A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Acadamos o compromiso do CGBS de informar sobre o novo modelo de residencias, SAAD e fondos Next Generation

Acadamos o compromiso do CGBS de informar sobre o novo modelo de residencias, SAAD e fondos Next Generation

19 de Outubro do 2021

cgbs

Margarida Prieto Ledo, vogal do Consello Galego de Benestar Social (CGBS) en representación do Sindicato Labrego Galego, denunciou no pleno celebrado na mañá de hoxe a falta de transparencia deste órgano, que rexeitou xa en dúas ocasións atender solicitudes directas de información sobre cuestións como a Lei de Dependencia, o modelo de residencias ou a adxudicación de fondos europeos Next Generation. Logo de que a vogal do SLG reiterara estas solicitudes de información, o CGBS comprometeuse a tratar estes temas no pleno que terá lugar o vindeiro mes de novembro.

O SLG presentou o 5 de abril deste ano unha solicitude de Pleno Extraordinario para informar da evolución das referidas liñas clave do traballo do Consello. Dado que esa petición de convocatoria de Pleno Extraordinario foi rexeitada, procedimos a solicitar a súa inclusión como punto da orde do día do pleno desta mañá. Esta petición de información foi novamente denegada esta semana, argumentando o CGBS que se trata de cuestións abordables no turno de "rogos e preguntas".

 No Plan de recuperación, Transformación e Resiliencia presentado pola Presidencia do Goberno de España en outubro de 2020, un eixo importante é o dos servizos sociais e os coidados. Fai uns meses a conselleira de Política Social, Fabiola García, afirmou que foron presentados 30 proxectos para optar a estes fondos. Nós solicitamos saber de que proxectos se trata, xa que non hai ningún tipo de información ao respecto, e tamén queremos saber se son proxectos de iniciativa privada ou pública”, explica Margarida Prieto.

Por outra banda, denunciou tamén hoxe a vogal do SLG, fai xa case tres anos, na reunión constitutiva do Pleno do CGBS celebrada en decembro do ano 2018, a representante do sindicato CCOO Maica Bouza Seoane, solicitou un debate en profundidade para realizar unha avaliación conxunta e unha reflexión global sobre o desenvolvemento do Sistema para Autonomía e Atención a la Dependencia (SAAD) e, en xeral, da atención á dependencia na Galiza, proposta apoiada tamén polo Sindicato Labrego Galego.

Dende ese primeiro pleno, en cada convocatoria recordouse o compromiso acadado ao respecto de constituír un grupo de traballo específico, sen que, ata a actualidade, teñamos coñecemento de que dito grupo se constituíse.

O terceiro tema do que o Consello Galego de Benestar Social non quere abondar na información é o modelo de residencias. Das arredor de 22.000 prazas residenciais existentes no noso país, só menos de 5.000 están en centros de maiores de titularidade pública. No último Pleno do Consello Galego de Benestar, celebrado en decembro do 2020, anunciouse por parte de responsables da Consellaría de Política Social que se estaba empezando a traballar nun novo modelo de residencias. Tamén se comentou, en varias ocasións, que se pretendía que este novo modelo fose o máis consensuado e participativo posible. Sen embargo, tampouco o CGBS está disposto a fornecer información Informar de como está de avanzado e en que fase se atopa o estudo do novo modelo de residencias.

Dende o Sindicato Labrego Galego imos seguir vixiantes para que se cumpra o acordo acadado hoxe. Seguiremos esixindo unha participación real da cidadanía á que representamos, non imos permitir órganos de paripé. Non se poden utilizar os órganos de interlocución como unha pantalla ou un xeito de burlarse das organizacións sociais e da propia sociedade dando a entender que se está a ter en conta as demandas da cidadanía nunha materia tan sensíbel como son os servizos sociais, pero logo eludir concretar a información ao respecto, reivindicou Margarida Prieto.