A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Denunciamos o despropósito de lexislar sobre o gando do medio rural como se foran animais das cidades

Denunciamos o despropósito de lexislar sobre o gando do medio rural como se foran animais das cidades

20 de Decembro do 2021

vaca_201221

O Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas amosa a súa preocupación e desconformidade ca ordenanza aprobada polo concello ourensán Castrelo do Val que establece restricións ao paso, estancia e tránsito do gando polo casco urbano.

Esta normativa especifica que non recoller os excrementos das vacas ou das ovellas que atravesen polo núcleo de Castrelo do Val pode acarrear multas de entre 750€ e 1.500€. Dende o SLG denunciamos o perigo desta ordenanza, exemplo paradigmático da irracionalidade de lexislar dende o medio rural adoptando os condicionamentos dunha realidade totalmente distinta, a urbana, poñendo trabas e penalizacións económicas absurdas para o contexto no que se aplican, dificultando inda más a supervivencia das actividades gandeiras e contribuíndo a eliminar as actividades que axudan a frear o despoboamento do medio rural.

Resulta asemade moi preocupante que esta mesma ordenanza considere tamén infracción moi grave “unha perturbación relevante de convivencia con afección directa e inmediata da tranquilidade”, deixando aberta a posibilidade de denunciar, por exemplo, que o son das chocas rompe a tranquilidade da veciñanza.

É moi alarmante que dende un Concello rural se promulguen normas que van en contra das actividades que tradicionalmente se desenvolveron nel, tratando o gando como se fosen animais domésticos e o núcleo rural como o centro dunha cidade, podendo sentar de precedente para outros casos similares.