A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. As mulleres do SLG desembarcan ante o Parlamento de Galiza para esixir a titularidade compartida

As mulleres do SLG desembarcan ante o Parlamento de Galiza para esixir a titularidade compartida

30 de Marzo do 2007

Manifestación de mulleres

Foi unha das accións levadas a cabo nun encontro de labregas celebrado do 9 ao 11 de marzo en Compostela.

O 10 de marzo, dúas xornadas despois do Día Internacional da Muller Traballadora, duascentas labregas do SLG concentrábanse diante do Parlamento de Galiza e marchaban ata a compostelá Praza do Toural para esixir a titularidade compartida nas explotacións. Esta protesta foi a parte máis visíbel dun encontro de mulleres do SLG que se desenvolveu, entre o 9 e o 11 de marzo, para debater e fixar propostas de cara a facer real a igualdade entre homes e mulleres dentro e fóra da organización sindical. 

Unha das decisións máis salientábeis do Encontro de Mulleres do Sindicato Labrego foi a de levar ao sétimo Congreso, que se celebrará este outono, a proposta de modificar os estatutos da organización para que contemplen unha paridade real en todos os órganos e cadros directivos, dende os consellos comarcais á Dirección Nacional. De callar, o SLG converteríase nun sindicato agrario pioneiro no mundo e pasaría a formar parte dos poucos que teñen dirixentes de ambos xéneros a partes iguais, como o MST do Brasil, ou a Vía Campesina.

Outro dos temas importantes tratados no Encontro de Mulleres foi o de iniciar unha campaña contra a violencia de xénero que fará que todos os locais do Sindicato Labrego repartidos polo país poidan servir como punto de referencia para as mulleres afectadas pola violencia, de maneira que poidan obter a información e axuda necesarias para solucionar os seus problemas. Esta iniciativa nutrirase de accións como a edición dunha guía formativa para os traballadores e traballadoras do SLG, un díptico para distribuír de xeito masivo, e a realización dunhas xornadas de capacitación para preparar persoal nesta cuestión. Esta acción está relacionada co Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina, celebrado en Compostela o pasado mes de outubro, no que se decidiu emprender unha campaña global de loita e denuncia contra a violencia de xénero.

O traballo da Secretaría das Mulleres consegue o recoñecemento da titularidade compartida

Na actualidade, as mulleres labregas sofren moitas formas de discriminación de xénero, sendo unha das principais o carecer da titularidade nas explotacións que traballan, feito que afecta ao meirande das 34.800 agriculturas galegas. O carecer de titularidade nas explotacións, a pesares de cotizar á Seguridade Social Agraria, fai que as labregas queden sen nada en caso de separación ou en caso de enviuvar sen ser herdeiras legais do cónxuxe; ou que se lles deneguen axudas como a destinada a nais traballadoras con fill@s menores de tres anos.

Para Isabel Vilalba, responsábel da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego, "o feito de non figurar como titular da explotación e como traballadora agraria xera unha inseguridade moi grande e deriva nunha invisibilidade que fai que as mulleres labregas non sexan consideradas traballadoras, a pesares de cotizar á Seguridade Social Agraria e traballar cóbado con cóbado con seu cónxuxe na explotación".

Por iso, o Sindicato Labrego se manifestou o 10 de marzo, para demandar unha titularidade compartida que recoñeza plenamente o traballo das mulleres labregas. Noutros países do Estado, como Euskadi, existen tres tipos de titularidade: individual, para unha persoa física; societaria, cando falamos de cooperativas, sociedades civís, etcétera; e titularidade compartida, que recoñece a existencia de varias persoas físicas traballando nunha mesma explotación agraria. Para o SLG, debe haber ese recoñecemento da titularidade compartida ou cotitularidade, en casos como o dunha parella na que se dediquen amb@s á agricultura, para que se recoñeza ás dúas persoas como cotitulares da explotación en pé de igualdade e cos mesmos dereitos, obrigas e capacidade de decisión.

Froito do traballo reivindicativo desenvolvido polo SLG neste eido nas últimas décadas é o artigo 30 do anteproxecto de lei orgánica para a igualdade entre homes e mulleres no Estado que, por fin, contempla a cotitularidade compartida. Esta reivindicación foi recollida no texto legal grazas á unha campaña de moitos anos da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego para darlla a coñecer a todos os grupos parlamentarios, e na que contou coa colaboración da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG). Outro avance importante é o compromiso da Consellaría de Medio Rural para crear un rexistro de explotacións de cotitulares ou de titularidade compartida.

"Labregas polo recoñecemento legal: titularidade compartida"

O tempo acompañou, o pasado 10 de marzo, ás duascentas mulleres do Sindicato Labrego Galego que desembarcaron na rúa do Hórreo, fronte ao Parlamento, cunha pancarta que rezaba "Labregas polo recoñecemento legal: titularidade compartida". Viñan de estar reunidas o día anterior e esa mesma mañá para reflexionar e debater os xeitos de camiñar, co pensamento e coa acción, cara á igualdade no noso agro e no propio Sindicato Labrego; pero agora tocaba camiñar cos pés. Todas pasearon as súas reivindicacións polas rúas compostelás ata a Praza do Toural, onde interviñeron a responsábel da Secretaría das Mulleres, Isabel Vilalba; e a secretaria xeral do SLG, Lidia Senra.

Un sistema que relega a 34.800 labregas de Galiza a ser miniaturizadas como axuda familiar

Isa na manifestaciónA primeira mención de Isabel Vilalba foi para "as 34.800 mulleres labregas de Galiza que hoxe non puideron estar aquí con nós". E é que para moitas mulleres labregas non é nada doado poder deixar a súa casa durante tres días; cómpre non esquecer que o peso fundamental da atención ás persoas maiores e enfermas, aos nenos e ás nenas, recae, fundamentalmente, sobre as mulleres.

Vilalba explicou que a manifestación se facía "para esixir o recoñecemento legal do noso traballo: a titularidade compartida das explotacións agrarias", e denunciou un "modelo patriarcal e machista que fai que 34.800 mulleres en Galiza teñamos a consideración de axuda familiar.Pero, ¿que é iso de axuda familiar? Semella que non estamos a levar o traballo de xeito principal nas nosas explotacións, coma se fose unha actividade de tempo libre ou un hobby.

Nembargante, nós dedicamos todo o noso tempo, investimos todos os nosos cartos, e estamos á fronte dos créditos en condicións de igualdade cós nosos compañeiros; e é por iso que esiximos que os dereitos administrativos que, hoxe en día, son considerados propiedade exclusiva do titular da explotación, teñamos recoñecida a nosa participación en pé de igualdade: cotas lácteas, dereitos de plantación de viñedo, dereitos de vacas nutrices, axudas, dereitos de pagamento único, etcétera. Todos estes dereitos administrativos recoñéceselles só aos titulares das explotacións agrarias, maioritariamente homes".

A responsábel da Secretaría das Mulleres repasou algunhas das peores consecuencias da falla de recoñecemento legal da profesión de labrega: "os ingresos veñen só a nome do titular masculino, cando nós contribuímos a xerar eses ingresos na explotación; mulleres que, despois de toda unha vida traballando, fican sen nada tras un proceso de separación; mulleres que teñen que aturar problemas de convivencia, e mesmo situacións de violencia, por non ter unha saída económica clara; mulleres que, cando solicitan unha axuda, se lles denega porque, seica, non está demostrado que sexan agricultoras ao carecer de ingresos propios. En fin, unha invisibilidade total que fai que moitas veces non figuremos nin nas estatísticas nin nos estudos para cuestións tan importantes como, por exemplo, determinar o perigo dos pesticidas e agrotóxicos no traballo agrario".

Isabel Vilaba tamén recoñeceu motivos para a ledicia polos avances no anteproxecto da Lei de Igualdade e o rexistro de explotacións de cotitulares promovido pola Consellaría de Medio Rural.

Un primeiro chanzo para facer real a plena igualdade entre homes e mulleres no Sindicato Labrego Galego

Lidia na manifestaciónA Secretaria Xeral do SLG, Lidia Senra, comezou facendo referencia tamén á Lei de Igualdade e ao rexistro de explotacións cotitulares de Medio Rural, e advertiu que "non podemos baixar a garda, pois no intre en que pensemos que xa imos acadando cousas e que, polo tanto, xa podemos reducir a presión, equivocarémonos, porque cada baixada de garda nosa vai ser un pulo para todos aqueles que teñen interese en que non avancemos na conquista dos nosos dereitos". Nese senso, Lidia Senra pediu que, lonxe de conformarse coas conquistas actuais, se comece a incidir para que "os ministerios de Agricultura e o de Traballo desenvolvan normativas legais para que a titularidade compartida sexa real" e animou "a estar en garda, a seguir traballando para que esta lei se faga efectiva e non teñamos que seguir pedindo medidas de acción positiva para que se recoñezan os nosos dereitos. Que por lei estea claro que somos labregas, que somos titulares, e que temos os mesmos dereitos nas nosas explotacións".

E para que todos estes avances sexan posíbeis, Senra reclamou que cumpría comezar a avanzar na propia organización sindical para "chegar en pé de igualdade ao 50% aos consellos comarcais, á Dirección Nacional, ás direccións sectoriais e á Comisión Executiva. Ese é o reto polo que debemos seguir loitando".