No Sindicato Labrego Galego vimos de recibir con gran pesar e consternación a nova do falecemento do noso compañeiro e amigo Xosé Blanco, Pepe de Cimadevila, gandeiro de Montederramo e gran defensor das razas autóctonas de vacún. Esa aposta polo gando do país fixo que, ademais de formar parte da grande familia que somos o Sindicato Labrego Galego, tamén fose presidente da Asociación de Criadores de Raza Bovina Vianesa (Vianega) e da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga). No SLG gardaremos sempre o recordo do seu grande dinamismo, do seu trato franco e amábel e, sobre todo, o seu exemplo de amor á terra e á profesión gandeira. Descansa en paz, amigo.