A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Non á especulación económica coa alimentación

Non á especulación económica coa alimentación

7 de Xullo do 2008

Coa Alimentación non se especula - Mercado da transparencia

Os baixos prezos que, en xeral, percibimos polos nosos produtos, e o desmesurado aumento dos custos de produción que se deu no último ano, fai que moitas labregas e labregos vexamos seriamente comprometida a rendabilidade do noso traballo.

A isto engádese un dominio cada vez maior do mercado por parte das multinacionais da distribución, o que provoca a especulación económica con un dereito básico como é a alimentación: prezos baixos para nós e prezos altos para quen merca os produtos.

Os gobernos, que din defendernos, e diante dos que levamos denunciado esta situación reiteradamente, escúdanse dicindo que non se pode facer nada porque a lei llelo impide (o exemplo máis recente é o do contrato homologado do leite sen un prezo base).

A nosa pregunta sempre é: se son os gobernos os que fan as leis, por que eles mesmos non as modifican? Ou para que nas fan, entón? Para as multinacionais ou para nós?

Todas estas reflexións son as que nos levaron a decidir na Dirección Nacional emprender unha campaña de denuncia e chamar á mobilización conxunta, con nós, da cidadanía.

O que está en xogo é moi importante para nós porque vivimos de producir alimentos, máis é fundamental para a sociedade galega: é o poder comer a diario alimentos sans producidos no noso País.

Ao respecto dos prezos:

  1. Converter a cuestión dos prezos a percibir polos nosos produtos no centro do debate das políticas agrarias.
  2. Establecer un prezo mínimo remunerador (que cubra os custos de produción e o traballo) para todas as nosas producións. Polo tanto, esiximos a modificación da Lei da Competencia mediante a inclusión da prohibición dos prezos por baixo dos custos de produción.
  3. Unha vez establecidos os prezos mínimos, regular a obriga de revisión automática en función da subida real dos custos de produción.

En canto aos mercados:

  1. Priorizar as actuacións que potencien os mercados locais e de proximidade (pequeno comercio, venda directa ...)
  2. Apoio aos mercados, prazas de abastos e novas redes de distribución que coloquen o produto das nosas explotacións nos mercados galegos.
  3. Lexislación que regule as marxes de comercialización e impida a especulación cos produtos agrarios.
  4. Actuacións contundentes para eliminar a fraude na etiquetaxe (venda de produto foráneo como produto galego).
  5. Normativa para produto caseiro e venda directa adaptada á realidade das explotacións.

Para empezar a negociar todas estas cuestións é para o que pedimos tanto á Administración galega como á estatal, a inmediata convocatoria dunha mesa de negociación para abordar medidas de solución a esta crise.