A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Santi Rodríguez, labrego en Cartelle: "No comezo da actividade hai que ir amodo e asumir que só vas sobrevivir"

Santi Rodríguez, labrego en Cartelle: "No comezo da actividade hai que ir amodo e asumir que só vas sobrevivir"

2 de Febreiro do 2021

Santi Rodríguez

Santi comezou a traballar moi novo, con tan só 17 anos, sempre en empregos que dunha maneira ou outra dependían do boom inmobiliario, até que tomou a decisión de non volver traballar para ninguén. Non foi doado e tivo que superar a súa falta de experiencia a base de erros, pero hoxe xa asentou con dúas hectáreas de horta repartidas entre as que ten a súa familia en Amedo e as que lle cede a veciñanza en Vilar da Ponte, a parroquia de Cartelle onde vive.

Que che animou a dar esa viraxe para vivir da terra?

Eu sempre tiven relación coa terra. Vivo nesta casa dende os tres anos e veño de familia labrega. Pero o que máis me animou foi non asumir o feito de ter que estar toda a semana traballando fóra da casa, producindo cartos para outra xente. Non me gustaba en que se gastaba a riqueza que eu xeraba, nin como se xeraba. Estiven traballando en obras que eran un auténtico despropósito e facíame mal pensar que a xente despois ía hipotecarse corenta anos en pagar iso. Hoxe en día vexo que acontece coa alimentación algo semellante ao que pasou daquela coa burbulla inmobiliaria.

Foi moi difícil a incorporación á profesión labrega?

Sempre tentei saír para adiante sen contar coa administración. Ao principio, cando probei coas ovellas, foi todo a base de axuda da familia. Cando o tentei cuns amigos formar unha cooperativa de horta, tampouco tratei moito coas administracións, pero comecei a ver que había moita confusión cando ía informarme sobre as liñas de axuda que existían. E cando me puxen eu só, cando levaba dous anos traballando, animeime a pedir a primeira subvención da miña vida e, despois de todo o que pasei, oxalá sexa a última.

Tan mal foi?

Vivín nas miñas carnes a realidade das subvencións: se tes previamente cartos, pódelas pedir; senón, é unha loucura. Eu non lle recomendo pedir unha subvención a alguén que non teña recursos. Tardan moitísimo en pagar, pero o investimento tes que facelo igual. Se non tes cartos aforrados para termar, ou para que che adiante o importe o banco, vaste ver moi apurado. Podes verte xa facendo fronte aos gastos da explotación, que che veña un problema ou un inconveniente e, ao non ingresar a axuda, quedar colgado. E xa non digamos se tes que estar facendo fronte a un crédito. Eu só pediría subvencións se xa tes unha explotación funcionando. Para comezar, eu recomendo ir moi amodo, ir collendo experiencia sen investir demasiado antes de embarcarte en grandes proxectos. É mellor asumir que durante un par de anos vas só sobrevivir que empezar ao grande.

"Prefiro vender a particulares e tendas que aos supermercados"

Ti apostaches pola venda directa. Foiche moi difícil abrir mercado?

Eu vendo directamente a tendas en Ourense, que me queda a vinte minutos. O meu problema máis grande agora mesmo é que non dou producido o que me demandan. Ao traballar só en exterior, en inverno tes unha produción moi limitada. Se algún día dou cuberto a demanda que teño, para min sería máis que suficiente. Mesmo cun par de puntos de venda máis, podería empregar unha persoa a maiores na explotación. Pero agora mesmo non quero investir aínda en invernadoiros. Primeiro, gustaríame mercar un tractor propio, xa que agora traballo co de meu tío e, quizais despois, me atreva co invernadoiro. Pero prefiro ir amodo.

Son mellores os prezos ao vender directamente a tendas?

Ese segue a ser o grande problema, mesmo vendéndolle ao pequeno comercio. Os prezos de venda ao público márcano as grandes superficies, e os consumidores e consumidoras non asumen valores moito máis elevados ca eses. Por outra banda, as tendas tamén teñen os seus gastos, moi grandes, e tampouco che poden dar moito polas túas producións. Ourense, por exemplo, ten as pensións máis baixas de España, e o nivel salarial aquí ten baixado. Eu teño amigos que hoxe cobran polo mesmo traballo menos do que gañaban hai dez anos. Así que a xente tampouco pode pagar moito polo que merca. No meu caso, prefiro producir sen certificado ecolóxico para aforrar custes e poder chegar a máis xente co que produzo.

Nunca pensaches en venderlle a grandes superficies?

Non, e téñenme feito ofertas. Vegalsa e Gadisa, por exemplo, adoecen por mercar produtos locais e teñen comerciais por aí adiante buscando. E pagan ao mesmo prezo que me pagan nas tendas, pero se podo evitar venderlle a grandes superficies, evitareino. Prefiro vender a particulares e pequenas tendas de barrio.

Santi Rodríguez

"As políticas de Feixoo acabaron coa pequena agricultura na Galiza"

Es unha persoa moi activa en redes sociais e moi crítica coas políticas do agro. Segues a selo?

Cada vez máis. Canto máis me involucro en política, máis crítico son. Ao final ves que o único que fan polo campo é dicir boas palabras, catro fotos bonitas en precampaña e, á hora da verdade, todo queda en nada. Se analizas as listas electorais que se presentaron ás Eleccións Autonómicas, cantas persoas labregas había en postos de saída para darnos voz na seguinte lexislatura? Cantas persoas labregas pasaron polo Parlamento de Galicia como deputadas? Igual algún empresario da agricultura, pero labregos ou labregas como tal, penso que ningunha.

Iso das listas inclúe os que gobernan e a oposición...

É que o discurso sobre o rural da esquerda é surrealista. Podes agardar algo así da esquerda estatal, que sempre tivo o problema de levar moitas xeracións desconectada do rural e tende a idealizalo, pero sorprende na esquerda de aquí. Por exemplo, eu son ateo, pero teño un profundo respecto por manifestacións relixiosas como as procesións porque sei a importancia que teñen para as miñas veciñas. Hai moita xente de esquerdas que non entende isto. Así non podes ter un discurso para o rural nin vas gañar nada no rural, e posllo moi doado á dereita. Para moita xente de esquerdas o rural limítase ás vilas e esquécense das aldeas. Por iso cada día vexo máis necesario o traballo do Sindicato Labrego Galego de cara a darlle voz ao rural porque, se non, ninguén o vai facer.

Agora que estamos en véspera de eleccións, que balance fas da década de Feijóo?

O balance está bo de ver. Con dar un paseo por provincias como Ourense ou Lugo faise o balance solo. As parroquias cada vez con menos xente. Moitas persoas que emprenden no rural dormen e viven nas vilas e boa parte do sector produtivo foise á merda. E seguen sen asumir que o rural era o sector produtivo primario. Eu non digo que todo o mundo que veña vivir ao rural teña que vivir do sector primario, pero o que está claro é que sen un sector primario potente no rural non vai a haber outras opcións para vivir nel. As políticas de Feijóo acabaron con iso, cos pequenos produtores. As granxas que quedamos xa somos de resistencia máis ca doutra cousa.

A ti afectáronche esas políticas?

Como a todos. O tema das axudas é surrealista e no resto o mesmo. As grandes empresas son as que marcan os prezos que se pagan e as dinámicas de consumo da xente, e así imos mal. E canto máis se axuda ás grandes empresas, máis terra e recursos acaparan, porque todo o que usan eles non vai quedar para as pequenas granxas. No interior aínda non o notamos porque o abandono é total, pero xa hai empresas como Greenalia disposta a mercar eucalipto para queimar dunha raza que se dá ben en zonas frías e de montaña tamén. A ver se agora que xa temos a costa inzada de eucaliptos para Ence, imos comezar a encher o resto do país para Greenalia. Estas políticas non nos afectan só aos que quedamos no rural. Ao final, a merda que xeran estas grandes industrias comémola todos.

Hai dous anos, ti fuches un dos mozos que participou dende Galiza na Escola de Acción Campesiña que organiza Plataforma Rural. Que recordo che quedou?

A nivel profesional, foi a gran experiencia da miña vida. A miña explotación segue funcionando hoxe grazas á Escola de Acción Campesiña e ao Sindicato Labrego Galego. Coñecer a experiencia industrial en horta máis besta que vin na miña vida, en Almería, foi o que máis me animou a facer en horta xusto o contrario, que é o que fago hoxe. A agricultura industrial é totalmente insostible e, de seguir así, imos chegar a un punto de colapso irreversible como xa se chegou nalgunhas zonas, como no Mar Menor coa horticultura e fruticultura intensivas,ou en Cataluña e Aragón co porcino.