A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Xornada informativa sobre a problemática das minas na Terra Chá

Xornada informativa sobre a problemática das minas na Terra Chá

15 de Outubro do 2009

xornada informativa

Mañá, venres 16, o Sindicato Labrego Galego coordenará unha xornada informativa sobre a problemática das minas de cuarzo na Terra Chá, que terá lugar dende as 11:00 até as 18:00 en Muimenta.

En primeiro termo, proxectarase o vídeo “As minas de cuarzo na Terra Chá” realizado por alumnas do IES Meira, no que se recollen testemuñas das diferentes partes inmersas no conflito. Posteriormente terá lugar un coloquio.

Logo de xantar abordaremos, dende unha perspectiva científica, os impactos que a extracción mineira ten nos terreos onde se leva a cabo.

Con esta xornada adicada ás minas, o Sindicato Labrego Galego pretende informar das novidades que pode haber a nivel xurídico, ao tempo que debatemos o tema das minas cos e cas participantes, recollendo as propostas que poidan xurdir de cara a seguir loitando contra estas concesións.

A previsión de asistencia ronda as 30 persoas, a maioría gandeiros e gandeiras, así coma varios representantes das asociacións que forman parte da Comisión en contra das minas de seixo.

Asistirán tamén Lídia Senra, responsable na Executiva do SLG da Secretaría de Organización, e Jose Pérez Rei da Asesoría Xurídica do Sindicato Labrego Galego.

A loita contra as concesións mineiras na Terra Chá.

Dende o ano 2007, o SLG temos promovido varios recursos de alzada e revisión, pedindo a nulidade das concesións. Estes recursos atópanse na actualidade algúns deles sen resolver, e en distintas fases. Tamén se teñen presentado escritos dirixidos ao Valedor do Pobo, así coma ás distintas administracións que podían ter responsabilidade nestas concesións.

Na actualidade estamos nunha nova fase da loita contra estas minas. Dende principios deste ano, as asociacións de persoas afectadas presentamos alegacións ás solicitudes de concesión n´A Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, atopándonos á espera da resolución das mesmas.

PROBLEMÁTICA ENTORNO Á EXTRACCIÓN MINEIRA DE SEIXO NA TERRA CHÁ

Lugar de realización: Asador “O Cabuxo” en Muimenta

11:00 a 14:00h.

-Proxección do vídeo “As minas de cuarzo na Terra Chá”, realizado por Ana Doval, Begoña Otero, Iria Gómez e Paula Sinde (IES Meira)

-Coloquio

14:00h. Xantar

16:00 a 18:00h.

-Charla informativa a cargo do profesor na Escola Politécnica Superior de Lugo, Xan Neira Seijo, : “Incidencia da extracción de seixo no solo”.

-Coloquio