A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Esther Teijeiro, adegueira en Ribeira Sacra: "Cando unha cre en algo e loita por iso, tanto ten o que digan os demais”

Esther Teijeiro, adegueira en Ribeira Sacra: "Cando unha cre en algo e loita por iso, tanto ten o que digan os demais”

30 de Maio do 2019

Esther Teijeiro

Esther Teijeiro naceu e criouse entre as cepas da súa familia en Nogueira de Miño, e entre elas viviu toda unha vida xa en Pincelos (A Sariña, Chantada). Aos seus 82 anos, atesoura moita experiencia mimando acios e elaborando viños na Ribeira Sacra. De feito, a súa foi a primeira adega en inscribirse na denominación de orixe e seu foi o primeiro viño con certificación ecolóxica da Galiza. Así e todo, advertiunos: “Eu non teño nada que contar”. Pero, a base de tirarlle da lingua, ao final algo contou...

Vostede é viticultora e viñateira de pura cepa, nunca mellor dito.

Son. Eu nacín en Nogueira e só coñecín viñedos dende pequena. Meus pais vivían do viño e nós andabamos dende nenas polo medio das cepas. Os meus avós xa tiñan os viñedos.

A viticultura que se practicaba cando vostede era nena de seguro que era ben diferente da actual.

 Temos seis hectáreas onde cultivamos Mencía, Godello, Treixadura e, en menor medida, Albarello e Caíño. Nós abrimos a primeira adega que se inscribiu na DO Ribeira Sacra en 1987. Para poder facelo, tivemos que arrincar as cepas das castes que nos dixeron que non valían.

Fóra diso, podemos dicir que seguimos facendo a mesma viticultura que practicabamos cando eu era nena, con algunhas diferenzas, claro. Antes cavábamos e agora xa non cavamos, senón que deixamos medrar a herba. Pero, a grandes trazos, seguimos practicando unha viticultura como a de antes, sulfatando con caldo bordelés, que antes faciamos con sulfato de pedra.

Sulfato de pedra?

Si, antes o cobre viña en pedra, cando o aplicaban meus pais. Deixábano pola noite para que se derretera nunha pipa de madeira e, para o outro día, botábaselle cal e aplicábase. É o mesmo que botamos agora, pero coa diferenza de que xa vén feito.

Comentou antes que fundou a primeira adega inscrita na DO Ribeira Sacra. Como era cando estaba todo por facer?

Foron comezos difíciles. O papelame levaba moito tempo e, o peor de todo, é que ninguén cría en nós nin no que estabamos a facer. Mesmo quixeron impedirnos participar na Feira do Viño porque eramos unha adega. Dicían que tiña que ser un viño tradicional, como o de antes. E o noso érao, coa única diferenza de que tiñamos unha adega e estaba rexistrada na denominación de orixe.

E se ás dificultades de ser pioneira lle engadimos a de ser muller...

Hoxe en día hai moitas mulleres á fronte de adegas, pero naquela época non había ningunha. Se agora hai machismo, hai trinta anos había moito máis. De min dicían, de maneira despectiva, que era unha muller que quería vestir pantalóns. Ademais, tamén dicían que por ser muller non ía ser quen de sacar a adega para adiante e non comprendían como podía xestionala, xa que ese tipo de traballos estaban asociados aos homes. Pero cando unha cre en algo e loita por iso, tanto ten o que digan os demais.

Por que tomou a decisión de facer viño ecolóxico cando ninguén o facía?

Tomamos a decisión de dar o paso para facer viño ecolóxico no ano 2000 e en 2003 acadamos a certificación do Craega.

O noso foi o primeiro viño ecolóxico certificado na Galiza e, cando estabamos comezando, dixéronnos que iamos morrer de fame, xa que os químicos que deixamos de utilizar garantían unha maior produción. Había que matar a herba porque dicían que así obtiñas máis viño. Polo que iso de non utilizar herbicidas a xente non o entendía.

Pero de fame non morreron.

Os primeiros anos de ecolóxico, como as cepas estaban afeitas aos tratamentos, non deron tanto, pero despois, aos dous anos ou tres, xa comezamos a ter colleitas como as de antes. É certo que se só utilizas métodos naturais, a produción non é tan elevada, pero tampouco é unha mingua moi grande.

Era difícil vender un viño ecolóxico naquela época?

Ao principio, cando vendiamos a tendas ou restaurantes, non sabían que o viño era ecolóxico. Parecíalles que era un viño igual cós outros e ti tiñas que calar porque non o entendían. Ao final, nós tiñamos que sacar o viño e non o dabamos vendido por moito máis do que pagaban polo convencional. Pero para nós era máis importante vender e dar a coñecer, facer que a xente consumise un bo produto, que sacar un prezo maior por ser ecolóxico.

E así até hoxe.

Aquí seguimos, loitando. Só desexo que os que veñan detrás sigan loitando por isto, que o viño desta adega siga a ser un viño bo e que lle guste á xente. Esa sería unha alegría que me darían cando estea debaixo da terra.

E hai relevo xeracional para continuar coa adega?

Eu creo que si. Agora mesmo, hai xente interesada en mercar a adega, pero eu non a quero vender até ver que queren facer con ela os meus fillos ou os meus netos. Se eles non a queren, algo terá que facerse.

As forzas xa se están acabando, pero hai xente de fóra para axudar. Por certo, estamos buscando un repartidor para A Coruña e Santiago de Compostela, onde o noso viño se estaba a vender moi ben. Se hai alguén interesado, que me chame ao 690 048 338.

Non desaproveita a ocasión. Sempre pensando no traballo. Con 82 anos, ben merecería un descanso, ¿non?

Cando loitas por algo como esta adega con tanto interese, algo ao que queres tanto, dóeche moito desfacerte diso demasiado pronto. Non é cuestión de querer sacar máis cartos. Para min, a adega e o viño son un modo de vida e gustaríame que os fillos puidesen continuar con ela.

Esther Teijeiro