio rural a través de programas de envellecemento activo, saudable e aprendizaxe ao longo da vida.

Galiza é un dos países máis envellecidos de Europa, rexistrando unha das taxas de envellecemento máis altas, con maior número de persoas maiores e dependentes no medio rural.

Existe evidencia científica de que a aprendizaxe continuada mellora a capacidade de envellecer con saúde, porque facilita adquirir ou manter destrezas, habilidades e capacidades que son importantes para afrontar esta nova e longa etapa da vida de maneira activa, satisfactoria e saudable.

Para vivir en casa sempre, requírense entornos domiciliarios e comunitarios accesibles, con servizos a domicilio e de proximidade de calidade. Neste senso, os servizos que se ofrecen neste programa son:

-Divulgación e sensibilización no medio rural: A través de actividades e materiais informativos.

-Servizo de información, asesoramento, xestión e consulta sobre servizos sociais e saúde. Consta de atención telefónica, presencial e online nas redes facilitadas polo Sindicato Labrego Galego, nos lugares onde se realizan actividades e a través do portal de servizos sociais aberto as 24 horas do día en www.solidaridadintergeneracional.es e www.efamilia.es
-Servizos de promoción do “envellecemento saudable en casa”. Perseguen ofrecer unha atención integral centrada na persoa e nun entorno favorable e son:

  • Servizo de atención psicolóxica personalizado. Para persoas dependentes e coidadoras/es co propósito de apoiarlles e afrontar a difícil situación, con sosego e responsabilidade, aprendendo a adaptarse ás circunstancias que xordan.
  • Servizo de fisioterapia. Para persoas maiores, dependentes, co fin de prever, diagnosticar e tratar as diversas patoloxías que lles afectan con tratamentos personalizados para as distintas doenzas. Actuarase a nivel individual e facilitaranse coñecementos e destrezas ás coidadoras/es principais.

-Servizo de asesoramento para a adaptación da vivenda. En función das limitacións presentadas en cada caso para lograr unha casa accesible para toda a vida.

-Servizo de formación para o envellecemento activo e a promoción da aprendizaxe ao longo da vida. Adaptado ás necesidades do colectivo para o mantemento das habilidades e destrezas e prever ou atrasar a aparición dos déficits asociados ao envellecemento non patolóxico. Os obradoiros poderían ser: adestramento da memoria, psicomotricidade, risoterapia, informática aplicada á vida diaria, prevención da dependencia, gerontoximnasia e saúde, alimentación e exercicio, voluntariado, etc.

-Servizo de acompañamento e respiro familiar. Durante períodos acoutados de tempo, en situación de urxente necesidade debido a algunha continxencia, hospitalización, convalecencia, formación de coidadoras/es ou enfermidade prolongada de coidadoras/es familiares que se fan cargo da persoa dependente no domicilio onde resida.

-Programa de voluntariado. Para favorecer o apoio mutuo e incentivar o acompañamento a persoas dependentes con familiares coidadoras/es ou persoas que vivan soas e se visitará coa frecuencia acordada coa familia.

As beneficiarias serán persoas maiores, persoas dependentes e familiares coidadoras do medio rural da Galiza, con especial incidencia nas provincias de Ourense e Pontevedra.

Solidariedade Interxeracional é unha organización con implantación estatal, sen ánimo de lucro, que traballa para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, dependentes e a súas coidadoras e coidadores, principalmente mulleres, especialmente no medio rural, facilitando recursos e servizos, favorecendo a aprendizaxe ao longo da vida e o envellecemento activo e saudable ademais da igualdade entre homes e mulleres e entre o medio urbano e rural. SI conta con máis de 900 convenios de colaboración con concellos e co apoio da COAG e das organizacións agrarias que a integramos, como o Sindicato Labrego Galego.