A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Xunta bloquea os informes solicitados para avaliar o impacto da minaría na Reserva da Biosfera Terras do Miño

A Xunta bloquea os informes solicitados para avaliar o impacto da minaría na Reserva da Biosfera Terras do Miño

24 de Decembro do 2020

Reserva da Biosfea

O Consello Científico do Programa Persoa e Biosfera (MaB) da Unesco evidenciou a falta de colaboración por parte da Xunta á hora de achegar documentación solicitada para coñecer a situación actual de diversos proxectos mineiros na área xeográfica da Reserva da Biosfera Terras do Miño (RBTM).

Por iso, na súa xuntanza do 18 de novembro de 2020, o Consello Científico do Programa MaB da Unesco decidiu transmitirlle ao Consello Reitor da RBTM a necesidade de recompilar información en poder da Xunta de Galicia sobre:

  1. Situación actual dos proxectos, confirmando a súa caducidade ou vixencia.
  2. De estar vixente, información sobre o ámbito xeográfico e posibles afeccións sobre as distintas unidades da Reserva da Biosfera.
  3. Indicar que procedementos de avaliación ambiental se realizaron ou están en curso.
  4. Indicar as medidas que se estableceron para asegurar a integridade das áreas núcleo da Reserva da Biosfera.

Cómpre lembrar que foi en 2013 cando, a proposta do Sindicato Labrego Galego no Órgano de Participación, se lle solicitou ao Consello Científico do Programa MaB da Unesco ese informe para avaliar o impacto das actividades mineiras no territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Polo tanto, levamos sete anos agardando por unha avaliación que no se pode realizar porque a Xunta de Galicia non achega a documentación solicitada.

A raíz disto, na sesión do Órgano de Participación do 17 de decembro 2019, decidiu solicitárselle de novo ao Consello Científico do Comité Español do Programa MaB da Unesco a realización do informe. Esta decisión tomouse, de novo, tras unha petición realizada polo Sindicato Labrego.

Nas actas desa xuntanza de 2019, lémbrase que “debido á preocupación que se tiña neste Órgano pola posible afección ao patrimonio natural desta Reserva, celebrouse unha reunión extraordinaria do Órgano Reitor o 24 de setembro de 2013 na que se acordaron dous puntos: por unha parte, solicitar ao Consello Científico do Comité Español do Programa Persoa e Biosfera (MaB) que realizase unha avaliación científica e obxectiva das posibles repercusións que este proxecto (refírese a Lago II nos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá) podía ter sobre o estado de conservación dos valores ambientais e culturais da Reserva de Biosfera Terras do Miño; e por outra parte, tamén solicitabamos que o Consello Científico (que está representado en Galicia polo doutor Pablo Ramil do Ibader), informase aos organismos autonómicos que, tendo en conta a nova lexislación de avaliación ambiental, debería pedir informe á Reserva da Biosfera nos procedementos de proxectos mineiros, redes eléctricas, etc. que poidan afectar a este territorio”.

Na acta da sesión recóllese tamén que “ademais da afección que pode ter o proxecto mineiro Lago II nos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá (non todos están na Reserva da Biosfera), existen outros proxectos mineiros que estaban en tramitación no ano 2014, e o Sindicato Labrego Galego tamén o comentou na reunión do Órgano de Participación dese ano, e son os proxectos Alicia, Karles e Pastoriza, que afectarían aos concellos de Castro de Rei, A Pastoriza, Abadín, Cospeito, Vilalba e Riotorto”.

A representante do SLG no Órgano de Participación, Margarida Prieto, lembrou que “dende o ano 2006 hai un conflito moi importante cos concellos (aquí hai algúns representantes municipais que saben deste tema) e ten habido moitos contenciosos. Na actualidade, por exemplo, están de novo moi activos na Pastoriza coas licenzas. Houbo varias sentenzas desestimatorias polas licenzas urbanísticas e neste momento están intentando de novo sacalas adiante.

Órgano Participación Terras do MiñoMargarida Prieto Ledo, no centro da imaxe, representa ao SLG no Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño (Imaxe de arquivo)