A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG presenta ao Goberno un decálogo en defensa do rural, da produción de alimentos e da profesión labrega

O SLG presenta ao Goberno un decálogo en defensa do rural, da produción de alimentos e da profesión labrega

28 de Xaneiro do 2020

Tractor 10

O Sindicato Labrego Galego vén de elaborar un decálogo de medidas imprescindibles para revitalizar o medio rural e facer da agricultura e da produción de alimentos o seu principal motor económico. Esta mesma semana, o SLG fará chegar estas propostas aos grupos parlamentarios galegos con representación nas Cortes Xerais do Estado. O noso decálogo é o seguinte:

  1. Reforma da Lei da Cadea Alimentaria. Actualmente, esta lei non responde aos retos aos que se quería dar resposta cando foi creada. As grandes industrias e cadeas de distribución seguen a exercer unha posición de dominio no mercado de produtos agrarios e os labregos e labregas seguen a percibir, decotío prezos por baixo dus custes de produción. Cómpre, dunha vez por todas, que esta lei ampare o traballo labrego garantindo uns prezos mínimos que cheguen para cubrir os custes de produción e deixar marxe suficiente para garantir unhas rendas e uns salarios dignos no campo, nunca por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.
  2. O Goberno Español debe rexeitar o acordo comercial da Unión Europea con Mercosur e calquera outro tratado comercial que poña en perigo os nosos propios sectores agrarios e gandeiros. Ademais, calquera tratado de libre comercio con países transatlánticos lastraría a resposta que o Estado Español pretende darlle á crise por emerxencia climática, polo que, se queremos enfrontala e reducir as emisións de CO₂ ligadas ao transporte, debemos mudar con urxencia cara a políticas baseadas na Soberanía Alimentaria e na produción e consumo de alimentos de proximidade.

  3. Aposta pola agroecoloxía. Unha conversión ordenada cara a un modelo agroecolóxico vai ser a única maneira eficaz de que a agricultura sexa unha ferramenta útil na loita contra a emerxencia climática. Ademais, aplicando a agroecoloxía de maneira integral en cuestións como o fomento do consumo de produtos de proximidade, coa compra pública de alimentos con relacións comerciais xustas en circuítos curtos de comercialización ou garantindo condicións laborais dignas das persoas que traballan a terra, o modelo agroecolóxico será indispensable reactivar a economía agraria e rural e enfrontar a desertización do campo. Queremos facer especial fincapé na compra pública de alimentos ecolóxicos e de proximidade, xa que a través dela poderiamos garantir a revitalización das economías locais o acceso a unha alimentación saudable de poboacións vulnerables como a rapazada (comedores escolares), persoas con problemas de saúde (hospitais) ou a terceira idade (residencias e centros de día). Co obxectivo de que as diversas administracións aposten por alimentos ecolóxicos e de proximidade para fornecerse, dende o SLG propoñemos que se traballe nun programa gradual para que, en 2021, as administracións adquiran como mínimo o 20% dos alimentos que merquen con criterios agroecolóxicos; que en 2025 sexa o 50%; e, finalmente, en 2030 a totalidade dos alimentos de compra pública sexan agroecolóxicos. Para rematar, cómpre non esquecer que a conversión do noso modelo agroalimentario cara á agroecoloxía é indispensable para combater a crise climática, polo que a compra pública de alimentos podería ser unha extraordinaria ferramenta neste sentido.

  4. Protección da terra agraria. O solo agrario e con valor agronómico está totalmente desprotexido fronte ao acaparamento de terras que están a perpetrar outros sectores económicos como a minaría, ou a produción de enerxía e celulosa; do mesmo xeito que contra fenómenos adversos como a desertización ou a erosión. A terra agraria, como base indispensábel para a produción de alimentos e a nosa Soberanía Alimentaria, debe estar protexida por lei da especulación e de procesos de acaparamento declarando como uso prioritario a produción de alimentos. Dende este punto de vista, agardamos que as distintas forzas políticas con representación nas Cortes Xerais e, en especial, as que teñen responsabilidades de goberno, apoien a proposición de Lei de Protección dos Solos de Alto Valor Agrolóxico e dos Solos de Interese Agraria que rexistramos no Congreso as organizacións e colectivos que formamos parte da rede Intervegas.

  5. Defensa dunha Política Agraria Común (PAC) social e labrega. O Estado Español debe defender na Unión Europea unha PAC feita á medida dos labregos e das labregas, que defina con precisión a figura do agricultor ou da agricultora activa para evitar a dilapidación de miles de millóns de euros de fondos públicos agrícolas en seguir engrosando as contas bancarias de terratenentes, grandes industrias, fondos de inversión e especuladores. Nese senso, cómpre eliminar os dereitos históricos de cobro e redistribuír os fondos da PAC entre os labregos e labregas que realmente traballan a terra e viven dela, sexa cal sexa o sector ou sectores agrarios nos que desenvolven a súa profesión. Ademais, ás persoas que teñan máis dun 50% dos seus ingresos de orixe agraria debe garantírselles unha axuda mínima equivalente ao importe da subvención media da PAC, evitando así a discriminación actual das persoas mozas e do colectivo de mulleres.

  6. Apoio ao relevo xeracional dotado con orzamentos suficientes. Un dos principais desafíos ao que se debe enfrontar a nosa agricultura é o do relevo xeracional, evitando que siga a producirse a sangría de peches de granxas e garantindo o acceso de mozos e mozas á terra, á vivenda, ás axudas, ao crédito e ao mercado. Unha medida concreta que reivindicamos dende o SLG a este respecto é que as axudas para a incorporación de xente moza ou a transmisión de granxas dun titular a outro estean exentas de tributar.

  7. Xestión pública da fauna salvaxe. Xa é hora de que as diversas administracións se poñan de acordo para responsabilizarse dunha fauna salvaxe que forma parte do noso patrimonio natural común e da que, agora mesmo, están a responsabilizarse en grande medida as granxas que a sosteñen cos seus cultivos e o seu gando. Cómpre dotar de orzamentos suficientes mantemento da fauna salvaxe para que calquera dano causado por ela, sexa cal sexa a especie ou o estrago, sexa custeado pola Administración.

  8. Garantir a existencia de servizos públicos de calidade suficientes no medio rural. Sen crear unha rede de servizos públicos que garanta a mesma asistencia e os mesmos dereitos á totalidade da poboación, con independencia de que resida en espazos urbanos ou rurais, non conseguiremos frear o despoboamento. Dentro deste apartado, cómpre salientar a necesidade de manter os servizos administrativos no rural. A dixitalización das relacións entre a Administración e as persoas administradas no eido rural e agrícola non pode supor unha perda de dereitos daquelas persoas que, por idade ou formación, non sexan quen de relacionarse telematicamente cos diversos órganos do Estado ou da Xunta. Por iso, é preciso que se sigan a manter as oficinas e o funcionariado que até hai pouco se encargaban da burocracia ligada ao agro e non utilizar a telematización como escusa para desmantelar a cativa rede administrativa que queda nas zonas rurais.

  9. A Seguridade Social debe observar a especificidade dos sectores agrarios e gandeiros. A idade de xubilación dunha profesión dura e con grandes esixencias físicas como a labrega non pode ir máis alá dos 65 anos. Ademais, deben tomarse medidas para mellorar as pensións de xubilación dos labregos e, en especial, das labregas, por ser das máis baixas. Debería crearse un sistema de cotización que fose proporcional aos ingresos das persoas que cotizan de cara a garantir que calquera persoa traballadora vai ter garantida, ao final da súa vida laboral, unha renda digna que nunca debería ser inferior ao Salario Mínimo Interprofesional.

  10. Avance en políticas de igualdade no rural. Debería enfrontarse seriamente a aplicación da Lei de Titularidade Compartida para que miles de labregas que seguen a traballar sen cotizar e sen ver recoñecidos os seus dereitos laborais poidan facelo. Ademais, cómpre avanzar en igualdade en cuestións como a paridade de cargos e responsabilidades en ámbitos como as cooperativas agrarias, as organizacións sindicais do campo ou as listas electorais no rural. Outros espazos onde se botan de menos condicións de igualdade para homes e mulleres no rural é no acceso a formación, axudas e coberturas sociais. En especial, é necesario enfrontar a violencia machista coas especificidades que se dá no rural e dotar os programas de erradicación con suficientes medios humanos e materiais para que se leven a cabo con éxito.