A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG agarda que a Xunta declare a caducidade definitiva do proxecto mineiro Alberta na Serra do Suído

O SLG agarda que a Xunta declare a caducidade definitiva do proxecto mineiro Alberta na Serra do Suído

31 de Marzo do 2021

Non á mina Suído

O pasado 13 de marzo, medio cento de persoas concentrábanse na Portela da Cruz, na raia que divide os concellos de Beariz (Ourense) e A Lama (Pontevedra), para reclamar a caducidade do dereito mineiro Alberta I convocadas pola Plataforma SOS Suído-Seixo.

Dúas semanas despois deste acto reivindicativo, dende o Sindicato Labrego Galego queremos volver lembrar esta loita na que estivemos implicados directamente, ao solicitar tamén nós á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a comezos de marzo, a “caducidade do dereito mineiro Alberta I, NQ 4966.1-1a fracción, dos recursos da sección C, nos termos municipais de Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama (Pontevedra), Beariz e Avión (Ourense), a cancelación da inscrición no correspondente rexistro e a súa declaración como terreo franco e non rexistrable”.

Esta acción é un paso máis na oposición que dende o Sindicato Labrego Galego lle vimos facendo a este proxecto mineiro dende que comezamos a informar del e das súas consecuencias á veciñanza a finais de 2013 (bit.ly/SLG-VerboXidoVSmina). As razóns da nosa oposición tamén as temos explicado dende aquela: contaminación das augas, perigo de radiactividade, mina a menos de 300 metros de núcleos habitados, informe desfavorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e afectación da actividade forestal e gandeira de varias comunidades de montes (bit.ly/MinaBearizAvión).

Grazas á oposición de veciñanza, organizacións e colectivos coordinada dende a Plataforma SOS Suído-Seixo, forzouse á Xunta a denegarlle o permiso de explotación á empresa Recursos Minerales de Galicia S.A., filial do grupo empresarial SAMCA. Tras esta denegación, o que pretendemos agora é que, demostrado o forte impacto medioambiental e económico que tería a explotación do proxecto Alberta I, a Xunta dea o seguinte paso e declare caducada a concesión para que este pesadelo remate dunha vez por todas. Agardemos que así sexa.