A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG alega contra un proxecto mineiro en Beariz e Avión por poñer en perigo a saúde e a riqueza agroforestal

O SLG alega contra un proxecto mineiro en Beariz e Avión por poñer en perigo a saúde e a riqueza agroforestal

18 de Agosto do 2020

Radiación Serra do Suído

O Sindicato Labrego Galego vén de presentar unha batería de alegacións contra a solicitude da empresa Recursos Minerales de Galicia SA para pasar dun permiso de investigación no proxecto mineiro Alberta I, en Beariz e Avión (Ourense), a un permiso de explotación que afectaría unha zona denominada Coto Tocayo nos lugares de Doade, Acevedo e Rubillón. Desta maneira, o Sindicato Labrego Galego mantén a súa posición contraria ao inicio deste proxecto mineiro, oposición que vén exercendo dende 2013.

A área que se pretende explotar inicialmente -o proxecto orixinal está fragmentado de maneira fraudulenta para evitar presentar a avaliación de impacto ambiental- abrangue 60 cuadrículas mineiras que equivalen, aproximadamente, a 1.680 hectáreas.

Para empezar, o proceso administrativo no que se está a tramitar esta solicitude esta cheo de irregularidades, entre as que destaca o feito de que José Javier Pereletegui, xefe da sección de Avaliación Ambiental da Consellaría de Medio Ambiente, e Dolores Pérez Ayuso, xefa do Servizo de Enerxía e Minas en Ourense, ditaminasen que a empresa non ten que presentar un informe de impacto ambiental que resulta preceptivo por lei no caso que nos ocupa, podendo incorrer ambos nun posible delito de prevaricación administrativa e/ou prevaricación ambiental, así como de falsidade en documento público, tipificados Código Penal.

Isto é así porque a lei obriga a que un proxecto mineiro deba presentar un informe de impacto ambiental se se dan tres supostos: que se poidan producir augas acedas ou alcalinas, que se exploten minerais radiactivos, ou que se atope a menos dun quilómetro de núcleos urbanos.

No caso deste proxecto, danse os tres supostos, xa que o filón que se vai explotar é de pegmatitas, que inclúen sulfuros e óxidos que provocarán drenaxes e augas acedas. Nas análises realizadas, constatouse, a maiores, a presenza de niveis considerábeis de arsénico, cobre, chumbo e cinc. Ademais, nas pegmatitas adoitan atoparse minerais radiactivos, algo que tamén confirmaron as análises, constatando cantidades significativas de cesio e rubidio, co perigo que a radiación supón para as poboacións asentadas na zona e os eventuais traballadores da mina. Finalmente, as vivendas de Acevedo atópanse a menos de 300 metros da explotación para a que se pide permiso, polo que está dentro do quilómetro preceptivo que obriga, xunto coa presenza de minerais radiativos e acidificantes, a elaborar un informe de impacto ambiental.

Radiación Serra do Suído

Como podemos ver, o principal impacto sería sobre un bem esencial como son os recursos hídricos da zona e o abastecemento de auga. De feito, tamén existe un informe desfavorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil no que pide "un estudio hidroxeolóxico no entorno de actuación da obra que permita identificar os posibles impactos no réxime das aguas subterráneas e superficiais avaliando as afeccións a concesións preexistentes e aos réximes de caudais dos leitos próximos”. Por se non abondase, nos informes presentados para avaliar o impacto da explotación mineira non figura o que debería realizar o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, que é esencial.

A CONSELLARÍA DE MEDIO RURAL ELUDE A SÚA RESPONSABILIDADE Á HORA DE DEFENDER OS RECURSOS FORESTAIS E GANDEIROS DA ZONA

No que se refire ao informe da Consellaría de Medio Rural, manifesta unha absoluta desidia, pois só hai un breve escrito no que se di que na zona afectada non hai concentracións parcelarias. Esquece o departamento que dirixe José González, non sabemos se con premeditación ou por pura incompetencia, a enorme riqueza forestal da zona afectada e as actividades gandeiras que se desenvolven nela.

En primeiro lugar, están afectadas varias comunidades de montes veciñais como as de Lamacega, Betiscobo, Correa, Framia e Abeleira. Nos miles de metros cadrados que pretenden explanarse hai uns 10.000 m² de bosque de frondosas con carballos, bidueiros, salgueiros na zona de Porto Espiño, cos danos que iso provocaría no patrimonio natural. No resto dos 69.000 m² hai, na súa maior parte, repoboación de piñeiros financiada pola Consellaría de Medio Rural. O resto do monte de Doade está practicamente todo poboado por árbores, algunhas nacidas de xeito espontáneo e o resto repoboado, na súa maior parte, con piñeiros e algunha pequena zona con bidueiros e castiñeiros.

En canto á actividade pecuaria, nos montes de Correa, Framia e Abeleira existe unha explotación de gando vacún con case un cento de reses na que a Consellería de Medio Rural financiou varios quilómetros de peches, manga de manexo, pasos canadenses e outras infraestruturas. Ademais, no entorno dos lugares de Doade (Beariz) e Acevedo (Avión) tamén se aproveitan os pastos en extensivo por gando vacún e cabalar.

OPOSICIÓN DA VECIÑANZA E DO SLG DENDE 2013

Por todo o devandito, dende o Sindicato Labrego Galego exerceremos todas as accións legais pertinentes para denunciar as irregularidades en todo o proceso administrativo co que se pretende dar permiso de explotación a Recursos Minerales de Galicia SA no proxecto Alberta I e Coto Tocayo; e opoñerémonos frontalmente a unha actividade mineira que arrasaría cos recursos forestais e gandeiros da zona, esenciais para a economía local. Neste senso, cómpre lembrar que o SLG está apoiando a veciñanza afectada dende o ano 2013, cando se ía iniciar a tramitación do anterior proxecto, xunto con outros como Alberta II ou Vilatuxe que, en conxunto, afectarían máis de 11.000 hectáreas nas bisbarras do Deza, Tabeirós-Terra de Montes e O Carballiño. Daquela, xa organizamos charlas informativas nas parroquias afectadas e denunciamos o feito de que a empresa pretendía levar a cabo o seu proxecto sen a preceptiva declaración de impacto ambiental.

Mapa total