A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Os papeis da PAC (3). A proposta do SLG: Unha PAC ao servizo das persoas e do territorio

Os papeis da PAC (3). A proposta do SLG: Unha PAC ao servizo das persoas e do territorio

11 de Outubro do 2020

Vacas

A Política Agraria Común é un fracaso non só na Galiza, senón en toda Europa. Cada tres minutos desaparece unha granxa na UE. E o obxectivo de equiparar as rendas das persoas labregas á media de cada Estado tampouco se conseguiu. Aínda que o modelo fracasou, a PAC no fondo non ten previsto cambiar. 

Aínda que o modelo fracasou, a PAC no fondo non ten previsto cambiar. Os nosos políticos e as nosas políticas seguen apostando pola mesma PAC pero con novas obrigas burocráticas e produtivas disfrazadas de conservación ambiental e adaptación ao cambio climático.

Esta reforma tamén vai afectar a regulación dos mercados, o dereito da competencia, a intervención pública e privada, as organizacións de produtores/as, as variedades de uva que podemos plantar, as prácticas enolóxicas, a etiquetaxe como carne ou leite de alimentos ultraprocesados que non son carne nin leite, etc. Cando sexamos quen de dedicarlle tanto tempo a estas cuestións como ás subvencións, cambiaremos a Política Agraria Común. Mentres tanto, todo seguirá igual.

Na Galiza, semella que sempre estamos tentando adaptarnos ás esixencias dos modelos impostos desde Madrid e Bruxelas. Ao final, somos as máis europeas pero tamén das que menos cobramos no Estado, aínda que pareza que cobramos moito; igualmente, somos un dos territorios onde máis explotacións desaparecen, punteiros en aspectos como ter unha menor superficie agraria útil ou as granxas con menor acceso á terra e, como non, dos que destacamos por ter unha das maiores superficies dedicadas a cultivos forestais para ser unha despensa de madeira barata... pero aquí seguimos.

Galiza: o parruliño feo da PAC en España

O certo é que Galiza vai ao revés do que acontece no resto do Estado e no resto da UE. Algúns datos para ilustralo:

  • España tivo un descenso do 12% na afiliación ao Sistema Especial de Traballadoras Autónomas Agrarias (SETA). Galiza lidera esa baixada cun descenso do 36%.

  • España ten moitísimas máis persoas que cobran a PAC (693.807) que afiliadas ao SETA (261.772). Galiza é a única comunidade do Estado que ten menos persoas que solicitan PAC (26.805) que afiliadas ao SETA (29.013).

  • España ten un importe medio de pago básico por beneficiaria/o de 4.011 euros. Na Galiza este importe é de 2.699 €.

  • Temos un 21% de superficie agraria útil respecto da totalidade do noso territorio, a porcentaxe máis baixa de todo o Estado.

  • Galiza ten unha porcentaxe de superficie forestal respecto ao seu territorio do 69%, a mesma que países nórdicos onde non hai unha agricultura forte debido ao clima, como Finlandia ou Suecia.

  • O Valor Engadido Neto de Explotación en Galiza no ano 2017 foi de 26.846 euros. No conxunto do Estado a media foi de 45.695.

E aquí seguimos producindo leite, carne, viño, hortalizas, patacas. Ás veces parece que con todo en contra, feito digno de estudo e merecedor dun premio por seguir termando da produción alimentaria na Galiza.

Que facer, entón, diante da nova reforma da PAC?

Con esta nova reforma as preguntas que deberiamos facernos son:

  • Vaise falar de prezos e/ou de negociación colectiva dos mesmos? A reposta é que non.

  • Os cartos van ir para as explotacións familiares, de persoas que viven no rural, ambientalmente responsables? A maior parte, non.

  • Os ecoesquemas, o pacto verde, a estratexia da granxa á mesa, a bioeconomía, a economía circular, van servir para frear a desaparición dos labregos e das labregas, manter a biodiversidade, loitar contra o cambio climático? Parécenos que, tal e como está deseñados, tampouco.

Se queremos cambiar esta Política Agraria Común, deberiamos esixir cando menos:

  1. A PAC ten que falar de prezos xustos que cubran custes de produción e a remuneración digna do traballo.

  2. Unha verdadeira simplificación da PAC: Case ninguén entende a PAC na súa totalidade e é moi difícil e cara de xestionar (para as distintas administracións e para nós).

  3. Dotar de contidos o Regulamento da Organización Común de Mercados e dotalo das ferramentas necesarias para a regulación de mercados e o control das producións.

  4. Unha Política Agrícola Común que revise a súa política comercial respecto á Organización Mundial do Comercio (OMC) e os acordos bilaterais ( TTIP, CETA, EUROMED, MERCOSUR...). Todos os pobos deben poder garantir o seu dereito á alimentación no marco da soberanía alimentaria.

  5. Apoio decidido en medios humanos e materiais para apoiar a transición cara sistemas agroecolóxicos, socialmente xustos e ambientalmente responsables.

  6. Reducir as subvencións a unha única axuda por persoa e non innumerables axudas que fan que a xestión sexa difícil, cara e complexa. É dicir, eliminar pagos por hectárea, acoplados, desacoplados, por animal, históricos, e avanzar nun sistema de pago baseado nunha compensación á renda para as persoas que producen alimentos, con independencia da orientación produtiva ou localización.

  7. stablecemento de topes reais por beneficiaria, tamén nas axudas aos investimentos. Non son defendibles pagos desorbitados de axudas. Os topes que hai agora non son reais e dos que falan para o futuro tampouco.

  8. Asegurar un mínimo relevo xeracional. Co nivel de destrución de explotacións e de afiliacións ao SETA que temos na Galiza, debería ser unha das máximas preocupacións da sociedade. O obxectivo debería ser un incremento das persoas labregas na Galiza e o recoñecemento do seu papel na produción de alimentos e na conservación do territorio.

  9. Asegurar, con PAC ou sen PAC, un incremento da Superficie Agraria Útil xusto, equitativo e sen especulación. Non nos podemos permitir tampouco perder unha soa hectárea máis.

  10. Un impulso decidido á compra pública de produtos locais e aos mercados de proximidade.

Información completa AQUÍ

O que coñecemos ate o de agora da reforma vai no camiño das propostas do Sindicato Labrego Galego e doutras organizacións coas que estamos traballando por un cambio da PAC?

Non.

Pode cambiarse a PAC?

Cando haxa unha base social suficiente e organizada que defenda unha PAC para toda a cidadanía, claro que se pode cambiar.

E que facemos mentres?

O Sindicato Labrego Galego está traballando para dar voz en Europa, no Ministerio de Agricultura e na Consellería de Medio Rural, aos sectores produtivos da Galiza poñendo sempre enriba da mesa a necesidade de políticas propias adaptadas ao noso territorio, recursos e realidade social

Ficheiro adxunto