A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG e AGA presentan queixa no Ministerio de Transportes polo uso de glifosato para desherbar cunetas e beiravías

O SLG e AGA presentan queixa no Ministerio de Transportes polo uso de glifosato para desherbar cunetas e beiravías

30 de Xuño do 2020

Glifosato

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Galega de Apicultura (AGA) veñen de rexistrar un escrito de queixa na Delegación do Goberno para denunciar o uso masivo de glifosato por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para desherbar as beiravías e cunetas das estradas de titularidade estatal na Galiza. A través de diversas testemuñas, puidemos constatar o uso de herbicidas nas marxes da A-54, da A-8 e da N-547, polo que se intúe o uso xeneralizado deste agrotóxico como modus operandi habitual do Mitma. Ademais, no mesmo escrito, solicítase unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para explicarlle o tremendo impacto ecolóxico que ten o uso de glifosato no medio ambiente e para a saúde humana, especialmente nesta época do ano.

Aínda que o glifosato é de uso legal debido ás fortes presións da agricultura industrial para prolongar a súa utilización na Unión Europea, está previsto que sexa totalmente prohibido en territorio comunitario no ano 2022 debido aos graves riscos que entraña o seu uso, xa que se demostrou que é canceríxeno e perturbador endócrino para os seres humanos e devastador para insectos polinizadores como as abellas. De feito, xa hai países como Austria que o prohibiron sen agardar a que venza o seu período de legalidade prorrogado.

Cómpre salientar que os efectos nocivos do glifosato vense intensificados pola época na que se está a usar, en plena primavera e comezos do verán, cando as plantas están en flor e as abellas e outros insectos están no seu pico de actividade.

Aínda que se trata dun herbicida aínda legal, as institucións públicas deberían dar exemplo e ser as primeiras en deixar de usalo, sobre todo se pensamos nas cantidades inxentes necesarias que se precisan para desherbar amplos tramos da rede de estradas do Estado. Tampouco comprendemos que o primeiro Goberno do Estado que creou un Ministerio de Transición Ecolóxica se dedique a envelenar de maneira indiscriminada o medio ambiente cun tóxico tan perigoso como o glifosato.

Por iso, demandamos do Ministerio de Transporte que deixe definitivamente de utilizar glifosato para desherbar cunetas e beiravías e pase a utilizar medios mecánicos de limpeza. Sería todo un logro para o Ministerio de Transición Ecolóxica sen necesidade de grandes investimentos.

Glifosato en Vilalba