A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG desenvolve unha folla de ruta en defensa das granxas galegas, cunha aposta central pola unidade de acción

O SLG desenvolve unha folla de ruta en defensa das granxas galegas, cunha aposta central pola unidade de acción

10 de Novembro do 2021

tratorada_virtual

O Sindicato Labrego Galego manterá unha dinámica de unidade ante as protestas do prezo do leite, malia o desmarque de Unións Agrarias que non atende a proposta que o SLG lle realizou a semana pasada. Asemade, iniciará unha campaña informativa para buscar a complicidade das persoas consumidoras ante os abusos de Lactalis e outras empresas con prácticas abusivas -como manter os prezos por debaixo de custos de produción-. O SLG anima a produtoras e produtores e ao conxunto da sociedade a participar nas mobilizacións e actos reivindicativos en defensa do sector.

A semana pasada a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego trasladaba a Unións Agrarias, unha proposta de mínimos para unha mobilización unitaria, unidade que xa se está a dar no marco estatal. Esta semana continuamos á espera dunha confirmación positiva sobre esa proposta, mais até o de agora Unións Agrarias negouse a esa posibilidade en conversa telefónica, a falta dunha resposta formal.
    Ante esta postura, o SLG continúa a apostar por accións conxuntas, contando con todo o sector e con aquelas organizacións que desexen loitar por mellorar o prezo do leite, estabelecendo unha estratexia que se sustente no tempo. Con esa vontade e proposta de unidade intactas, o SLG mantén unha folla de ruta para denunciar o maltrato daquelas industrias que se negan a subir os prezos do leite e as súas marcas comerciais.
    No plano comunicativo, o SLG está xa a desenvolver unha campaña de socialización da situación do sector, que se vai ver reforzada en datas próximas con unha campaña de denuncia explícita daquelas industrias que se negan a subir os prezos, e das diversas marcas baixo as que comercializan lácteos apoiados sobre o abuso cara as produtoras e produtores.
Demanda de acción ás institucións
    O Sindicato Labrego Galego prepara tamén unha serie de mocións para se apresentar e debater nos plenos municipais, demandando o apoio e implicación dos gobernos na defensa das granxas do país.
    Tamén no sentido de esixir aos gobernos unha postura de responsabilidade, as produtoras e produtores organizadas no SLG veñen concretando dúas liñas de actuación fundamentais:

- Dunha banda, que se realicen por parte da Administración (Xunta e Ministerio) as actuacións necesarias para que, en aplicación da Lei da Cadea Alimentaria, nos prezos da carne e do leite se inclúan obrigatoriamente as subas de custos de produción, e se prohiban prezos que supoñan para o sector produtor a venda a perdas.
- Doutra, dada a excepcional conxuntura actual: o SLG propón, e demanda da Consellaría que non fique máis á espera, un programa de apoio ao sector que inclúa axudas directas ás granxas de leite e de carne deste país.