A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG alerta da privatización dos Consellos Reguladores

O SLG alerta da privatización dos Consellos Reguladores

28 de Agosto do 2008

Membros do SLG nunha conferenza

Analizamos as axudas a productores/as de alimentos con calidade diferenciada

O SLG presentou o pasado cinco de agosto en rolda de prensa a súa análise da Orde do 18 de xullo de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos produtores/as que participen nos programas de produción e mellora dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galiza 2007-2013.

O Sindicato Labrego lembrou que estas axudas, concedidas aos produtores e produtoras, non haberían de gardar relación algunha coa suba de taxas por pertencer a un C.R., posto que tal feito suporía un financiamento encuberto dos Consellos Reguladores (CCRR) á conta das labregas e labregos do País.

Ademais, devanditas cuantías económicas concederíanse somentes durante cinco anos, co cal, de levarse a cabo unha suba nas taxas para pertencer aos CCRR, dentro de cinco anos os/as pequenos/as e medianos/as produtores/as non se poderían facer cargo deses pagamentos e só se manterían nos consellos as industrias e as grandes explotacións. 

Dende o Sindicato Labrego advertimos que se está a trazar un modelo de privatización da certificación e o control dos alimentos con calidade diferenciada, que neste caso pasa por deixar fóra a aquelas e aqueles que crearon a calidade alimentar que caracteriza ao noso País: as pequenas e medianas explotacións, fronte ao modelo de produción alimentar industrializada que a cotío tentan impoñernos dende as grandes multinacionais, as únicas que poderían afrontar, con proceso proposto nesta Orde, as taxas de pertenza aos Consellos Reguladores.

O SLG mantense firme na esixencia dun mantemento claro do financiamento público directo dos CCRR, e non a través de subvencións ós/á produtores/as, sendo preciso que se aclare o posicionamento da Consellaría do Medio Rural ao respecto.

Opoñémonos, ademais, a que se empregue esta axuda económica para subir as cuotas que pagamos para estar nos Consellos Reguladores.