A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. As modificacións aprobadas na Lei da Cadea Alimentaria son insuficientes ao carecer de índices de custos de obrigatorio cumprimento

As modificacións aprobadas na Lei da Cadea Alimentaria son insuficientes ao carecer de índices de custos de obrigatorio cumprimento

3 de Decembro do 2021

PREZOSXUSTOSSLG

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alerta do risco de que as modificacións da Lei da Cadea Alimentaria aprobadas na última hora da tarde de onte no Congreso español non abonden para garantir a cobertura dos custes de produción.

A presión do sector produtor e o apoio da cidadanía ás nosas reivindicacións están facendo que avancemos á hora de conseguir que a Administración aprobe medidas que establezan uns mínimos de garantía para as persoas que producimos algo tan imprescindible para a toda a sociedade como é a alimentación.” -Valora Xulio Fernández, coordenador da Dirección do Leite no SLG- O problema agora é que parece que as administracións aproban medidas unicamente para facernos calar, ao tempo que continúa avanzando o monopolio das grandes empresas agroalimentarias da produción e distribución. Non ten xustificación ningunha que o Goberno de España e a Xunta de Galicia sexan incapaces de controlar se unha empresa está pagando por un produto menos do que custa producilo. O que precisamos con extrema urxencia é responsabilidade e seriedade política.”

Se ben a prohibición de venda de produtos agrarios por embaixo de custos de produción no último elo da cadea aprobada onte é unha reivindicación histórica fundamental para a supervivencia do sector agrario e gandeiro, esta medida pode quedar só no papel ao non establecer por lei mecanismos para contar con índices oficiais. Para que exista un cambio real nas granxas, precísase dun sistema de cómputo real dos custes da produción. Dende o SLG esiximos que estes índices sexan elaborados en función das rexións e, no caso da Galiza, sexan feitos pola Xunta de Galicia.

Ademais de establecer estes índices obxectivos para garantir que se pagan os custos aos produtores e produtoras e se remunera o seu traballo, é fundamental que existan medidas de control eficaces ante os incumprimentos e abusos por parte da industria. Actualmente o mecanismo de sanción non resulta eficaz, xa que o prezo a pagar é moi barato e asumible para as industrias. Ademais, este sistema punitivo non ten repercusión final nas granxas, as principais afectadas.

No caso da carne, por exemplo, non existen mecanismos reais para levar á práctica a Lei da Cadea Alimentaria, empezando por cuestións tan básicas como que non contamos con mecanismos de control nas pesadas, e non existen en moitos casos nin contratos nin formas de trasladar a Lei ás granxas.

En definitiva, as modificacións da Lei da Cadea Alimentaria aprobadas onte en Madrid seguen sen afrontar a desproporción existente entre o poder das industrias e superficies comerciais en relación ás persoas que producen o leite, a carne e outros alimentos. O xeito máis xusto de abordar estes conflitos é contar cun proceso de arbitraxe e cunha figura mediadora que sexa responsable da súa resolución. A responsabilidade desta arbitraxe debe ser da administración, no noso caso a Xunta de Galicia.

A Lei está aprobada, se as gandeiras/os e labregas/os da Galiza seguimos a ter problemas para que as industrias paguen prezos legais polos nosos produtos, a responsabilidade última deste incumprimento será da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, ao non estaren asumindo os seus deberes administrativos.