A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. PAC 2020-2027: As mulleres nesta Política Agraria Común

PAC 2020-2027: As mulleres nesta Política Agraria Común

6 de Outubro do 2020

Mulleres e PAC

O Sindicato Labrego Galego pensa que a desigualdade das mulleres, o diagnóstico das súas causas e a abordaxe de modelos máis igualitarios non están entre as prioridades do Plan Estratéxico da PAC nin nos Regulamentos da PAC.

Non deberiamos ter que estar dicindo en todos os apartados que haxa equidade de xénero, ten que ser transversal e estar asegurada en todo o texto e accións.

Segundo os propios datos do Ministerio do documento de partida do Plan Estratéxico no OE7 (Obxectivo Estratéxico 7), a situación non pode ser máis desoladora, aínda que non coincidamos coa diagnose feita e coa sacralización da idea de que o tamaño da explotación é un requisito fundamental para a súa viabilidade : “ Si se hace una comparación directa de los datos estructurales de las explotaciones se obtiene que por cada 100 explotaciones dirigidas por un jefe hombre, existen 29 explotaciones dirigidas por una mujer. La presencia de la mujer disminuye con el tamaño económico de la explotación. Por otro lado, la diferencia de ratios mujer/hombre es mayor entre los jóvenes que entre los mayores a medida que se incrementa la dimensión económica “.

Seguimos cuns poucos datos: No Estado, 80,4% xefes de explotación homes, 19,3% xefas de explotación. Iso sí, en Galiza temos o 50% xefas de explotación pero poñemos ao lado outro dato: existen 25.578 mulleres socias dunha cooperativa galega pero só hai 50 mulleres nos consellos reitores das mesmas (neste dato si que estamos na media do Estado). Polo tanto, escasísima participación naqueles lugares onde se deciden cousas moi importantes para o día a día das explotacións e onde se podían poñer en marcha accións que melloraran o traballo das mulleres nas mesmas.

E outro exemplo de datos a nivel Estatal:

-Perceptores PAC 2017: 426,705 . Importe medio perceptores: 6.059.
-Perceptoras PAC 2017. 252,214 .Importe medio perceptoras: 3.851.

Estes son datos referidos a mulleres con explotación agrícola o gandeira. Se imos aos datos do propio informe do Ministerio relativos á situación das mulleres nas zonas rurais independentemente da súa actividade profesional, son moi malos, peores incluso no que se refire á brecha salarial, a niveis de ocupación, etc. E moi malos tamén no caso do acceso aos servizos públicos para poder conciliar minimamente.

Polo tanto, realizamos as seguintes consideracións imprescindibles:

  1. En toda a narrativa da PAC, a presenza das mulleres é nula. En moitos casos aparecemos englobadas como “mulleres e mozos” e desaparecemos de novo nese xenérico.

  2. Incorporar a linguaxe inclusiva en todos os documentos que teñan que ver coa PAC.

  3. Parece que os modelos a pequena escala non lles gustan nada á Política Agrícola Común e tampouco ao que coñecemos do Plan Estratéxico do Ministerio. E son moitas veces estes modelos nos que estamos as mulleres.

  4. No mesmo sentido que o apartado anterior: Parece que para ter unha actividade económica viable é recomendable estar endebedas, non ter préstamos parece que é “malo””: “En el caso de las explotaciones dirigidas por mujeres, cabe señalar que el 62% de las explotaciones no tienen préstamos”. 

  5. Revisar a propia participación das mulleres nos espazos de seguimento das políticas públicas: Véxase o propio grupo de traballo da PAC do Consello Agrario Galego.

  6. Realizar campañas de sensibilización que especificamente visibilicen e xeren referentes de mulleres agricultoras e gandeiras.

Recomendamos a lectura da resolución do Parlamento Europeo, de 4 de abril de 2017,sobre as mulleres e o seu papel nas zonas rurais (2016/2204(INI)

https://www.europarl.europa.eu/doceo/document/TA-8-2017-0099_ES.pdf

No Sindicato Labrego Galego, somos partidarias de non empregar a palabra “discriminación”, xa que “de por si” vai contra dereito. Pensamos que é mellor falar de “incentivos de equilibrio” debido á desigualdade histórica existente entre homes e mulleres.

E as nosas propostas son:

  1. Consideramos necesario establecer intensidades de axuda superiores nas intervencións que se deseñen cando as beneficiarias sexan mulleres.

  2. No acceso ao financiamento público, incorporar criterios de avaliación que prioricen claramente ás mulleres, en base ás diagnoses realizadzs e independentemente da idade e do estado civil.

  3. Nos dereitos de pago que teñen neste momento as mulleres con respecto aos homes: Ver en que porcentaxe son inferiores os importes percibidos e eliminar esas diferenzas no próximo período.

  4. As axudas a todo os colectivos, como cooperativas e semellantes nos que haxa mulleres, deberían condicionarse a que tivesen nos seus órganos de dirección a paridade ou, no seu defecto, unha porcentaxe igual ás socias ou integrantes.

  5. Así mesmo, debería existir unha axuda específica para fomentar a visualización e o recoñecemento das mulleres que levan anos traballando na granxa familiar e, desta maneira, darlle o impulso definitivo á Titularidade Compartida. É dicir, esixir figuras como a Titularidade Compartida ou outras análogas nas que as mulleres tivesen con claridade recoñecidos os seus dereitos.

No documento titulado “Unha unión da igualdade: Estratexia para a igualdade de Xénero 2020-2025”, establécense os obxectivos estratéxicos e as accións clave para o referido período e no que se nos di que as políticas sociais e económicas, a fiscalidade e os sistemas de protección social non deben perpetuar as desigualdades de xénero estruturais baseadas nos roles tradicionais de xénero nos ámbitos do traballo e a vida privada. Fálase ademais de que se desenvolverán medidas específicas para promover a participación das mulleres en postos de toma de decisións . Neste sentido, reiteramos que non hai ningunha medida encamiñada a unha política de igualdade de oportunidades, á eliminación da brecha salarial (medidas de transparencia salarial) ou unha obriga por parte das empresas e/ou explotacións que vaian ser beneficiarias da PAC encamiñada a ter unha paridade (que sería o idóneo) ou, polo menos, un incremento da presenza de mulleres nos órgaos de decisións das mesmas.

Logos en faldón