A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Luns 19 de outubro: as produtoras e produtores europeos esiximos responsabilidade política para poder vivir do noso traballo

Luns 19 de outubro: as produtoras e produtores europeos esiximos responsabilidade política para poder vivir do noso traballo

16 de Outubro do 2009

Carme Freire e Lupe Prado

O Sindicato Labrego Galego vén de anunciar na mañá de hoxe a continuidade de accións e mobilización para reclamar solución á grave crise que o sector lácteo está padecendo dende fai meses.

161009

Carme Freire  -Secretaria Xeral- e Lupe Prado -Responsábel do Sector Leiteiro-.

 

O Sindicato Labrego Galego vén de anunciar na mañá de hoxe a continuidade de accións e mobilización para reclamar solución á grave crise que o sector lácteo está padecendo desde fai meses.

 

O vindeiro luns 19, coincidindo coa celebración do Consello de ministros e ministras que se vai celebrar en Luxemburgo para abordar o tema do leite, unha delegación de gandeiras e gandeiros produtores de leite, encabezada pola gandeira Responsábel do Sector Leiteiro, Lupe Prado, vaise trasladar a dita cidade para participar na mobilización que as organizacións integrantes da Coordenadora Europea Vía Campesina imos levar a cabo.

 

Paralelamente, o mesmo luns 19, Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, entregará un documento na Delegación do Goberno español* na Galiza, que acompañaremos coa entrega dos recibos de cobro do leite do último mes pertencentes distintas empresas, a fin de que a señora ministra teña constancia da situación real de prezos que está percibindo as explotacións deste país, que non son precisamente os 0,30€ que transmitíu á opinión pública a semana pasada durante a súa asistencia a un foro agroalimentario en Santiago de Compostela.

 

Pedímoslle á ministra que se adique a propoñer solucións para resolver esta situación en vez de contar mentiras ou, no mellor dos casos, inexactitudes, coas que vai debuxando un escenario que dista moito da realidade que están a vivir as explotacións.

 

As reclamacións centrais que dende o SLG lle facemos á ministra de agricultura, Elena Espinosa, e á comisaria de agricultura, Marian Fischer, para que defendan no encontro ministerial que vai ter lugar este luns, atenden á recondución da política leiteira en tres puntos:

 


 

  1. Reducir a produción global de leite na UE para equilibrar oferta e demanda e non deixar ás explotación en mans da especulación de industrias e da distribución que impoñen prezos ruinosos.

  2. Seguir mantendo máis alá do 2015 o control público da produción non sometendo á cidadanía e ao sector lácteo a outros sistemas como o “mercado de futuros” que o único que garanten é a especulación cun produto básico para a alimentación como é o leite.

  3. Establecer prezos mínimos para o leite que cubran custes e traballo de produción.

 

Todas estas medidas non custan un só euro do erario público europeo nin estatal, sendo polo tanto unicamente unha cuestión de responsabilidade política, que a ministra as defenda para non abocar ao peche a miles de explotacións galegas e do Estado español.

Diante da actitude impermeábel dos gobernos á hora de asumir as propostas dun sector produtor que loita por manter a súa existencia e négase a aceptar que as leis se fagan tan descaradamente para as multinacionais, as mobilización e a presión son o único camiño polo que nos deixan ir as e os “responsábeis” políticos para resolver esta situación de desfeita do agro.

*Ás 12:00hrs. Diante da Delegación do Goberno

Praza de Ourense 11. A Coruña (Tel.: 981 989 000)