A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG e outros colectivos esiximos accións urxentes para evitar a degradación dos espazos afectados polos lumes

O SLG e outros colectivos esiximos accións urxentes para evitar a degradación dos espazos afectados polos lumes

8 de Outubro do 2020

Monte queimado

Un grupo de colectivos e organizacións agrarias, ecoloxistas e sindicais rexistramos, o 8 de outubro, un documento dirixido ás consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente para que emprendan accións, con carácter de urxencia, de cara a paliar a degradación das áreas arrasadas polos lumes forestais este verán. De seguido, compartimos contigo o comunicado de prensa que acordamos. Tamén podes descargar, na icona que atoparás ao remate desta páxina, o documento completo rexistrado na Xunta.

As nefastas políticas forestais e para o medio rural das últimas décadas asolan o país cuns lumes que, reiteradamente, se ceban tamén cos espazos protexidos. Mais isto non é casualidade, senón froito da falta de planificación e amparo dos mesmos.

O impacto dos incendios é insoportable e as perdas son incalculables. Mais a destrución non queda só no material, xa que o desastre ambiental é de gran magnitude e de moi difícil recuperación. A perda de biodiversidade, os danos a fauna e flora e, especialmente, a afectación do solo, precisan plans de recuperación específicos a longo prazo, pero estes deben comezar nas horas inmediatas á extinción do lume mediante as tarefas de protección, restauración e rexeneración.

Hai innumerables documentos e informes internacionais que apoian esta tese e suficiente lexislación que ampara e obriga de realizar estes labores, mais a Xunta de Galicia continúa na inopia, ano tras ano, sen establecer unha planificación clara ao respecto e sen executar os traballos que corresponden. Quedando estas tarefas en mans do voluntariado que fai un esforzo inmenso, mais insuficiente, por atallar o problema.

É por iso que as entidades asinantes presentamos un escrito de demandas ante a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para que aproben medidas inmediatas, tal e como recolle a lexislación na materia, dotando do orzamento necesario para realizar os traballos imprescindibles que eviten a erosión, a contaminación dos ecosistemas fluviais e a restauración hidrolóxico-forestal dos montes afectados, de xeito inmediato.

Recordamos que, por todos os motivos expresados en diferentes comunicados e escritos dirixidos á administración e goberno de Galiza, tras a vaga de lumes de 2020, hai aberta unha campaña para esixir a dimisión do Director Xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, en http://chng.it/qfcCHPDX

Ficheiro adxunto