A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG oponse á introdución dos transxénicos na agricultura ecolóxica aprobada polo Parlamento Europeo

O SLG oponse á introdución dos transxénicos na agricultura ecolóxica aprobada polo Parlamento Europeo

30 de Abril do 2007

Rolda do OXM

Lidia Senra e Charo Sánchez Parga denunciaron a intención de Bruxelas de introducir os organismos xeneticamente manipulados "pola porta de atrás".

A Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo aprobou, o 27 de febreiro, unha proposta de regulamento para o etiquetado de produtos ecolóxicos que permite unha presenza accidental de transxénicos do 0’9 % sen necesidade de informar no etiquetado; o 29 de marzo, o pleno parlamentario aprobou esa proposta, pero reducindo a un 0’1% a presenza adventicia de OXMs. Diante desta decisión, o Sindicato Labrego Galego ofreceu hoxe unha rolda de prensa para denunciar a introdución dos transxénicos no noso agro e nas nosas mesas "pola porta de atrás". 

A responsábel de agricultura ecolóxica do Sindicato Labrego, Charo Sánchez Parga, explicou que "aínda que se anunciou esta rebaixa porcentual como algo positivo, ao Sindicato Labrego Galego preocúpalle moito que fique aberta esta porta á contaminación xenética. Esta medida entra en clara contradición co regulamento da agricultura ecolóxica, que no seu artigo sétimo prohibe expresamente o uso de organismos xeneticamente manipulados. A agricultura ecolóxica é un modelo agrario sustentábel que traballa con variedades locais e autóctonas; permitir esta contaminación accidental sería deixar unha porta aberta á contaminación xeral de toda a todo tipo de agricultura por organismos manipulados".

Por iso, Sánchez Parga anunciou que "o Sindicato Labrego fará todo o posíbel para que se recolla a nosa demanda dun nivel de tolerancia cero aos transxénicos en agricultura e alimentación. É totalmente incompatíbel o desenvolvemento dun sector ecolóxico cunha agricultura que traballe con transxénicos".

O documento aínda ten que volver á Comisión de Agricultura para que sexa revisado, e este órgano terá que tomar unha decisión final antes de que Parlamento o aprobe definitivamente. Diante disto, "a Comisión vai ter que posicionarse: ou facerlle caso ao meirande da cidadanía europea (o 70% está en contra dos transxénicos na agricultura e na alimentación); ou facerlle caso a unhas poucas transnacionais do sector agroquímico que monopolizan este negocio e á Organización Mundial do Comercio (OMC)".

Na rolda de prensa tamén interveu a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Lidia Senra, que explicou as razóns do Sindicato Labrego para oporse aos transxénicos: por motivos sanitarios, xa que, cada vez, hai máis evidencias de que os transxénicos son prexudiciais para a saúde; por motivos agrarios, pois o SLG é contrario "á dependencia das tecnoloxías xenéticas a que nos queren forzar as transnacionais"; e por motivos ambientais, pois está cada vez máis claro que os transxénicos son unha ameaza contra a biodiversidade.

Respecto das razóns sanitarias para oporse aos transxénicos, Charo Sánchez Parga puntualizou a intervención de Lidia Senra coa recente publicación dun estudio na revista científica Archives of Environmental Contamination and Toxicology, no que un grupo de expertos en biotecnoloxía da Universidade de Caen (Francia) vén de descubrir que o millo transxénico MON 863, autorizado pola Comisión Europea para alimentación humana e animal, resulta tóxico para o fígado e os riles. En canto á convivencia entre unha agricultura con transxénicos e outra ceibe deles, Senra explicou que, por moito regulamento que se aprobe, "non hai ningunha lei que lle impida a unha abella pousarse nunha planta transxénica, recoller o seu pole, e despois polinizar despois outras plantas en leiras ecolóxicas ou convencionais".

Finalmente, ambas sindicalistas denunciaron a desinformación que se está a practicar dende poderes públicos como a Comisión Europea ou o Ministerio de Agricultura neste tema. Para Parga "resulta contraditorio que o Ministerio, a través da súa directora xeral de Agroindustria, Almudena Rodríguez, declarase hai pouco a súa posición favorábel ao desenvolvemento da agricultura ecolóxica; e, ao mesmo tempo, aprobase o día anterior tres novas variedades de millo transxénico en España, que é o país europeo con maior superficie cultivada de OXMs (máis de 50.000 hectáreas)". Diante desta actitude, o SLG esixiu tamén que a Comisión Europea e o Ministerio de Agricultura deixen de xogar coa cidadanía e cos labregos e labregas, e se decante por un modelo agrario ou por outro.

COAG e CPE instan á Comisión de Medio Ambiente a rexeitar os OXMs

O pasado 20 de abril, o responsábel de seguridade alimentaria da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), e Guy Kastler en representación da Coordinadora Labrega Europea (CPE), reuníronse co Comisario de Medio Ambiente, Stavros Dimas.

Esta comitiva, que representaba tamén ao Sindicato Labrego Galego, expresoulle a Dimas o seu rexeitamento dos transxénicos, xa que a coexistencia entre calquera modelo de agricultura con outra que utilice organismos xeneticamente manipulados (OXMs) é imposíbel.

Andoni García sostivo que "os OXMs destrúen o modelo social da agricultura labrega, sostíbel e solidaria; aceleran a implantación dun modelo de produción industrial sen labregos nin labregas que atenta contra o medio ambiente por impulsar o monocultivo e por provocar a perda de biodiversidade, e que non garante a seguridade alimentaria nin a saúde das persoas".

Pola súa banda, Guy Kastler manifestou que "o fenómeno da contaminación xenética é xeneralizado e non coñece distancias de separación", o que está chegando a provocar enfrontamentos entre explotacións. Kastler tamén lle explicou ao Comisario de Medio Ambiente que se veñen de publicar varios estudos que demostran que o aumento da mortalidade das abellas podería estar relacionado tamén coa contaminación por transxénicos.

Tanto a Coordinadora Labrega Europea como a COAG fixeron un chamamento aos estados membros da Unión Europea, e ás diversas rexións e comunidades, para que rexeiten os transxénicos e manteñan moratorias de caracter local ou nacional amparándose nas conclusións do Consello de Medio Ambiente celebrado o 18 de decembro de 2006. García e Kastler lembráronlle a Dimas que se debería facer o mesmo a escala comunitaria.