A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Política Agrícola Común é feminista? Análise das propostas do Plan Estratéxico do Estado Español

A Política Agrícola Común é feminista? Análise das propostas do Plan Estratéxico do Estado Español

31 de Agosto do 2021

anamurimulleres

O Plan Estratéxico da PAC que está elaborando o Ministerio de Agricultura no Estado Español, no subgrupo de traballo do obxectivo específico 7, “Atraer aos xoves agricultores e facilitar o desenvolvemento empresarial do medio rural”, inclúe a perspectiva de xénero e o despoboamento. No documento do Ministerio dise “se ben é certo que a proposto de regulamento dos plans estratéxicos da PAC non contempla entre os seus obxectivos específicos estes dous aspectos, España solicitou a súa inclusión por dous motivos: en primeiro lugar, para visualizar o papel tan importante que desempeñan as mulleres no medio rural (...).

Na versión do regulamento revisada pola Presidencia romanesa, a perspectiva de xénero incluiuse, aínda que no obxectivo específico 8 (artigo 6.1.h. Promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, incluíndo a bioeconomía e a silvicultura sostible)”.

Neste sentido, é interesante contar cos datos do Ministerio que apoian a versión das organizacións que estamos traballando no rural sobre a infinidade de obstáculos que temos que sortear as mulleres labregas que vivimos e traballamos no rural galego ou español.

Nestes datos, destacamos que no Estado Español hai 925.024 persoas xefas de explotación, das cales o 77,37% son homes e un 22,63% mulleres. Galiza é peculiar neste caso posto que estamos ao 50%. E toda a cornixa cantábrica está por encima da media estatal: Asturias, 43% mulleres xefas de explotación; Cantabria, 39% mulleres e Euskadi, un 33%. (https://www.mapa.gob.es/es/pac/post-2020/200622_oe71documentopartidav64_1_tcm30-520400.pdf)

Os datos do FEGA de perceptoras de PAC corroboran os datos anteriores: Homes que cobran a PAC 384.392 cun importe medio de 6.725 euros; mulleres que cobran a PAC 227.250 cun importe medio de 4.244 euros. Galiza é máis peculiar aínda nestes datos posto que, no mesmo ano 2019, hai máis mulleres que homes cobrando a PAC: 12.799 mulleres e 10.362 homes, cun importe medio para as mulleres de 3.805 euros e cun importe medio para os homes de 4.929 euros. (https://www.fega.es/sites/default/files/FEGA_INFORME_AYUDAS_DIRECTAS_EDAD-SEXO_2019.pdf)

Ao longo de todo o documento de partida do OE7, fanse afirmacións sobre as explotacións das mulleres como:

Canto máis grande é a explotación, menos mulleres hai como xefas da explotación. Os homes teñen explotacións de maior dimensión en hectáreas e en dimensión económica, por iso a rendibilidade das explotacións xestionadas por mulleres é menor.

  • As explotacións dirixidas por mulleres, con independencia da súa idade, xeran menos traballo que as dirixidas por homes. Entre xefes de explotación mozos, os homes xeran un 16,5 % máis de traballo que as mulleres.

  • Do 22,6% de mulleres titulares de explotación, só o 1,7 % se corresponde con mulleres menores de 40 anos.

  • A superficie media das explotacións cun titular home é superior ás explotacións cunha titular muller. Por grupos de idade e sexo, en explotacións cunha produción estándar total superior a 8.000 euros, os homes mozos son os que presentan unha maior dimensión que o resto con 50,9 has. Pola súa parte, as mulleres teñen explotacións con menor dimensión, especialmente as mulleres mozas.

  • Se se fai unha comparación directa dos datos estruturais das explotacións dirixidas por xefes homes e por xefas mulleres, por tramo de dimensión económica da explotación e grupo de idade, obtense que por cada 100 explotacións dirixidas por un xefe home, existen 29 explotacións dirixidas por unha muller. A presenza da muller diminúe co tamaño económico da explotación. Por outro lado, a diferenza de ratios muller/home é maior entre as persoas mozas que entre as persoas maiores a medida que se incrementa a dimensión económica.

  • As mulleres dirixen, no seu conxunto, explotacións de menor dimensión económica e por iso a súa rendibilidade é inferior (-10,5% en VAN/UTA e -15;7% en RNE/UTAf).

  • As mulleres teñen menos préstamos que os homes, de maneira que o 38% das explotacións dirixidas por mulleres teñen algún tipo de pasivo fronte ao 53% dos homes. A taxa de endebedamento das mulleres é do 3,3 % , fronte ao 6,2 % nos homes. O valor dos préstamos tanto a corto como a longo prazo é inferior e proporcionalmente teñen moitos menos préstamos a longo prazo que os homes. No caso de explotacións dirixidas por mulleres, son máis as explotacións que non teñen préstamos (56,5%) que as que teñen.

  • Non nos imos deter nos datos que figuran das mulleres que viven no rural pero que non teñen actividade agraria, aínda que tamén reflicten unha fenda de xénero importante

Para o Sindicato Labrego Galego, estes datos reflicten unha realidade pero o problema é que non se aborda o por que desta realidade, simplemente considéranse todos estes indicadores de carácter negativo porque só se mide en termos de rendibilidade económica. As solucións propostas están, polo tanto, encamiñadas sempre a incrementar a dimensión das explotacións que teñen titulares mulleres para incrementar a súa rendibilidade.

No documento DAFO para o obxectivo específico 7 , as debilidades que se reflicten para as mulleres rurais baséanse en grande medida neses datos. As ameazas si que teñen que ver coa conciliación, cos coidados... As fortalezas redúcense a ter maior porcentaxe de SAU en propiedade, ter menor gasto asociado a tenza da terra e ter maior “dispoñibilidade relativa do seu orzamento para realizar inversións na súa explotación”, ao crecente proceso de incorporación da muller na actividade agraria e ao aumento do número de altas na titularidade compartida. E as oportunidades redúcense ao papel clave da muller na diversificación e na produción de calidade, no empoderamento ao fronte das explotacións, na titularidade compartida e que hai marxe para incrementar o número de xefas da explotación. (https://www.mapa.gob.es/es/pac/post-2020/200622_oe72dafo_v31_tcm30-525629.pdf)

Por último, no documento de necesidades, na N08. “Mellorar as condicións para a incorporación e permanencia na actividade agraria das mulleres rurais”, inciden en: visualizar o papel que xogan as mulleres no medio rural; promover a formación en materia de igualdade; mellorar a participación das mulleres nas organizacións representativas do sector e nos órganos de dirección das empresas e organizacións agrarias e das entidades que representan á muller rural nos debates e na toma de decisións; incentivar a contratación das mulleres na actividade agraria, mellorando as súas condicións laborais; fomentar o apoio público se se incorporan mulleres nos órganos reitores de figuras asociativas/cooperativas/comunidades de regantes para potenciar o empoderamento da muller; favorecer a titularidade plena da muller na explotación agraria (...) (https://www.mapa.gob.es/es/pac/post-2020/200622_oe73analisisnecesidades_v21_tcm30-525630.pdf)

Neste caso, o documento de necesidades foi cambiando ao longo dos meses de forma positiva, pero aínda son necesarias moitas melloras.

Parecera, polo tanto, por estes documentos e polas declaracións do Ministro (https://www.mapa.gob.es/ca/prensa/210105informefegaayudasmujeresyjovenespac_tcm34-553713.pdf) que, por fin, imos ter medidas efectivas e reais.

Non osbtante, os primeiros problemas aparecen cando se trata de acordar medidas reais coas comunidades autónomas e imos vendo cuestións que nos fan pensar que desta tampouco. No documento de debate político “Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural de decembro de 2020”, no punto 3.2.4 Igualdade de xénero, descubrimos este texto “ O diagnóstico da situación de partida do Plan constatou non só unha baixa presenza de mulleres na agricultura e no medio rural de España senón a existencia dunha fenda de xénero. A resposta das CCAA ao cuestionario de setembro permitiu constatar un apoio maioritario ao desenvolvemento de intervencións na PAC de discriminación positiva a favor das mulleres rurais. Non obstante, trátase dun aspecto complexo xuridicamente pola súa capacidade para entrar en conflito co criterio non discriminatorio que, con carácter xeral, rexe para as intervencións. Á vista desta posición, o MAPA proporá opcións para introducir esta discriminación positiva en favor da muller en determinadas intervencións, previa consulta aos servizos da Comisión”(https://www.mapa.gob.es/es/pac/post-2020/documentodedebatepoliticoconferenciasectorialdeagriculturaydesarrolloruraldediciembre2020_tcm30-553042.pdf)

Imos vendo, ademais, en todas as publicacións oficiais sobre a reforma que a forma de distribución das axudas “importantes” segue facéndose en función exclusiva do número de hectáreas ou do número de animais, con moi pouca intención de que axuda redistributiva teña unha aplicación efectiva. Polo tanto, as explotacións nas que estamos presentes as mulleres como titulares van quedar fóra outra vez máis.

Visto todo isto, a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, en marzo deste ano 2021, envioulle unha carta ao Ministro de Agricultura do Estado Español e a mesma carta á Ministra de Igualdade. Nela, reflectiamos a nosa preocupación polo feito de que nos documentos que o Ministerio estaba publicando relativos a reforma da PAC, toda a proposta sobre á axuda básica á renda para a sostibilidade, á axuda complementaria á renda, a axuda dos ecoesquemas, as axudas asociadas.... todas van encamiñadas a granxas e explotacións cunhas dimensións en hectáreas e número de animais que, segundo os propios dados do Ministerio, non son as xestionadas por mulleres. ( http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=3&i=1782) Se a proposta do plan estratéxico da PAC no Estado Español non incorpora os seguintes puntos, vai ser outra década perdida para avanzar nos dereitos das mulleres labregas:

Mecanismos que permitan mellorar substancialmente as condicións de acceso das mulleres a axuda básica á renda e ao resto das axudas do primeiro piar nas que, segundo os datos do propio Ministerio, estamos agora mesmo en condicións moito máis desfavorables que os homes. As axudas do primeiro piar son indispensables se queremos mellorar a renda das explotacións das mulleres e, polo tanto, asegurar a continuidade das mesmas en condicións equiparables ás dos homes.

  • Igualar os importes que perciben as beneficiarias e os beneficiarios. Se “o pago por hectárea que reciben dous agricultores ou gandeiros que afrontan as mesmas condicións produtivas debe ser o mesmo” necesitamos saber que prevé o Ministerio para que as granxas con poucas hectáreas pero con 1 ou 2 Unidades de Traballo Agrario que viven exclusivamente da agricultura e/ou da gandería, nas que as mulleres estamos máis representadas, se poidan igualar en cantidade de axuda básica á renda con respecto ás que teñen máis hectáreas. Entendemos que igualar o importe por hectárea nunha rexión ou entre rexións de pago, non significa en ningún caso igualar os importes que perciben as beneficiarias e os beneficiarios.

  • Unha axuda redistributiva que permita corrixir os desequilibrios dos importes entre beneficiarias e beneficiarios.

  • Establecer nas axudas do 2º piar intensidades superiores, criterios que prioricen ás mulleres e non subvencionar aos colectivos, empresas ou cooperativas que teñan na súa base social mulleres sen que estas teñan representación nos seus órganos de dirección.

  • Segundo o estudo (sen publicar aínda) que MUNDUBAT realizou sobre a participación política das mulleres campesiñas no Estado Español (e do que nos anticiparon algúns datos na charla de Isabel de Gonzalo Participación de las mujeres campesinas en las políticas públicas”), a escasa participación é un feito. E isto ten consecuencias directas sobre as nosas vidas: se non estamos nos espazos de decisión, non se terán en conta nin as nosas necesidades nin os nosos intereses. Neste mesmo estudo confirman a hipótese de que o marco normativo que regula o ámbito rural do estado español non presta a suficiente atención ás necesidades e intereses das mulleres, o que limita a súa presenza recoñecida na actividade agraria e a súa presenza na vida organizativa. Entre as barreiras que temos as mulleres son comúns non dispoñer da mesma cantidade de tempo para os labores produtivos e tampouco para a participación. Tamén a falta de lexitimidade que reforzan permanentemente estes estudos oficiais: as mulleres apostamos por modelos a pequena escala por diversos motivos e poden ser modelos perfectamente viables, pero é máis complexo lexitimalos. E a lexitimidade resulta clave para a participación.

A reformulación da PAC ten que dar voz as mulleres porque os proxectos que lideran as mulleres teñen un potencial enorme.

Entón, temos a impresión de que as mulleres non estamos nos papeis da PAC e, polo tanto, tampouco nas granxas. Pero as mulleres estamos maioritariamente nas salas de muxido das granxas de leite, estamos en moitos proxectos representativos da gandería extensiva, estamos nos proxectos agroecolóxicos, estamos na maioría dos mercados de proximidade e ecolóxicos, estamos nos grupos nos que se promoven grupos de consumo, nos colexios onde se están introducindo comida ecolóxica e local nos comedores.... Somos miles de mulleres produtoras que non somos xefas de explotacións, non somos titulares, non cobramos PAC, non temos recoñecidas enfermidades laborais propias na agricultura e na gandería, non estamos cobrando pensións iguais que as dos homes, pero estamos. O sector está masculinizado, si, pero hai toda outra parte que está pero que é transparente.

As organizacións do medio rural non teñen unha axenda reivindicativa e poden ter algunha muller nos seus órganos de decisión, pero sen que lles resulten incómodas e sen moita presión para incorporar unha axenda feminista nestas organizacións. Sabemos ben desas mulleres que resultan illadas ou desas mulleres que resultan incómodas, pero non incómodas porque non traballen, incómodas porque pretenden incorporar esta axenda reivindicativa. A creación da axenda feminista sen os espazos de reforzo necesarios nas organizacións, non funciona.

Muller rural e muller campesiña, non é o mesmo. O rural é un espazo de vida. As nosas circunstancias laborais e de dereito son distintas. As mulleres do Sindicato Labrego Galego temos dificultades para identificarnos coas celebracións de mulleres rurais en xeral. Moitas veces aparece muller rural nun ámbito celebrativo totalmente apartado da axenda feminista e apartado dunha axenda de traballo reivindicativo que loite contra esas desigualdades. Nos reivindicamos o noso traballo como parte da axenda feminista.

Cando se fala de PAC non falamos só de axudas, ten moito que ver coas políticas de mercado, coas regulacións ou desregulacións dos propios mercados, ten moito que ver cos prezos , con orientar os proxectos a un lado ou a outro.

A PAC é unha política pública que debería estar ao servizo da sociedade, pero na práctica non é tampouco unha política para as agricultoras e agricultores. É unha política para o sistema alimentario globalizado, é dicir, que realmente quen se está beneficiando da PAC é o modelo globalizado e as industrias agroalimentarias que utilizan ás persoas agricultoras para soster este modelo.

O modelo das mulleres é o positivo, son quen o están facendo ben desde un modelo de soberanía alimentaria, desde un modelo de autonomía.

 

NON HAI QUE CAMBIAR O MODELO QUE REPRESENTAN AS GRANXAS DAS MULLERES, HAI QUE CAMBIAR O MODELO DE GRANXAS QUE REPRESENTA A PAC ACTUAL.

 

Compostela, 1 de agosto de 2021

 

 

logosproxectoeuropeo

 

Arquivo para descargar:  La Política Agrícola Común es feminista? Análisis de las propuestas del Plan Estratégico del Estado Español

Ficheiro adxunto