A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Xustiza falla contra a tributación inxusta aos dereitos de pago único tralas reclamacións do SLG

A Xustiza falla contra a tributación inxusta aos dereitos de pago único tralas reclamacións do SLG

19 de Marzo do 2021

Sentenza

O pasado 17 de marzo, tivemos noticia das primeiras resolucións do Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galiza que estiman as reclamacións interpostas contra as liquidacións de IRPF que fixera a Axencia Tributaria polas transmisións de dereitos de pago único entre cónxuxes casados en réxime de gananciais.

Dende os servizos xurídicos do Sindicato Labrego Galego alegouse, no seu día, que non había unha ganancia patrimonial, tal como pretendía a Axencia Tributaria. Isto é así porque as transmisións de dereitos de pago único dentro do núcleo familiar facíanse sen intercambio económico e permanecían dentro da mesma unidade familiar, pois as explotacións nas que se viñan producindo estas situacións eran de base familiar, realizando as transmisións para que continuase a actividade das mesmas en lugar de pechar. Deste xeito, déronse numerosos casos nos que a Axencia Tributaria revisou as declaracións de IRPF das persoas que se xubilaron e transferiron os dereitos de pago único dentro do núcleo familiar, en favor de cónxuxes ou de fillos e fillas, esixíndolles en todos os casos tributar por unhas ganancias patrimoniais que nunca se chegaron a producir.

Malia ter feito alegacións e recursos no seu momento, os órganos da Axencia Tributaria non as tiveron en conta, e obrigaron ás persoas que estaban nesa situación a pagar cantidades importantes de diñeiro, e logo impugnar as resolucións ante o Tribunal Económico-Administrativo, que tardou case tres anos en resolver os primeiros casos.

Aínda faltan por resolver os casos en que as transmisións foron realizadas entre nais ou pais e fillos e fillas, pero as resolucións que coñecemos a día de hoxe xa evidencian o inxusto trato que estiveron recibindo as explotacións gandeiras por parte da Axencia Tributaria.

Non é a primeira ocasión na que Facenda do Estado recibe unha resolución contraria ao seu criterio pola forma de pagar os impostos nas explotacións labregas, pois algo semellante aconteceu coas axudas de primeira incorporación á actividade agraria, nas que finalmente se acolleron os recursos presentados polo Sindicato Labrego Galego, conseguindo que as persoas que se incorporaban á actividade non tivesen que pagar mais do que lle correspondía.

Dende o Sindicato Labrego Galego seguiremos traballando para que as explotacións labregas galegas non sexan tratadas inxustamente pola administración tributaria, pois xa teñen enriba unha carga fiscal suficiente, sen que as administracións públicas lles carguen máis do que lles corresponde en lugar de defendelas e protexelas como merecen polas funcións esenciais que desenvolven na sociedade.