A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. 10 adegas acaparan o 60% dos máis de 4 millóns de euros das axudas de Medio Rural ao sector vitivinícola

10 adegas acaparan o 60% dos máis de 4 millóns de euros das axudas de Medio Rural ao sector vitivinícola

21 de Febreiro do 2020

Viñopoly

O Diario Oficial de Galicia publicou nas últimas semanas as resolucións das axudas convocadas en 2019, pola Consellaría de Medio Rural, para apoiar distintos aspectos da produción vitivinícola: reestruturación de viñedo, promoción en terceiros países e investimentos para elaboración e comercialización. Mentres que as axudas á reestruturación repártense entre máis solicitantes, 1.514.342 € entre 122 solicitudes; as outras dúas liñas son máis selectas: nas axudas para a promoción a terceiros países repartíronse 905.000 € entre 23 adegas; e para investimentos, case 2 millóns de euros entre 16.

Polo demais, non sorprende cales foron as adegas máis beneficiadas, xa que coinciden as mesmas de edicións pasadas, o groso da denominación de orixe Rías Baixas. Se xuntamos as tres liñas de axuda, dez adegas acaparan o 60% dos cartos (2.610.25 €): Martín Códax, Pazo de Señoráns, Viña Almirante, Telmo Rodríguez, Terras Gauda, HGA e Altos del Toroña, Adegas Moure, Veiga Serantes, Virxe de Galir e Viña Costeira.

Se sumamos as tres liñas de axudas, este ano Martín Códax volveu ser a máis beneficiada, aínda que desta vez bateu todos os récords, levando ela soa case a cuarta parte dos cartos. Sexa directamente, ou a través da empresa Viñas e Adegas Galegas, esta cooperativa de Rias Baixas ingresará por axudas da Consellaría de Medio Rural convocadas en 2019 un total de 1.043.533 €. Chaman a atención os 753.395 € que embolsará só para investimentos. A isto, habería que sumar 158.690 € para promoción en terceiros países e 47.615 € a través de Viñas e Adegas Galegas nesta mesma liña. Ademais, con esta última empresa levará, a maiores, unha axuda para reestruturación de 83.833 €.

No segundo posto, tampouco este ano hai sorpresas. A ex-deputada do PP e ex-presidenta do Consello Regulador de Rías Baixas, Marisol Bueno, a través da súa adega Pazo de Señoráns, que levará 31.796 € para promoción en terceiros países e 247.331 € para investimentos: case 280.000 € que a sitúan no segundo posto do podio. Moi preto, en terceiro lugar, situaríase a Cooperativa Viña Almirante, tamén de Rías Baixas, que ingresará 272.971 € só nunha axuda para investimentos.

Normalidade no reparto: Non podían faltar no podio nin as empresas rioxanas nin o ex-presidente do Celta de Vigo, Horacio Gómez

Este ano, no cuarto posto cóase unha adega foránea con viñedos en Valdeorras. Trátase da Compañía de Vinos Telmo Rodríguez, que ingresará 187.898 € por axudas a investimentos máis outros 18.443 € para reestruturación. Máis de 200.000 euros para este emprendedor rioxano asociado a Pablo Eguzkiza que se especializou en facer viños de autor a partir de pequenos viñedos espallados por distintas zonas xeográficas do norte peninsular. Sorprende a alta contía das axudas se temos en conta que, segundo a web desta empresa, os únicos viñedos que ten na Galiza son 23 hectáreas repartidas en tres parcelas nas ladeiras do Bibei (Valdeorras).

Para seguir coa normalidade, o quinto posto volve ser para un clásico de Rías Baixas no palmarés das subvencións: Terras Gauda. Nesta ocasión, serán máis de 190.000 € correspondentes a 95.011 € para reestruturar e 95.854 € para promoción en terceiros países.

Outro que non podía faltar é Horacio Gómez, o ex-presidente do Celta de Vigo e tamén político do Partido Popular, que a través da súa empresa Viñedos Altos del Toroña, levará 123.628 € para reestruturación e 21.799 € para promoción con HGA Bodegas y Viñedos de Altura, acumulando máis de 145.000 € e quedando na sexta posición.

Unha das maiores empresas da Ribeira Sacra ocupa o sétimo posto: Adegas Moure (Abadía da Cova) ingresará 143.445 € por unha axuda para investimentos. Non moi lonxe, de oitava con 133.999 €, volvemos a Rías Baixas con Veiga Serantes, tamén no capítulo de subvencións para investimentos. O noveno posto do ránking é unha das adegas máis clásicas en acaparar axudas na Galiza: Virxe de Galir, propiedade da rioxana CVNE, que leva dúas axudas para reestruturación, unha a través de Agrogalir (59.750 €) e outra a nome de María Aránzazu Barros Rivero (47.451 €), sumando 107.201 €. Finalmente, a única adega do Ribeiro que se mete entre as dez máis subvencionadas, sen chegar a un número de seis cifras, é a cooperativa Viña Costeira, que ingresará 94.106 € repartidos en tres axudas: 57.090 para reestruturación, 3.837 para promoción en terceiros países e 33.179 € para investimentos.

Un reparto inxusto de axudas que favorece o abandono e a concentración de viñedos

Dende o Sindicato Labrego Galego seguimos denunciando, como vimos facendo dende hai anos, que as axudas da Consellaría de Medio Rural para o sector vitivinícola están deseñadas para que beneficien maioritariamente a unhas poucas grandes adegas e cooperativas en detrimento do resto do sector; da mesma maneira que favorecen maioritariamente a grandes adegas da mesma denominación de orixe, Rías Baixas, en detrimento das outras catro, e en detrimento dos viticultores e viticultoras e das pequenas adegas das cinco DOs. Tamén sorprende que o único consello regulador que leva axudas sexa o de Rías Baixas, con 229.079 € para promoción en terceiros países, e que os outros catro non leven nada.

Mentres a Consellaría de Medio Rural siga trampeando para beneficiar sempre aos mesmos no viño galego, seguiremos vendo como cada vez hai máis e máis hectáreas de viñedos abandonados, como o desemprego e a desertización se van estendendo nas parroquias e concellos viñateiros, fundamentalmente no sur de Lugo e na provincia de Ourense, e como, paseniño, a produción vinícola se vai concentrando cada vez en menos mans, decotío pertencentes a grupos empresariais e grandes fortunas de fóra de Galiza.

Reparto axudas viño 2019