A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Acouga e Sindicato Labrego entregan 124.000 sinaturas contra as comisións abusivas de Abanca

Acouga e Sindicato Labrego entregan 124.000 sinaturas contra as comisións abusivas de Abanca

3 de Septembro do 2020

Isabel Vilalba

O 2 de setembro, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, e o presidente da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), Manuel Pérez Arias, fixeron entrega de 124.263 sinaturas recompiladas contra as comisións abusivas de Abanca na sede central desta entidade financeira na Coruña. As sinaturas foron recompiladas por iniciativa dunha asociada de Acouga, Iolanda López, a través dunha campaña na plataforma dixital change.org

Nun comunicado anterior a esta acción, dende o Sindicato Labrego Galego reclamamos a devolución das comisións abusivas de mantemento cobradas por Abanca á súa clientela, que subiron sen previo aviso a 50 € por semestre durante o confinamento, o que supón 100 euros anuais. Este incremento é desproporcionado, pois non responde a máis servizo que manter unha conta aberta; e inxustificable, pois a entidade bancaria tivo uns beneficios de 405 millóns de euros en 2019, polo que non lle vai tan mal como para facer estes cobros.

Como organización agraria, dende o SLG temos sinalamos que estas comisións abusivas teñen unha repercusión moito máis grande no rural debido á ampla presenza no noso territorio das sucursais das antigas caixas galegas: Con máis de 500 oficinas, Abanca está presente en 274 concellos e é a única entidade financeira con sucursal en 121. Para o SLG, Abanca estase aproveitando da súa presenza privilexiada na Galiza, pois sabe que as familias destes 121 concellos rurais afectadas polas comisións abusivas non marcharán porque non poden elixir outra alternativa.

Dende o Sindicato Labrego Galego, máis alá da súa faceta como negocio, consideramos que as finanzas tamén son un servizo necesario que, máis alá da súa rendibilidade, debe ser accesible a toda a poboación, incluídas as persoas que vivimos no rural.

Dende este punto de vista, e diante do fracaso en que rematou a venda de Novagalicia Banco, xurdida da fusión das antigas caixas galegas, a Xunta de Galicia debería intervir para esixir que Abanca devolva unhas comisións que, aínda que legais, son abusivas a todas luces. Resulta intolerable que unha entidade bancaria que sobreviviu grazas a fortes inxeccións de diñeiro público -30.000 millóns de euros segundo algunhas fontes- e que foi adquirida a un prezo de saldo de 1.003 millóns, aproveite agora a súa posición de monopolio en 121 concellos rurais para abusar da súa clientela sen que a Xunta mova un dedo ou pronuncie unha soa palabra para evitalo.

Entrega sinaturas Abanca