A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. EXPLOTA-SCORE: A denuncia dos abusos de SUREXPORT chega aos supermercados

EXPLOTA-SCORE: A denuncia dos abusos de SUREXPORT chega aos supermercados

20 de Septembro do 2021

SurexportCarriño

No marco da campaña de denuncia da metodoloxía neoescravista practicada pola multinacional onubense SUREXPORT instalada na Terra Chá, levamos agora ás superficies comerciais a campaña de denuncia a pé de rúa iniciada o pasado 18 de agosto.

Todas e todos nós podemos opoñernos de xeito directo ao racismo, á explotación laboral e ao espolio de recursos do agresivo modelo agroindustrial de SUREXPORT: negándonos a mercar os seus produtos.

No marco da campaña de denuncia da metodoloxía neoescravista practicada por esta multinacional onubense instalada na Terra Chá, as organizacións ADEGA, A Estruga Espazo Agroecolóxico, Amigos da Terra, Confederación Intersindical Galega - CIG, CS Madia Leva!, Central Unitaria de Traballadoras - CUT, Ecoloxistas en Acción, Federación Rural Galega - FRUGA, Sindicato Labrego Galego - SLG, Terra Chá Sostible, activistas da loita contra a megaminaría, movementos sociais, ex-traballadoras e veciñas/os da contorna levamos agora ás superficies comerciais a campaña de denuncia a pé de rúa iniciada o pasado 18 de agosto.

Co obxectivo de sinalar os seus produtos e visibilizar diante das persoas consumidoras os abusos laborais e impactos medioambientais dos que se nutren os froitos vermellos comercializados por SUREXPORT (Berri Sensations, Berries Delight, Fresa Doñarosa...), elaboramos un colante explicativo que, emulando o método de clasificación Nutri-Score, encadra os produtos desta empresa na escala EXPLOTA-SCORE (ARQUIVO ADXUNTO). Ca cualificación E, a máis negativa, o adhesivo -aplicado xa a distintos produtos da empresa SUREXPORT o pasado venres 17 nunha superficie comercial de Vilalba [Vídeo]-, advirte que tras estes amorodos, framboesas, moras e arandos hai xornadas de máis de 14 horas de traballo diarias, racismo, acoso laboral, espolio de recursos naturais e destrución medioambiental.

Situacións como o recente confinamento sen dereito a soldo de traballadores no caso de contaxios COVID-19, exemplifican os abusos de SUREXPORT contra a súa plantilla. Fica inda tamén sen aclarar o falecemento o mes pasado dun rapaz que traballaba nos campos de Surexport e a súa posíbel relación co tipo de xornada realizada por este traballador. O último episodio de presións sobre as persoas traballadoras coñeceuse a semana pasada. Un dos empregados acudiu ao seu posto de traballo, pero ao chegar informáronlle de que ese día non tiñan traballo para el. Reducir días de traballo como castigo contra quen non acepta os abusos desta empresa é unha das represalias denunciadas polas persoas que traballan ou traballaron nas instalacións. Lamentabelmente, este traballador foi atropelado por un vehículo no traxecto de volta á súa vivenda, tendo que ser ingresado no HULA.

 

Acadar unha cidadanía informada ao respecto dos abusos desta empresa, e contar co seu apoio como consumidoras, é crucial para poder paralizar as actividades desta agroindustria e expulsala do noso medio rural. Non imos permitir que a multinacional onubense Surexport sexa a porta de entrada na Galiza do destrutivo modelo agroindustrial lamentabelmente xa instalado dende fai décadas no sur e levante do Estado español.