A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A reconquista da froita autóctona galega comezou no Eume

A reconquista da froita autóctona galega comezou no Eume

29 de Xullo do 2019

Concurso froita

O Sindicato Labrego Galego está a desenvolver numerosas actividades relacionadas coa recuperación de froiteiras autóctonas. A última foi unha nova colaboración coa Asociación Herbamoura nas comarcas de Arzúa e Melide en forma de curso sobre enxertos que se celebrou a pasada primavera. Pero este labor de recuperación no que foi pioneira a Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) do Eume xa ten moitos quilómetros percorridos.

Na xornada formativa do SLG e Herbamoura utilizáronse máis de douscentos patróns de maceiras e pereiras nos que unha trintena de asistentes enxertaron púas das variedades que foron recompilando nos últimos meses os técnicos do SLG. En mazá, utilizáronse gallos de mazóns, repinaldos, cornelludas, branquiñas, durelas, rubias de sidra, de San Xoán, cadradas, de pau, etc. En canto ás pereiras, de San Miguel, de San Ramón, Urraca, etc.

Segundo o coordinador do SLG en Arzúa e Melide, Xulio Rodríguez, quen estivo a recompilar boa parte das razas de maceira e pereira que se utilizaron na sesión de enxerto, nestas comarcas existía unha longa tradición froiteira e, de feito, había xente que vivía de vender froita nas feiras. Coa concentración parcelaria, especialmente en Arzúa, concello onde está concentrado boa parte do territorio municipal, arrasou moitas froiteiras que adoitaban plantarse nos valos como separación entre fincas.

O Sindicato Labrego Galego ten sido partícipe en actividades semellantes á desenvolta en Arzúa e Melide. Por exemplo, hai uns anos fixéronse na Estrada varias xornadas de poda, enxerto e manexo de plantacións froiteiras, ademais de fomentar a recuperación das variedades autóctonas. Seguiuse así o exemplo do proxecto que leva varios anos desenvolvéndose na Mariña de Lugo, co que se levan plantadas máis dun milleiro de árbores -fundamentalmente maceiras, pereiras e cerdeiras- e implicado unhas 150 persoas (ver Fouce nº 300 En busca das froiteiras perdidas).

AGFA-Eume: Pioneira da recuperación de froiteiras na Galiza

A nivel galego, é de destacar o traballo que leva anos desenvolvendo a Asociación Galega da Froita Autótona do Eume (AGFA-Eume). Naceu no ano 2008 e, dende aquela, desenvolveu un intenso traballo cuxo máximo expoñente foi un traballo de campo traducido na Horta de Conservación Carlos Fornos, na que a entidade ten plantadas 180 parellas de froiteiras autóctonas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. O terreo foi cedido polo Concello de San Sadurniño por un período de trinta anos. A maiores, no seo da Feira Rural, organizan cada ano un concurso de froita autóctona no mes de agosto que este ano chegará á súa undécima edición.

Un dos logros máis importantes da AGFA a nivel institucional foi introducir no catálogo do Ministerio de Agricultura e, polo tanto, facelas oficiais, un cento de variedades de froiteiras autóctonas da bisbarra. A iniciativa levouse a cabo diante do novo regulamento de control e certificación de plantas de viveiro que se quere aprobar na Unión Europea e que sería de obrigado cumprimento en tódolos países membros. Esta normativa esixirá que, para poder comercializar calquera variedade de árbore froiteira, esta deberá ser recoñecida previamente polo ministerio competente.

Detrás de boa parte do labor de caracterización e identificación das froiteiras atópase Ramiro Martínez, actual presidente da AGFA-Eume e viveirista que ten colaborado co Sindicato Labrego Galego na realización de cursos de enxerto e poda no marco de proxectos de recuperación de froiteiras autóctonas como o d'A Mariña.

Froita 2

Ramiro Martínez, no centro da imaxe, actuando como xurado do Concurso de Froiteiras Autóctonas de San Sadurniño

 

En concreto, o Ministerio de Agricultura recoñeceu e incluíu no seu catálogo 26 variedades de cerdeiras, 14 de ameixeiras, 25 de maceiras, 13 de pexegueiros e 18 de pereiras.

Nun manifesto da conservación do patrimonio froiteiro galego, a AGFA denunciou a intención do Ministerio de “prohibir a comercialización daquelas variedades que non sexan previamente controladas, identificadas e incluídas no Rexistro estatal de variedades comerciais”. Isto é consecuencia dunha normativa “pensada para regular a creación de novas variedades comerciais, por parte dos laboratorios dos grandes grupos multinacionais, esquecendo a protección das variedades xa existentes, logradas grazas ao traballo anónimo, durante centos de anos, de milleiros de labregos e labregas”.

Podedes ler o manifesto completo en: bit.ly/ManifestoAGFA

Concurso Froita