A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG pide aos partidos políticos galegos unha fronte común para evitar que Galiza siga marxinada na PAC

O SLG pide aos partidos políticos galegos unha fronte común para evitar que Galiza siga marxinada na PAC

22 de Outubro do 2020

Cendán e Ana Rodríguez

Esta semana, o Consello de Ministros e Ministras de Agricultura da UE chegaba a un acordo en Bruxelas para a nova Política Agraria Común (PAC). A PAC acordada segue a ser unha PAC na que uns poucos ingresarán millóns e a gran maioría repartirá migallas ou quedará sen nada. Galiza é unha das grandes marxinadas no Estado da PAC, xa que o Ministerio de Agricultura aposta por favorecer modelos agrícolas do sur fronte á nosa realidade. Por iso, reunímonos con todos os partidos políticos presentes no Parlamento de Galicia e fixemos unha chamada de atención aos eurodeputados galegos para que promovan unha PAC que respecte os intereses de Galiza.

O Sindicato Labrego Galego iniciou, este mes de outubro, unha rolda de contactos cos partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia para expoñerlles a necesidade de adoptar unha postura común de país para defender unha Política Agraria Común (PAC) que beneficie os nosos sectores agrogandeiros e a singularidade do noso rural.

O último destes encontros foi o 20 de outubro, co Bloque Nacionalista Galego (BNG), e nel estiveron presentes Ana Rodríguez e Xosé Ramón Cendán por parte do SLG; e María González Albert e Xosé Luís Rivas “Mini”, por parte do Bloque. Nos anteriores, reunímonos coa viceportavoz do Partido Popular no Parlamento, María Elena Candia, e Daniel Vega, presidente da Comisión de Agricultura, Gandería e Montes, o 5 de outubro; e con Martín Seco García, vogal do PSOE na Comisión de Agricultura, Gandería e Montes, o 14 de outubro.

A maiores, e dentro da mesma campaña, enviouse unha carta sobre demandas mínimas para os regulamentos que se están votando durante esta semana no pleno do Parlamento Europeo aos eurodeputados galegos Francisco José Millán Mon (PP) e Nicolás González Casares (PSOE), e a a Ana Miranda, portavoz do BNG na Unión Europea.

A todos e a todas explicámoslle que as negociacións da Política Agraria Común (PAC) entran nun momento decisivo a nivel europeo e estatal, que culminará en primavera de 2021 cando o Ministerio de Agricultura publique o borrador do Plano Estratéxico da PAC para España. De feito, esta mesma madrugada, o Consello de Ministros e Ministras de Agricultura pecharon un acordo sobre a PAC. Polo tanto, cómpre exercer un papel activo como galegos e como galegas para defender os nosos intereses comúns.

Porén, en Galiza semella que o tema non preocupa. Hai constituído un grupo de traballo da PAC no Consello Agrario Galego que, desde o noso punto de vista, tense xuntado moi pouco para debater temas tan transcendentais para os sectores agrarios e gandeiros galegos. Cómpre ter en conta que as decisións sobre a PAC vainas tomar o Ministerio de Agricultura e que no Estado Español conviven realidades produtivas moi distintas con intereses moi dispares.

A MATERIA PENDENTE DE REGULAR MERCADOS E PREZOS

De seguido, expoñemos as peticións que, dende o Sindicato Labrego Galego, estamos pedindo que defendan os partidos políticos galegos:

1.- Pedimos aos nosos políticos e políticas que sexan quen de pensar noutra PAC alternativa que contemple instrumentos para regular os mercados os prezos. Mentres sigan tentando convencernos de que o futuro para garantir uns prezos dignos en agricultura son as Organizacións de Produtoras e Produtores (OPs) -levamos anos constatando a súa absoluta inutilidade no sector lácteo- seguiremos padecendo prezos baixos en orixe e falta de rendibilidade na profesión agraria.

2.- Pedimos que teñan en conta temas moi importantes doutros sectores que parece que non entran na PAC pero si se están modificando e aféctannos moito: autorizacións de novas plantacións de viñedo, a denominación “ viños desalcoholizados”, variedades permitidas de uva, a reserva de crise, cuestións sobre os produtos cárnicos, denominacións de orixe, etc.

GALIZA, A GRANDE MARXINADA NAS AXUDAS DIRECTAS NO ESTADO

3.- O único tema sobre o que semella haber debate é o reparto dos fondos do chamado primeiro piar da PAC (axudas directas). A postura do Sindicato Labrego Galego e da Coordinadora Europea da Vía Campesina é a seguinte:

  1. Unha única axuda por persoa activa: Agora mesmo, as axudas directas do primeiro piar concédense por dereitos históricos e por hectárea, unha modalidade na que Galiza perde moito, como veremos de seguido. Dende o SLG demandamos unha axuda directa por persoa activa na profesión agraria, nunca un pago por hectárea. A nosa proposta consistiría en facer un só pago como axuda básica á renda, incrementándose para as persoas que se instalen na agricultura ou na gandería durante os cinco primeiros anos e incrementándose tamén para aquelas explotacións situadas en zonas de montaña. Eliminaríanse o resto de pagos desacoplados do primeiro piar que complican moito a xestión e , ademais, serven de pouco.

  2. Galiza perde se as axudas se reparten en función da superficie agraria: Nos debates no Estado, agora mesmo só hai dous temas enriba da mesa: Quen vai cobrar as axudas no próximo período e e en función de que superficie. Cómpre lembrar que Galiza, coa estrutura territorial que temos e co tipo de explotacións agrícolas e gandeiras, sae permanentemente desfavorecida deste debate para todo o Estado. Agora mesmo, con estas premisas, Galiza está fóra da PAC e levará, coma sempre, só unhas migallas. De seguido, enumeramos unha serie de datos que cómpre ter en conta se queremos que Galiza saia realmente beneficiada coa nova PAC:

    • O pago por hectárea, no caso de Galiza, é completamente inxusto e permitiu que sexamos a única comunidade autónoma no Estado Español que ten máis persoas que cotizan polo réxime agrario (29.013) que solicitudes únicas da PAC (26.805).

    • Galiza está entre as comunidades co ratio máis baixo subvencións / renda empresarial agraria (19,5% en Galiza fronte ao 30,3% da media española).

    • Tamén temos unha superficie agraria útil (SAU) das máis baixas do Estado e de Europa, e unha porcentaxe de superficie con dereitos sobre SAU total dos máis baixos do Estado (58,5% fronte ao 80,7% da media en España). Galiza ten unha SAU por explotación das máis baixas do Estado (20,8% fronte ao 47,7% da media española).

    • Temos un importe moi baixo de axudas tanto por explotación como por Unidade de Traballo Agrario (UTA). No caso das explotacións de bovino de carne e de leite, unha porcentaxe importante das axudas son as acopladas.

    • Galiza ten un dos importes medios máis baixos por beneficiario/a nas axudas da PAC (2590,10 € de importe medio por persoa beneficiaria na Galiza; 3.959,45 € de importe medio por persoa beneficiaria en España).

En resume: Galiza ten moitas máis persoas traballando na agricultura e na gandería que solicitantes da PAC. Tamén ten pouca SAU (das SAU por explotación máis pequenas do Estado) e, desta, só o 58,5% ten dereitos de pago. Todo isto implica, entón, que a axuda media individual da PAC que cobramos en Galiza sexa das máis baixas do Estado.

Polo tanto, se queremos que todas aquelas persoas activas na actividade agraria en Galiza cobren unha axuda básica á renda e intentar igualarnos á media española en axudas, nunca o vamos a conseguir se as axudas seguen a repartirse en función da superficie agraria, tal e como se está propoñendo.

Por todo isto, conminamos aos políticos e ás políticas de Galiza, sexan do partido político que sexan, a formar unha fronte común para defender diante do Ministerio de Agricultura unha Política Agraria Común que se adapte aos intereses e á realidade galegas.